Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se iso é política social...

sábado, 01 de julio de 2017
Comezo a escribir, cunha fotografía publicada no xornal de hoxe -onte, para vostede- diante miña, na que se pode ver ó conselleiro de Política Social en primeiro plano, co alcalde de Ourense na súa mesma posición de agachadelas como pano de fondo, e, fronte a eles, un neno de non máis de dous anos que me dá que non alcanza a entender moi ben por qué lle están sacando fotos con aqueles dous homes ós que non coñece de nada e por qué eses homes lle están facendo carantoñas, cando nunca os viu, nin máis grosos nin máis fracos, na súa curta vida.

Hai imaxes que con frecuencia pasan inadvertidas, pero a veces, sen saber moi ben por qué, éntranlle a un polo ollo e máncanlle na conciencia como manca un lixo na córnea.

E como este foi o caso que me ocupa, tratarei de explicar por qué de súpeto unha estampa que seguramente foi provocada para xerar outra interpretación máis cándida, sen embargo, provocou en min unha visión bastante menos inocente, raiando -lamento expresarme así- a obscenidade institucional

Si, xa sei que é frecuente que os políticos de tódalas cores e de tódalas vereas se sintan especialmente cómodos e realizados entre as crianzas -dis que porque son o futuro e, polo tanto, os beneficiarios directos das súas políticas, cando estas transcendan-, pero non por iso vou deixar de pensar como penso cando vexo a algún político, metido no seu papel institucional de rei mago dos cartos alleos, entregarlle as chaves dunha casa -coma se fose o premio dun concurso- a unha familia solicitante dunha vivenda, un cheque nominativo a uns afectados por unha catástrofe ou, coma neste caso, utilizar a imaxe dun neno coa avesa intención de querer dicirlle á opinión pública: "Mirade que bo son e canto penso en Ourense que acabo de investir 76 mil euros para que os vosos nenos gocen dunhas instalacións educativas á altura do que merecen".

Certamente -máis alá da lei do menor- descoñezo se no noso ordenamento xurídico está ou non está regulado o tipo de fotografías que un político, na súa condición de representante institucional, debería poder facer ou non. Pero, en casos coma este, sinceramente eu creo que, por máis que os pais accedan coa súa sinatura á toma de imaxes dos seus fillos no centro, este tipo de fotografías non deberían estaren permitidas, xa que logo, no fondo revelan unha certa manipulación infantil con escuros intereses.

Cando lle escoitei ó presidente da Xunta anunciar a creación dunha Consellería de Política Social que tería como fin traballar na recuperación do rural, sinceramente crin que algo podía mudar no futuro.
Agora, sen embargo, ó ver ó que se dedica o seu titular, facéndose acompañar dun modo tan perverso de "artistas convidados" tan pequechos, pregunto: Se iso é política social…, querido presidente, escusabas unha cana tan longa -é dicir, unha consellería- para tan pouco carrete.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES