Á Beira do Camiño: Os bens da Igrexa (II)
Mato, Xesús - viernes, 01 de junio de 2007
Retomamos tema. Os bens materiais/culturais de titularidade eclesiástica máis preto de nós son as igrexas, utilizadas para o culto e abertas a actividades socio/culturais. O que orixina gastos de mantemento que asumen, na súa maioría, cregos e fieis.
A diocese de Lugo conserva o meirande legado arquitectónico románico de Galiza. Sobresaen a catedral de Lugo, mosteiros/conventos e centos de igrexas e capelas rurais e as clásicas da Ribeira Sacra e das catro rotas do Camiño de Santiago.
Os bens que gozamos os galegos (cos peregrinos e turistas), estean ou non declarados Patrimonio da Humanidade, Europeo ou BIC (Bens Interese Cultural) por riba das nosas crenzas, han de ser protexidos. Non chega coas leis, recomendacións e sancións, senón que se precisa a colaboración de todos, subliñamos o pasado domingo.
Co desexo de colaborar e de compartir responsabilidades, agora que hai máis cultura e concienciación de que todos somos necesarios (como na loita contra o lume) e que dispoñemos de máis medios, pedimos á administración (sobre todo Patrimonio) máis presenza, diálogo, escoita e colaboración coas persoas que están ao pé de obra.
No rural, ¿quen defende e protexe aos cregos e veciños que vixían e coidan, a diario, esta riqueza, tanto nas parroquias illadas da Montaña como nas dos Camiños que están a facer máis fermosa a provincia de Lugo? ¡Fai falla máis compromiso... e compartido!

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora