Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Expectante

jueves, 13 de julio de 2017
No noso país, aínda recoñecendo que a xestión económica, dentro dos parámetros fixados polo goberno actual, arroxan un nivel de aceptabilidade razoable, reina un certo desacougo, por unha serie de problemas que ERAN PREVISIBLES, e os gobernos da quenda, cando non os propiciaron, deron o barco ao vento. Non é necesario traelos agora a palestra, porque o mesmo pobo, nuns casos, ou un sector nada desprezable do mesmo, noutros casos, encargouse de cursar respostas que incluso comportan a debilitación do estado de dereito.

Precisamente neste medio dixital saíron artigos que o advertían; pero supoño que foron despachados co cualificativo de pesimismo incompetente e indocumentado. Sen descartar que poderían estar no certo, porque as opinións que neles se expresan non son ensaios documentados, todo o máis ofrecen, ás veces, algún apoio de autoridade con suposta documentación. Non obstante, non sería unha perda de tempo que a sensatez do gobernante catalizara a comprobación dos acertos, a posteriori, das previsións apuntadas polos medios.

Creo, tamén, que, quen da opinións, ademais das razóns que acompaña oportunamente, talvez deba complementalas con aquelas que posúa como apoio xeneralizado, facéndoo desde unha perspectiva máis universal, porque, sen dúbida, consciente o inconscientemente, están condicionando aquelas. Permítanme, pois, que lles ofreza aquí algunha do meu acervo, AINDA QUE NON DA MIÑA AUTORÍA; SI DO MEU AMAÑO.

A.- Penso que a crise económica que estamos padecendo non é CAUSATIVA, SENÓN CONSECUTIVA DUNHA CRISE DE MÁIS CALADO . E si isto fose certo, os arranxos económicos por necesarios non son decisivos: a corrección das consecuencias debería ir acompañada da das causas en todos os ámbitos.

B.- Considero que a crise abrangue a mesma CIVILIZACIÓN. Son consciente da extensión deste concepto, pola súa difícil concreción; pero hai ámbitos importantes da sociedade acredores a un interese analítico para determinar as CON-CAUSAS desta crise. E sobre todo o que quixera deixar ben claro é que a solución económica por si sola non parece que sexa suficiente, e, incomprensiblemente, os gobernos descoidan outras causas da crise. Se non me equivoco, en medicina a isto chamaríaselle un tratamento sintomático, é dicir, un parche paliativo.

C.- Perdemos o sentido da boa convivencia, entusiasmados co TER, que ocupa o primeiro lugar nas nosas categorías, e afincados na perversión da verdadeira natureza da liberdade, da que nos permitimos abusar deixando ao doután os impulsos dunha mala educación, e abrindo brechas, nos espazos da necesaria concordancia, á retranca, que acompaña unha estraña e solapada vinganza con evidentes repercusións sociais: Os políticos deberían esforzarse en manter viva unha conciencia nacional, en vez de crear crispación e esfarelar a “constitutividade” nacional, confundíndoa coa constitucionalidade.

D.- Un capitalismo desbocado fai tamén un uso perverso das liberdades, dedicándose a producir non só aquilo que se necesita para vivir, senón que, cun aparatoso medio de propaganda, incitando a consumir o innecesario, inunda os establecementos de abafantes ofertas. A creación de demandas innecesarias non só esgota os recursos económicos das familias, senón que deforma a conciencia dos cidadáns, sempre insatisfeitos, calquera que sexan os seus recursos, porque a todos os niveis o capitalismo sabe abrir canles incitadores de cuantiosos gastos: Ofrécense reloxos, por exemplo, dun prezo elevado, a dez euros cada mes; pero cóidanse moito de aclarar cantos meses hai que pagar, para non quebrar a esperanza do comprador.

E.- Mentres algúns grupos políticos utilizan a desorde nas rúas para poñer de manifesto a súas reivindicacións – sen tacha democrática, se non se producen excesos violentos – o capitalismo aproveitase desta desorde, para impulsar unha civilización con base no diñeiro, fomentando a valoración do superfluo; unha civilización na que, co valioso apoio dos partidos que se din progresistas, só hai cabida para o negocio e o útil. Pero...como se vincula á desorde?. Na deformación da conciencia: O tumulto rueiro lévanos a pensar puerilmente que somos libres CANDO TEMOS O QUE QUEREMOS; pero, para telo, media un diñeiro que reivindicamos e, frecuentemente, QUEREMOS O QUE NOS OFRECE A PROPAGANDA CAPITALISTA.

F.-Penso que estamos descoidando demasiado os parámetros que conforman a nosa realidade persoal. Porque entretidos con arranxar todo o relativo ao HABER, ao TER, esquecémonos de arranxarnos a nosoutros mesmos, fortalecendo a nosa dimensión ética e social, e “derribando os mitos falsos – como di D. Moratalla –; mitos da dereita, mitos da esquerda, colectivos, individuais”. O máis grave deles tal vez sexa, como insinúa o autor citado, a IDENTIFICACIÓN DO ESPIRITUAL CO REACCIONARIO. Por iso, deberíamos considerar que o REACCIONARIO oponse á innovación; pero esta incardínase no espiritual, porque é froito dos esforzos intelectuais dun home que se CONCIENCIA A SI MESMO. E atribuír unha causa espiritual os instintos perversos é unha ignorancia, só, nalgúns casos, considerada ideoloxicamente útil, aínda que moi cotifada nos tabernarios debates.

G.- Outro atranco, con faciana dun paradoxo, é que estamos nunhas sociedades de escasa COMUNICACIÓN, pese aos medios de que dispoñemos, que utilizamos para insultarnos e incluso delinquir, non para abrirnos ao semellante. É que o mesmo esquecemento de que somos realidades (“sustantividades”) abertas, que edificamos a nosa PERSONALIDADE en contacto CON e abertos AO OUTRO, ao noso semellante, no berce do NOSOUTROS, leva aparellada a perda da dignidade, e creo que non teño que esforzarme en ofrecerlles tantos exemplos como hai na sociedade. Pero sen dignidade non é fácil superar a supervivencia dos instintos máis primitivos, se perdemos eses tantos milenios que nos levou superar o individualismo e as meras xustaposicións de seres illados e irresponsables, que, en vez de convivir no común, defendían o espazo vital (sobre todo no ámbito do poder), na selva, por máis que posuían algúns recursos da razón, que nosoutros agora parece que volvemos a declinar.

H.-Constátase tamén unha perda do sentido xurídico das relacións humanas, convertendo as estruturas da convivencia legalmente regulada nun xogo ridículo, altamente perigoso, de decisións arbitrariamente establecidas. Estamos atacando “constructos” acadados en virtude da experiencia de moitos anos, e con pretensións de ceder a quen os ataca, como se estivera asistido por un indiscutible e fundamentado respaldo de racionalidade xurídica. A este respecto, dirían os nosos antepasados que non se pode poñer nas mans dos pícaros o lume.

I.- E poñemos fin a esta relación de patoloxías socio-políticas, de ámbito nacional e universal, recordando as insensateces ecolóxicas, incluso presidenciais – Trump no punto de mira –.
Velaquí algo do que abre ao pesimismo, porque os gobernos e políticos en xeral, eluden acometer en profundidade a súa solución, xa que as patoloxías económicas recidivarán con só parches sintomáticos; as crises requiren unha análise ampla dos parámetros da civilización; o cambio de mentalidade comporta unha profunda revisión antropolóxica, que compromete unha adecuada planificación da educación; a conformación social do capitalismo, sen cohibir iniciativas, necesita reconsiderar a súa función social; a educación do cidadán debe controlar unha liberdade que lle permita evitar que os eventos históricos se desenrolen á deriva, sen posible corrección; se a física cuántica está utilizando fondos virtuais e sutís para explicar a realidade material, non parece que sexa conveniente desentenderse teimosamente do espiritual; é mester evitar a debilitación da racionalidade xurídica, e, sen dúbida, o coidado do medio natural no que vivimos hai que convertelo nun imperativo de supervivencia.

Pero isto imponnos unha esixencia ineludible a todas as persoas humanas: Manternos EXPECTANTES e obrar en consecuencia, urxindo as respectivas actuacións, legalmente atribuídas, a quen ostenta a representación das institucións gobernativas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES