
Coido que as crianzas están de parabéns, pola primicia que o escritor e especialista en literatura infantil, Xoán Neira, apórtalles no seu libro de estrea: Chafarís, con lindas ilustración de Ánxeles Ferrer, e publicado por Edicións Embora, Ferrol (2017). Magnífico agasallo para a lectura en praias, montañas e mesmo á sombra dun castiñeiro ou figueira e, aínda, contemplando un chafarís; brindando chorros de auga de mil maneiras. Un libro que ilustra aos nenos de tódalas idades e aínda aos adultos. Sabedes por qué? Porque Xohán Neira, este escritor de Lugo e con residencia en Viveiro, sabe moito das bravas augas mareiras e das lentas augas do Miño que decoran en transversal a toda Galiza. O autor bebe das augas puras e non contaminadas de fontes, fonteiriñas e, como non, dos chafarís urbanos que transborda a seus poemas. Augas que lle dan folgo para non ter sede das letras e da fala galegas, que usa e tempera tódalas experiencias e dimensións que ofrenda o noso vocabulario.
Reitero, Xoán Neira é un experimentado escritor da nosa literatura infantil, con varios anos de experiencia e utilidade, nesa vocación de facer país, partindo de achegar as nosas letras aos de menos idade: os nenos. Ese enorme potencial da fala que comeza mesmo na infancia. Xoán o sabe moi ben, o seu oficio de pedagogo, durante moitos anos, o acondicionou a estar mesmo na fenda do problema e saber que o cultivo da lingua comeza mesmo na docencia. Por tanto este mestre, ademais de coñecer a mentalidade dos nenos, sabe tratalos psicoloxicamente e deste contacto transborda experiencias que os nenos conectan co que el lles conta. Xoán Neira ten unha vantaxe sobre os que escribimos literatura infantil, os que descoñecemos o medio escolar e a mentalidade infantil. Escribir para os nenos non é nada fácil, ademais de lectores son uns críticos moi concisos e verdadeiros. Non finxen e non se recatan de manifestar os gustos, do si ou do non. Xoán Neira o sabe perfectamente e, por tanto, o seu estímulo de achega é moi importante para a literatura infantil no noso país.
Xoán Neira é un autor que non merece esquecemento por parte dos chamados críticos literarios, ah!, é que a Galiza ten críticos literarios? Onde é que están para que ignoren a un escritor dunha longa carreira sen tropezos. Ou é que tratan de ignorar a literatura infantil por considerala miudiña? Si ese é o trauma, por camiño errado e de viravoltas van sen decatarse que están no labirinto dos maiores silencios. Claro, o silencio equivale a negar as evidencias. Señores, estamos na era das redes informáticas onde todo se esclarece, e moi pronto, nesta ruta de ideas esclarecemos que Xoán Neira terá a súa merecida recompensa, pola dignificación de usar a escrita da lingua e da súa pertenza, os demais continúen no seu escuro labirinto de silencios.
Doce poemas (número sacro ou exotérico) que gradúan a puntualidade de que o lector infantil entre nun aprendizaxe de temarios que, tal como están presentados e suxeridos polo autor, non lle son alleos. A simplicidade é o mellor vencello para atinar desas cousas de utilidade como é o paraugas, poema que abre o libro. Ese utensilio que nos protexe da choiva e do sol; que nos serve de caxato para camiñar aos poucos. O valor deste obxecto na Galiza sempre foi loado e o seguira sendo, por moitas competencias que teña. Ademais os nenos marabíllanse nese bater de pingas que producen harmonías musicais e os salva da molla.

A presenza do reloxo, ese outro artificio incómodo que nos controla e nos acorda, suspendendo os soños e as satisfaccións que a noite nos ofrece en silencio. Coido que os nenos estarán de acordo co poeta cando di:
Se parasen os reloxos,
sen horarios nin obrigas,
fariamos un gran recreo
desde a mañá á tardiña.
Continúa a aprendizaxe emotiva desa pedagoxía das cousas descoñecidas que o poeta desvela. Neste caso, o poema O pan, esclarece para aqueles nenos vilegos, urbanizados e alleos aos procesos e aos coidados deste cereal e a elaboración do mesmo. O pan non aparece nos mercados, porque si:
Fariña ben amasada
métese no forno quente
e prodúcese o milagre
que alimenta a tanta xente.
Velaquí o poema central que da título ao libro: Os chafarís, a utilidade e o respecto pola auga suxire neste poema varios temas, a necesidade de bebela, a brincadeira que os infantes fan con ela e, tamén, o seu aproveitamento. Todo isto, dito en verso, fai que a auga cante na alma activa dos nenos.
Que infante non se impresiona docemente sobre a luminaria das estrelas. Pois neste libro esta A estrela amiga. Tan amiga como máxica e relucente que o neno pode invocala:
A estrela, miña amiga,
nunca se vai apagar.
Cada noite ás agachadas
con ela quero xogar.
Tampouco falta esa fauna curiosa como é o morcego, que no lusco fusco comeza a dar voltas entre casas e arboredos. Grazas a el descubriuse o radar. Ese mamífero con asas que fai acrobacias, os nenos non deixarán de admirar eses suculentos ritmos. Tamén teñen o seu poema tódalas Aves migratorias que se van de Galiza pero regresan para anunciarnos a estrea da primavera como o cuco, a bubela, a andoriña e tantas outras aves. Sen dubida, os nenos sentiranse agraciados cando sintan O peto, petar en alta torada de fraga enxoita, furando co pico os miolos da cortiza das árbores, facendo fogar e nel criar niñada. Só o seu petar é música de rexos sons:
Peto, a min ti non me enganas
mesmo sen poderte ver
sei que me petas nesta fraga
pola tarde e ao mencer.
Benvida sexa esta obra infantil que ben a aportar a medra dun autor consolidado e consagrado na literatura infantil, que nos fai regresar aos adultos a recrearnos na harmonía destes versos que nos falan de cousas tan próximas e descoñecidas. Un verdadeiro acto de coñecemento por parte de Xoán Neira que nos ofrece nesta obra tan singular.