Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ourense e Miguel Ángel Blanco

martes, 11 de julio de 2017
É evidente que aquelas corenta e oito horas de hai vinte anos quedaron marcadas a lume nas nosas conciencias e que a nada que tiveramos unha mínima idade para reter na memoria o que pasaba ó noso arredor daquela, manteremos cristalinos os momentos que estabamos vivindo cando fomos coñecedores polos medios de comunicación daquel horrendo suceso.

É evidente, ademais, que os ourensáns atopámonos de súpeto cunha emotiva razón de peso engadida ó lombo, cando soubemos da súa orixe ourensá e contemplamos a aquel humilde "albañil" de Xunqueira de Espadanedo completamente desnortado pola pina acera do seu barrio de Ermua, perseguido por tantos xornalistas e sen ter conciencia aínda de que o que acababa de acontecer ía provocar un terremoto familiar na súa humilde vida.

É evidente que todos somos conscientes do balbordo que posteriormente provocou aquel sacrílego ultimatum e do movemento social que xerou -contradictoriamente para ben da nosa común convivencia- o satánico asasinato daquel mozo de torgueira ourensá, ó máis tráxico estilo dos crueis "paseos" acontecidos seis décadas denantes, nunha cuneta do País Vasco.

É evidente, así mesmo, o silencio que coma o orballo do outono foi caendo sobre a súa memoria co paso do tempo, ata que dez anos despois -é dicir, hai dez anos- os seus pais decidiron definitivamente trasladaren os seus mártires restos -ultraxados en varias ocasións e de ben distintas formas no cemiterio de Ermua- para a tranquilidade bucólica do camposanto de Faramontaos, onde, dende aquela repousan, coido sinceramente con demasiado silencio.

E escribo así porque, evidentemente, son dos que penso que Ourense (e cando digo Ourense, non me refiro só á clase política, senón a todos e cada un dos ourensáns que vivimos con plena conciencia o seu calvario e que temos unha mínima responsabilidade nalgún movemento cultural, social ou veciñal mesmo) non temos estado á altura do que representa -ou do que debería representar- o feito de ter entre nós o símbolo dun dos baluartes sobre os que se asentan os corenta anos de democracia que non hai sequera un mes que celebramos.

Pregunto eu, en consecuencia: Cantos pobos de Ourense contan cunha rúa que se chame Miguel Ángel Blanco? Acaso hai algún recoñecemento que exalte entre os máis novos, valores coma diversidade ideolóxica, tolerancia ou respecto? A Universidade -tan prolixa en simbolismos- conta con algunha cátedra que o mente? Hai aulas, nos institutos ourensáns, que teñan gravado na porta o seu nome? Sábe, o resto de España, que a memoria física de Miguel Ángel Blanco repousa nun "verdescente" outeiro de Ourense?... E así poderiamos continuar, sempre co mesmo monosílabo como resposta omniscente.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES