Democracia na Igrexa, por que non?
Rodríguez Patiño, Luis Ángel - viernes, 07 de julio de 2017
Ante as protestas dos cristiáns no caso do cura de Friol, quero aproveitar para pedir un papel máis activo para o pobo de Deus na elección dos seus Pastores.
"Que non se lle impoña ao pobo de Deus un Bispo e un sacerdote que o pobo non desexe". "Aquel que debe presidir a todos debe ser elixido por todos". "Non se debe poñer un sacerdote a unha parroquia en contra o desexo dos cristiáns e sen consultarlles expresamente respecto diso".
Seguro que non poucos lectores pensarán que estas tres afirmacións están tomadas dalgún documento dos movementos cristiáns de base ou de colectivos de teólogas e teólogos contrarios ao actual sistema de nomeamento de Bispos e de sacerdotes polos Bispos.
Pois non. Son textos dos séculos III e V. O primeiro pertence a san Cipriano (principios do século III-258), bispo de Cartago, quen consideraba "de orixe divina" o dereito do pobo para elixir aos seus pastores. A súa propia elección episcopal foi moi discutida.
O sistema de nomeamento dos bispos e máis aínda dos sacerdotes encargados de parroquias fai que o despotismo sexa a súa patoloxía máis común
Os dous seguintes corresponden a León Magno, papa de 440 a 461, o máis importante do século V, que freou a marcha de Atila sobre Roma. E non son excepción na literatura teolóxica da época, nin se limitan a reflectir un ideal para conseguir. Cítoos como unha brevísima antoloxía que podería ampliar con outros moitos testemuños na mesma dirección. INCLUSO A ELECCION DOS BISPOS (e por analogía dos sacerdotes encargados dunha comunidade) polo pobo foi unha práctica habitual na historia da Igrexa durante o primeiro milenio, como demostra o prestixioso teólogo holandés recentemente falecido Edward Schillebeeckx no seu libro O ministerio eclesial. Agustín (354-430) e Ambrosio (340-397) víronse obrigados a aceptar a súa elección como bispos de Hipona e de Milán, respectivamente, mesmo contra a súa vontade, porque foron aclamados pola comunidade cristiá. Tamén Paulino de Nola (355-431), amigo de Agustín, Ambrosio e Jerónimo, foi elixido bispo por aclamación popular, sendo sacerdote casado.
O concilio de Calcedonia (ano 451) opúxose á ordenación daqueles candidatos que non estivesen vinculados a unha comunidade, ata o punto de declarar inválida esa ordenación. O bispo ou sacerdote que deixaba de presidir unha comunidade, volvía ao estado laical.
Ás veces a elección era moi rifada, e producíanse altercados se non se respectaba a vontade do pobo. Algo parecido sucede hoxe, pero non porque a comunidade cristiá participe na elección dos bispos e dos seus sacerdotes, senón porque esta faise á marxe súa e mesmo en contra dos seus desexos.
Frecuentes son tamén as campañas de sacerdotes e de grupos cristiáns cando corre o rumor do nomeamento dun bispo e de sacerdotes que non consideran idóneo para a súa diocese ó parroquias. Moitas veces sáense coa súa e conseguen que non se nomee ao candidato.
Á mantenta do conflito provocado polo desprazamento do Cura de Friol, puiden ler estes días que o que está en xogo son dous modelos de Igrexa: o máis democrático, e o máis autoritario. Eu creo que esta formulación é teológicamente incorrecto e na práctica, enganoso. O despotismo é a patoloxía episcopal máis común.
O problema radica, ao meu xuízo, no sistema de nomeamento dos bispos e dos Párrocos. De aí derívanse dous modelos de Igrexa: o xerárquico-patriarcal, que se sustenta na elección dos bispos polo Papa e dos Párrocos polo Bispo, sen intervención do pobo cristián, e o democrático-igualitario, que se basea na elección dos dirixentes relixiosos conforme ao principio "un cristián, unha cristiá, un voto". Unha práctica acorde coa tradición da Igrexa, que ten o seu fundamento teolóxico na dimensión comunitaria do cristianismo e que está en sintonía cos procesos electorais das sociedades democráticas. Obxectaráseme que a Igrexa é de institución divina. Aínda nese suposto, que é moito supoñer, non entendo por que a democracia teña que ser contraria á vontade divina nin por que o Papa e os bispos deféndena na sociedade e non a practican na Igrexa. Como Deus pode querer a elección democrática dos gobernantes a nivel político e opoñerse a ela na comunidade cristiá?

Rodríguez Patiño, Luis Ángel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora