Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dor e felicidade

domingo, 02 de julio de 2017
No comentario sobre o texto de Mateo do evanxeo de hoxe vou inspirarme noutro sobre o mesmo texto do coñecido teólogo e bo coñecedor da Biblia, José Antonio Pagola, sobre o que algúns de vós seguramente oístes falar algunha vez. Pola miña parte, identifícome bastante coas ideas de Pagola sobre a persoa de Xesús, que están ademais moi en consonancia co modo xeral de sentir e de percibir das xentes do noso tempo.

Pois ben, no texto de Mateo atopámonos cunha serie de afirmacións, máis ben esquemáticas, que Mateo pon en boca de Xesús e que nos poden resultar un tanto duras ou difíciles de interpretar no contexto doutras manifestacións, máis básicas ou centrais, dos evanxeos. Dísenos por exemplo neste texto de Mateo: “Quen ama o seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min”; “quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min”, etc.

A verdade é que na mensaxe de Xesús hai que procurar atender sempre, da mellor maneira posible, á súa estrutura xeral ou fundamental. Esta non debería endexamais ser descoidada ou esquecida. Refírome sobre todo ó anuncio básico de que todos somos queridos en Xesús polo pai Deus e que en consecuencia debemos comportarnos entre nós sempre como irmáns. Coa alegría e mutua satisfacción que todo isto leva esencialmente consigo.

A linguaxe de Xesús sobre as nosas renuncias ou sobre as cruces que nos tocará levar na vida ha ser entendida, polo tanto, como algo que de feito acompañará con frecuencia o noso seguimento de Xesús; mais non como algo que se derivase directamente da mensaxe mesma cristiá, coma se esta mensaxe en canto tal esixise dores e sufrimentos como condición intrinsecamente necesaria para o auténtico ser cristián. De feito, así semella que o entendían, en parte alomenos, determinadas prácticas penitenciais que os máis maiores entre nós aínda temos nalgún grao vivido.

Neste sentido comenta con razón o aludido experto o seguinte (e penso que paga a pena atender o que nos di):

“Xesús non quería ver sufrir a ninguén. O sufrimento é malo. Xesús endexamais o buscou nin para si mesmo ni para os demais. Ó contrario, toda a súa vida consistiu en loitar contra o sufrimento e o mal que tanto dano fan ás persoas. As fontes preséntano sempre combatendo o sufrimento que se esconde na enfermidade, nas inxustizas, na soidade, na desesperanza ou na culpabilidade. Así foi Xesús: un home dedicado a eliminar o sufrimento, a suprimir inxustizas e a contaxiar forza para vivir”.

Antes de volver ó comentario de Pagola, cómpre que nos decatemos de que Xesús non era un simple e abstracto teórico das relixións sen contacto coa realidade histórica concreta, senón que estaba moi implicado na vida real e sufrinte da xente do seu tempo. Sabía dos intereses e das tensións existentes no seo dunha sociedade conflitiva, tal como era a do seu tempo e como aínda segue a ser tamén a nosa. Xesús non era neste sentido un inxenuo idealista. A unión filial co seu Pai Deus e o contacto coa xente do seu tempo aprendéronlle a ver con xusteza a realidade tal como ela é. Neste sentido continúa a comentar o teólogo guipuscoano:

“Xesús sabía por experiencia que buscar o ben e a felicidade para todos trae consigo moitos problemas. Non se pode estar cos que sofren e buscar o ben dos últimos sen provocar o rexeitamento e a hostilidade daqueles ós que non lles interesa cambio algún. É imposible estar cos crucificados e non verse un día ‘crucificado’. Xesús non llelo ocultou nunca ós seus seguidores”.

É neste momento cando no seu comentario alude José Antonio Pagola ás palabras que xa cos citei máis arriba e que Mateo pon en boca de Xesús: “Quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min”. Pois ben, tras lembrar estas mesmas palabras do texto do evanxeo dinos Pagola:

“Non podía ter elixido unha linguaxe máis gráfica (‘Quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min’). Todos coñecían a imaxe terrible do condenado que, espido e indefenso, era obrigado a levar sobre as súas costas o madeiro horizontal da cruz ata o lugar da execución onde esperaba o madeiro vertical fixado en terra. ‘Levar a cruz’ era parte do ritual da crucifixión. O seu obxectivo era que o condenado aparecese ante a sociedade como culpable, un home indigno de seguir vivindo entre os seus. Todos descansarían véndoo morto. Os discípulos trataban de entendelo.

Xesús víñalles dicir máis ou menos o seguinte: ‘Se me seguides, tendes que estar dispostos a serdes rexeitados. Pasaravos o mesmo ca a min. Ós ollos de moitos, pareceredes culpables. Condenaranvos. Buscarán que non molestedes. Teredes que levar a vosa cruz. Parecerédesvos entón máis a min. Seredes dignos seguidores meus. Compartiredes a sorte dos crucificados. Con eles entraredes un día no reino de Deus’”.

E Pagola remata o seu comentario da seguinte maneira: “Levar a cruz non é buscar ‘cruces’, senón aceptar a ‘crucifixión’ que nos chegará se seguimos os pasos de Xesús. Así de claro”.

E quero só engadir unha breve reflexión, xa para concluír. Está en relación con esta outra frase do texto do evanxeo que Mateo pon tamén en boca de Xesús a continuación das anteriores: “Quen encontre a súa vida, perderaa; mais quen a perda por min, encontraraa”. Así é de sorprendente e paradoxal o seguimento de Xesús, pois é precisamente alí onde todo semellaba ter rematado nun absoluto fracaso onde vai xurdir a vitoria derradeira e definitiva. O “misterio absoluto”, que é e será sempre Deus para nós, instálase así definitivamente no acontecemento de Xesús e nas nosas propias vidas. Toda a nosa vida, a nosa morte e a nosa resurrección son un gran misterio, pois todo iso ocorre á beira mesma do misterio de Deus.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES