Inauguracións silenciosas
Editorial - lunes, 28 de mayo de 2007
Estas últimas semanas foron tempo de inauguracións, propiciadas polos comicios municipais celebrados este domingo.
Aínda sendo de dubidosa rendibilidade a efectos das votacións, os políticos lánzanse a unha desenfrenada carreira de inauguracións e posta en marcha de obras que ou ben levan xa tempo feitas ou é prematura a súa utilización.
A excepción atopámola no Ministerio de Fomento, que ven de poñer en servicio o primeiro tramo da Autovía do Cantábrico en territorio galego, no Concello de Ribadeo, en plena campaña electoral, sen ningún acto público. Somente abrir á circulación o novo tramo para que sexan os sorprendidos automovilistas os que fagan a súa inauguración particular.
O bo destas inauguracións é que as imos encontrado a medida que viaxamos por Galicia adiante, e notamos que dunhas estradas estreitas e antigas cambiamos de súpeto a unha nova vía coa que non contábamos aínda que sabiamos de complexas e longas obras.
A autovía do Cantábrico, como calquera outra das que están en marcha ou se proxectan, ven solucionar gravísimos problemas de comunicación. Neste caso, entre o centro e o norte da provincia de Lugo, sempre distantes entre sí polos quilómetros e polas costas.
É xeitoso eso de inaugurar sen inaugurar; de facer en silencio a apertura das grandes obras. Seguro que os que as disfrutan o agradecen, e mesmo se se busca rendibilidade política ten máis repercusión e favorable acollida.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora