Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A credencial do peregrino

viernes, 07 de julio de 2017
Hai uns meses, xantando no restaurante Miracastro de Castro Leboreiro (onde -xa o teño escrito outras veces- acredito que se come un dos mellores bacallaus con broa do mundo) arredor dunha mesa ben sostida por unha ducia de cadeiras entre as que se atopaba a que ocupaba César Maciel, que ademais de espilido "padre" de Castro, poeta intimista e magnífico conversador, é un prolífico dinamizador co Camiño Portugués de Santiago pola costa (non en van, é orixinario de Viana do Castelo), contounos o "padre" unha breve historia de dous peregrinos que paso de contado a resumir.

Se mal non lembro, el era un peregrino alemán, solteiro e profesional, que se acababa de xubilar e que, con todo o tempo para el e para ninguén máis, sen outra preocupación cá de procurar novos retos, decidiu camiñar a Compostela.

Ela era francesa e había algún tempo que quedara viúva. Logo de ter pasado varios meses fuxindo da soidade de casa en casa dos seus fillos, tamén houbo un día no que se quixo probar a ela mesma e decidiu arrancar, camiño tamén de Compostela.

O destino quixo que nun tramo calquera do camiño -unha fonte, a mesa dunha pousada ou mesmo o albergue do cabo do día- os seus pasos coincidisen e comezasen a falar. Na mañanciña seguinte, cando o sol alongaba as súas sombras ata o infinito pola planicie castelá, xa os pasos de ámbolos dous camiñaban cunha insólita harmonía coma se sempre andaran de par. E así ata o mesmo Pórtico da Gloria e a oficina do peregrino, onde lles comprobaron a credencial do peregrino e lles estenderon a devecida Compostela.

Para celebralo convidáronse a un xantar especial nunha mesa ben servida do Hostal e nun momento da conversa que xa mantiñan con cómplice fluidez, coma se se coñeceran de toda a vida, el propúxolle rematar o camiño e ir queimar as botas a Fisterra. E así foi. Ó día seguinte tomaron o camiño da costa, planificándose para cumprir co rito, cando aquel mesmo sol que lles alongara as sombras ata o infinito, os volvera iluminar, pero no sentido contrario.

Pero tamén alí, o camiño chegou a un final que xa non desexaban que chegase nunca, polo que tomaron unha decisión transcendental: Coller o camiño de Fátima. Total, de onde partiran, ninguén os agardaba...

E foi camiño de Fátima, cando os seus pasos se cruzaron cos do padre César Maciel, camiño, el, de Compostela, e onde lle contaron esta fermosa historia que oxalá aínda hoxe continúe escribindo páxinas por algún dos camiños da vida, sen ter chegado a un final que eles non desexaban.

Quería escribir sobre a credencial do peregrino para descubrirlles unha pequena trampa, pero a historia puido comigo e levoume por outra verea. En todo caso, coido que pagou a pena, polo que, tempo terei para contarlla…
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES