Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O planeta libre

miércoles, 12 de julio de 2017
O planeta libre é unha longametraxe dirixida por Coline Serreau en 1996 que relata como unha especie humana moi evolucionada debate en asemblea a necesidade de visitar novamente a Terra. Esta especie conseguiu desterrar o sufrimento e multiplicar a esperanza de vida dunha maneira abraiante.

Sen dúbida, o máis interesante deste grupo humano é a súa evolución no ámbito moral que os leva a recuperar por unha parte, o sentido de comunidade e por outra, a comuñón co medio no que viven e que lles vale de sustento. Todo isto tradúcese nun saber case omnisciente que utilizan a prol do beneficio colectivo. É un grupo humano asembleario no que o benestar persoal é unha máxima colectiva, co que cada membro da comunidade ten un peso fundamental na mesma.

Cambiou o sistema educativo, que responde a saberes prácticos derivados da citada evolución, como a materia de Telepatía ou a de Viaxes Interplanetarias. Sen dúbida o que máis chama a atención é a evolución da consciencia da realidade que os leva a non coñecer problemas tan arraigados na nosa sociedade como o alcoholismo.

Parece que este grupo humano aprendeu a vivir en paz, rebelándose contra un sistema que os oprimía e non os deixaba ser na súa plenitude. Así, relatan o boicot ao mundo capitalista situándose nunha etapa Prerrenacentista chea de valores e humanidade.

Dalgún xeito, aprenden a mirarse no espello interno para valorarse como parte esencial da comunidade. Os habitantes do planeta libre gozan con concertos de silencio e volven ao troco para garantir o benestar colectivo. As cousas terrestres soan raras, cousas como as chaves, a burocracia ou algo tremendamente obsoleto para eles coma os cartos.

Sen dúbida o planeta libre sitúanos noutra galaxia onde a vida é o primeiro e gozar dela case é unha obriga. Algo fácil de conseguir nun mundo solidario onde cada persoa é imprescindible e a comunidade é unha rede solidaria de benestar.

Bótase en falta que na película se nos diga a maneira de viaxar a O Planeta Libre (que a min lémbrame ao Asteroide B 612 do Principiño). Se cadra ese planeta fondea en cada un de nós, dependendo da nosa actitude poder habitalo. Seremos merecentes de tal privilexio?
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES