A mala educación
Piñeiro, Antonio - viernes, 14 de julio de 2017
Cando, hai pouco máis dun mes, tiven ocasión de visitar o Congreso dos Deputados e botar media mañá na cafetería do edificio enviando correos electrónicos e whatsapps a xornalistas culturetas de Madrid, mentres na sala Tomas y Valiente -se mal non lembro- a Comisión de Cultura debatía diferentes temas que non tiñan que ver coa nosa presencia no hemiciclo, por onda nós pasaron políticos de toda caste e condición dos que forman o denominado arco parlamentario español.
Novos e vellos, altos e baixos, grosos e fracos, de punta en branco ou autenticamente estrafalarios (agora póñalle o "a" a todo iso para que non pense que estou a falar só de medio Congreso), solitarios ou en grupo, coincidimos cunha ampla representación do que se ven chamando nova e vella política.
Nun momento dado, a persoa que me acompañaba, un mozo de Orozko (Vizcaya) que fai que a cortesía e a cordialidade, as boas maneiras e polo tanto a boa educación, teñan denominación de orixe vasca, reparou nun mozo que pasaba as miñas costas e que camiñaba abstraído na pantalla do seu smartphone do mesmo xeito que camiñaría pola rúa de San Jerónimo calquera ouro mozo da súa quinta a esa mesma hora e sen tanta proxección.
"Mira, ese es Rufián!", susurroume case ó oído para alertarme, con prudencia, da inesperada visión, exclamando -tamén pola calada- algo que, para non ser mal interpretado debe ser lido no propio contexto coloquial e de confianza mutua, da situación: "Pero, si no tiene media hostia!"
"Ya ves -contesteille eu- y aún así tiene atemorizada a toda la clase política. Por su mala educación!"
Alleo, loxicamente, non só á nosa conversa senón tamén á nosa presencia, el e mailo seu teléfono desapareceron pola porta coma quen andaba á caza dos pokemon, deixándonos a ámbolos dous teorizando sobre os desesperantes e superficiais momentos que vive a política española e que tanto dano lle están facendo ó conxunto da sociedade que permanentemente contempla os seus, a miúdo badulaques, espectáculos a través dos medios de comunicación.
Lembrei hoxe esta anécdota despois de ter lido o enfrontamento mantido entre dous representantes municipais -unha do goberno e outro da oposición- de Ourense durante o cal seica se puxeron de tolos -máis ou menos diagnosticados ou máis ou menos medicados- para arriba e cun ton de voz que seica permitía escoitar os berros no pórtico do paraíso,por non dicir no inferno.
E é que, cando a mala educación se instala na comunicación entre dúas persoas, nin hai política nin rediós que resista o bochorno que provoca, xa sexa que o faga o Rufián mediático do Congreso ou dous anónimos concelleiros de calquera corporación.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora