Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Foz é mar

martes, 18 de julio de 2017
A tradición mariñeira da vila, reflíctese en tódalas manifestacións: o seu singular talante ; o carácter paroleiro, extrovertido e amablemente acolledor; a fértil imaxinación e a simpatía, definen a idiosincrasia das xentes afeitas a esculcar afastados horizontes e a vivir no seu contorno a aventura diaria que determina a fraxilidade do individuo ante a inmensa forza da natureza; desafío que moitas veces… demasiadas veces… conduce á traxedia.

A mais remota historia focega relaciónanos co mar, e aínda hoxe segue a ser, na versión do mar-turismo, principal protagonista no desenvolvemento eonómico-social, unha vez perdida a súa preponderancia de mar-pesqueiro e de cabotaxe, que mantivo ata mediados do século pasado en que se iniciou a decandencia, ata a desaparición, debido sobre todo ó erro de construir o porto dentro da ría, e non fóra dela, como xa no ano 1936 pedían os mariñeiros “para que Foz sexa un porto con futuro, sen atrancos para a entrada e saída de embarcacións”, decían.

A historia dos pobos non a escriben os cronistas. A éstes quédalles a misión de espallar os feitos, non permitindo que sexan manipulados ou falseados, tentación non infrecuente nesta sociedade. A histora dos pobos escríbena, día a día, os seus homes e mulleres: coas as súas mágoas e ledicias;os traballos e ilusións; as grandezas e miserias que van marcando, no decorrer dos tempos, o vieiro que define ós pobos; en definitiva, o que constitue a esencia do seu ser.

É a de Foz unha historia escrita a golpes do mar das nosas venturas e dos nosos dramas; neste mar das nosas frustracións, temos a maioría dos focegos de nación as orixes, aínda aqueles que a vida nos marcou outros rumbos: a miña aboa era “vendedora” e meu pai mariñeiro, nos tempos heroicos da vela e o remo, e logo navegante que percorreo os mares de medio mundo, e armador de dúas lanchas.

Foz é mar. Os mais vellos papeis referidos á vila falan da dedicación mariñeira dos focenses. Non pode estranar que con tal currículum sintan no seu peito e no corazón un grande amor e devoción pola Patrona, a Virxe do Carme, como amosaron coa asistencia masiva ós actos celebrados os días da festividade e cómo, de forma brillante e sentida, o expresou no seu pregón Suso Castiñeira: de vella e histórica estirpe mariñeira, en tempos tamén él membro activo, soubo trasladar, con humildade, pero con emoción, os sentimentos que emanan da inestable vida do mar; que manterá sempre o seu engado porque, como dixo o poeta francés Beaudalaire, “o home libre sempre amará o mar”

Chegadas estas datas, pásanos pola mente, en fugaz visualización, a película de dramáticos sucesos que encheron de loito a multitude de fogares. A Virxe do Carme é para as xentes do mar, símbolo da esperanza. Por eso a súa festa é a mais expresiva manifestación das devocións colectivas na beiramar. Foz imprégnase dese hálito emocional que emana da figura sublime da Virxe, excelsa Patroa dos mariñeiros. As súas voces entoan a Salve Mariñeira e as rúas cúbrense de atísticas alfombras que requiren o traballo entusiasta de homes, mulleres e rapaces que rivalizan por ofrecer o seu esforzo á Virxe que, trunfante, será paseada por tan fermoso e mol céspede.

A programación festeira remata coa homenaxe ós nosos náufragos, ante o seu monumento, e interpretando a Salve Mariñeira os asistentes que abarrotan o templo parroquial; as voces tremían coa emoción. E tan pouco pode estranar, porque... ¡FOZ É MAR!.

(Suso Fernández é Cronista oficial de Foz)
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES