Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

...pois eu case o entendo

miércoles, 05 de julio de 2017
Vaia por diante que descoñezo con profundidade cales son os prexuízos medioambientais, así como os posibles beneficios empresariais que pode acarrear a construcción dunha planta asfáltica. E digo de paso, sen saber moito máis sobre os pormenores deste tipo de explotación, que tan só polo nome que a identifica, é moi posible que se nestes intres estiveran planificando a instalación dunha nos arredores da miña aldea, seguramente estaría botando fume polas orellas como seica están os veciños de Parada de Ribeira, debido á licenza que lle foi concedida polo Concello de Xinzo e que nantronte foi obxecto de debate municipal por mor dunha moción presentada pola oposición municipal para que lle sexa anulada a mesma.

Como todo este tipo de propostas empresariais que lle afectan directamente ó medio ambiente e que ameazan presuntamente a saúde, ou cando menos a tranquilidade, dos veciños dun determinado lugar sen recibiren practicamente nada a cambio, entendo que os afectados se poñan en pé de guerra e loiten o indicible para evitaren a súa instalación no entorno.

Agora ben, por máis que ó ler algunhas das informacións publicadas nos medios sobre o debate municipal que tivo lugar na Casa do Concello de Xinzo, cos veciños de parada de Ribeira como espectadores de excepción, estas levaran pensar que o alcalde incorre nunha contradicción, ó afirmar por unha banda o seu posicionamento persoal en contra da instalación, mentres pola outra, como alcalde, asinar a licenza de explotación solicitada, tamén lle digo que eu case o entendo, porque unha cousa é a opinión persoal que pode ter respecto do proxecto, que non ten por qué suxeitarse a outros argumentos cós da súa propia razón ou, nin sequera a iso, senón ós seus propios sentimentos; pero outra ben diferente é o órgano administrativo que representa, que necesita razoamentos legais para recusar a licenza, baixo risco de caer no burato da prevaricación se o proxecto cumpre con tódalas esixencias administrativas e por capricho decide non concederlla.

Venme, como recente botón de mostra, á memoria o caso do alcalde da Merca que estou seguro de que maldita gracia lle fixo ter que asinar o decreto de derrubo da coñecida vivenda de Corbillón, pero non lle quedou máis remedio. E aínda así, debido á dilatación do proxecto, acabou sendo condenado por obstrucción á xustiza.

En fin... Que, máis alá da casuística local e de cómo foron manexados os tempos por goberno, oposición e veciñanza ata chegaren a hoxe en día, o caso é que a min non me gustaría nadiña estar no pelexo do alcalde de Xinzo, pois mal se remata ó animal porque acabarano acantazando, mal se non o remata, porque o animal acabará por engulilo.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES