Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Morreu Telelugo

jueves, 06 de julio de 2017
Da mesma maneira que cando nace un medio informativo somos máis ricos en liberdade, cando un medio pecha, algo noso morre. Onte entereime de que morreu Telelugo, e non poido evitar sentilo na alma. Lugo quédase sen televisión local cando en tempos tivo dúas.

Eu fun, con Carlos Rodríguez e as nosas familias, fundador de Televisión Lugo o 4 de outubro de 1994, e aquela data figura na historia da información lucense pola nova dimensión –a da imaxe viva- que se incorporaba á nosa vida colectiva. Pero a miña dor pola perda non ten que ver (ou quizais algo si) co meu vencello ao nacemento da primeira TV local que Lugo tivo na súa historia.

O noso papel –repito que o de Carlos, as nosas familias e meu- foi poñer en marcha a televisión, rexila durante catro difíciles e fermosísimos anos, e ceder o testigo a El Progreso para que seguira adiante cun tema que nos esixía “alma, corazón e vida”, e un –con familia, cunha vida que vivir- non pode dedicarlle de forma indefinida alma, corazón e vida a unha idea, unha iniciativa, unha libre bandeira informativa, por moito que ame a liberdade e a información.

Os catro primeiros anos de Televisión Lugo foron unha ilusión, unha utopía, que fixemos fermosa realidade. Pero cando deixamos aquela empresa - novembro de 1998-, volvemos á familia, á relativa tranquilidade de cada día, a explorar outros mundos informativos (Galicia Digital é o exemplo máis concreto) que como se sabe existen e están aquí.

Non se deben estas verbas a querencia persoal por aquela televisión irrepetible. A nova televisión que tivo Lugo, non tiña porque seguir sendo igual ca a nosa. De feito, non tivo nada que ver coa nosa. Por iso podemos ver a súa existencia, e por desgracia a súa desaparición, desde fóra, como lucenses que queren información, pluralidade de medios, para escoller, escoitar, ler e ver todo o que se nos ofrece, e por iso dóenos a desaparición de Telelugo, nome que o publico lucense xa lle puxera á nosa desde o comezo, porque cando unha pantalla se apaga é como se a nosa capacidade visual quedase radicalmente reducida. Como se a crise nos fixera pechar os ollos.

A maldita crise levará a culpa. E será con razón, porque a crise distáncianos de case todo, e iría facendo esmorecer esta canle. E sen embargo os lucenses teñen demostrado en centos de ocasións que merecen ter unha TV local. Os lucenses, inocentes desta morte, sufrímola do xeito máis directo. Hai xa case dezanove anos que Televisión Lugo dixo adeus. Hoxe despedimos a Telelugo. Sentímolo. Todos os lucenses perdemos algo importante. Descanse en paz.

(Xulio Xiz foi cofundador de Televisión Lugo, a primeira TV local da capital lucense)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES