Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nunca ninguén me tratou tan mal

viernes, 14 de julio de 2017
Hai anos tiven a oportunidade de achegarme seriamente á situación de soidade, desamparo e mesmo desprezo social das viúvas e viúvos, incluso con referencia moi especial á nosa Galiza.

Eu vivín iso en primeira persoa desde experiencia da difícil camiñada dun orfo a quen lle faltou unha das dúas principais figuras do apego no corazón da infancia: a morte da nai.

Pero nunca nos faltou o amor por parte do noso pai nin houbo ningún deterioro espiritual e afectivo na presenza amorosa, eminentemente digna, da nosa nai. Todo o contrario. Había moita dor na casa e mesmo falta de “xeito” nos coidados da vestimenta. O noso pai nunca soubera que facer cos vestidos das nenas ou como adaptase ás medras do fillo. Pero endexamais houbo medo, ameazas, descrédito, etc.

A figura materna agrandouse na ausencia e nunca parou de medrar ata hoxe, por obra do noso pai. O proxecto esponsal nunca rompeu. Medrou.Descubrimos algo moi importante. A realidade efectiva da súa promesa: “Sen que a morte nos separe”.

Froito diso foi un libro: A viuvez na Pastoral da Saúde, publicado en Encrucillada con prólogo de Andrés Torres Queiruga no ano 2005.

Xa daquela descubrín e fiquei con ganas de afondar noutra realidade moi semellante e eminentemente dolorosa: Os diversos procesos de separación matrimonial ou ruptura de parellas.

Non dei ao prelo o que fun vivindo no acompañamento dalgunha das partes desa “desfeita”, principalmente da persoa máis maltratada, habitualmente a muller, pero non só ela. Os novos “orfos” tamén sofren un inferno, que non entenden, que os supera por moitas partes e do que quixeran sempre desaparecer. Deixan marcas indelébeis en todas as dimensións do ser humano, no crecemento e formación, e non desaparecerán.

O matrimonio ou a vida en parella fai que a vida se configure nunha ”unidade de dous ao unísono”. Por iso cando un deles morre, a parte que sobrevive expresa o seu drama con esta expresión: Fiquei “en mitade” para todo, cando antes sempre eramos “os dous un só”, para todo.

Na separacións dáse, coma na viuvez, un proceso de perda total que abanea os alicerces mais fondos da persoa e da unidade familiar. Pero aquí é máis grave e moito máis difícil: aquí dáse unha morte sen morto. Peor. Hai unha morte con un morto moi vivo, perseguidor e ameazante. “Cando un amor se degrada morre moito aló na alma”.

A morte do amor vólvese un inferno desde un comezo,que chega moito antes do que ruptura ou de tomar a decisión da separación definitiva e da súa execución real. Se as paredes dos fogares familiares ou mesmo as roupas que vestimos e xa non digamos a propia pele que ten de protexer o noso físicofalasen, daquela ...!

Incluso os ollos grandes, redondos, estupefactos e sen bágoas, secos de medo, dos nenos e nenas que non saben explicárense o que pasa e sempre pensan que é culpa deles.

A autoculpabilización dos menores é unha realidade da que case ninguén fala nin comprende porque os adultos pensamos que non ven, no oen, non se decatan, non lembran, etc. É unha realidade difícil de captar.

Desde hai tempo "tocoume" facer acollida, escoita activa e acompañamento de persoas en procesos de separación. Que fácil é teorizar! Que difícil é "pisar crúa realidade"! Canta dor e canta desorientación! Por veces, canta persecución e maldade por parte daquel ou daquela a quen selle deu e entregou o máximo do amor.

Hai pouco días lin un artigo que me obrigou volver sobre das miñas anotacións persoais por mor de publicar algún día certas suxestión que poidan axudar.

Vexo que hai tentativas. Grupos de acollida, escoita activa e acompañamento onde as redes de apoio con boa preparación poden dar algo de luz e esperanza en procesos dunha profunda soidade: crear esperanza e camiños de futuro sans e saudábeis.

Quen pasa por unha situación de divorcio ou separación sofre no máis íntimo moitas dúbidas e preguntas moi fondas: Quen son eu?,pois non me recoñezo.Qué fago agora coa miña vida? Por que me pasa a min todo isto? En que fallei? Algo tiven que facer moi mal. Etc.

Acoller incondicionalmente. Consideración positiva: Crer á persoa e o seu relato, máis alá dos seu silencios ou verdades a medias, por medo a falar ou que a xulguen aínda peor do que ela mesma se valora. Que difícil é verbalizar, pórlle palabra ao que produciu tanta dor no máis íntimo do propio ser.Intuír o que se cala e saber esperar o momento...

Iso leva moito tempo: encontrar palabras e afouteza para sacalas á luz, incluso ante nós mesmos, canto máis ante outros. E porén non haberá sanación cumprida ata que eu mesmo/a logre desenmascarar ese enorme dragón que me habita no máis fondo e que me produce tanta dor e me paraliza. O medo, os medos,tóllenme. Por iso precisamos encontrar esa relación de axuda. E que sexa axeitada e documentada. En de non, pódese facer moito dano.

Saber baixar ao mesmo pozo e con empatía, pórse ao par: se eu estivese nesta situación tería necesidade de ...? E desde aí estar dispostos a facer conxuntamente unha longa camiñada ata que aparezan luz e novas forzas. Sen invadir nin anular nunca á persoa. Non imporse. Non caer na tentación dos consellos baratos. As decisións son sempre persoais. Doutro xeito non serían liberadoras.

Axudar a vivir a separación non desde o conflito e si desde o encontro. Primeiro coa propia persoa. Recuperar as posibilidades de xerar vínculos. Ter a esperanza como pedra angular que constrúe un novo presente.

Pero nunca, nunca, frear a liberación interior. E, por suposto, buscar desde o primeiro intre a seguridade persoal e o trato digno entre iguais. “Sen igualdade non hai xustiza. Sen xustiza non hai igualdade”.

Non caer nunca na trampa de pensar que agochando as orellas con submisións claudicantes se soluciona nunca nada. Nunca endexamais un trato degradante nin por pensamento, palabra, acción, obra ou omisión. Nin seudocrenzas relixiosas ou doutro tipo. Amañáronse moitos problemas afogando á parte que xa nin respiraba. Eses acompañadores mellor que desaparezan de por vida.

Hai unha idea que empeza a aparecer e pode dar algún froito: Trátase de crear grupos de acollida, escoita activa, técnica e ben preparada, con un acompañamento persoal e terapéutico. Sería como unha rede de apoio para os que buscan propostas concretas tras da separación ou divorcio para facer e seguir axeitadamente un acompañamento adecuado nos procesos de remodelación da propia existencia con todas as esixencias dun bo facer. E ten de abranguer a todo o sistema familiar.

Seguiremos falando disto aínda outros días. A conspiración do silencio é moi grande e fai dano. Vaia se fai dano! Aquí vale aquilo que o poeta miguel Hernández dixo do cárcere no que el estaba e morreu: “La fábrica del llanto y el telar de las lágrimas”.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES