Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luces no avesío

lunes, 03 de julio de 2017
Luces no aveso Tiven a fortuna de ler A candidata cando aínda era un orixinal que haberiamos de distinguir co último Premio Manuel García Barros de Novela, así que podo dicir con fundamento que sei dende a primeira hora da súa poderosa prosa, inzada de atractivos e valores tanto polo universo que recrea coma pola particular estilística coa que se adorna.

O primeiro que atrapa cando un se debruza na lectura da novela é a valente aposta por se mergullar nun mundo tan actual coma lacerante: o das tráxicas consecuencias ás que a tantos arrastrou a crise económica que se desatou vai para dez anos. Neste sentido, admira a sensibilidade e a lucidez coa que se plasma o mundo de miseria e desvalemento que os despedimentos masivos, o paro galopante e o esfarelamento da clase media ben acomodada golpeou a nosa sociedade. Esta é, por tanto, a historia dunha nai, unha filla e un pai desafiuzados e obrigados a sobrevivir penosamente, roubando no súper, comendo as sobras doutros no restaurante do Ikea e pasando fame as máis das veces.

Alén da dureza do universo descrito, A candidata convence pola súa sólida arquitectura: tres bloques, un triángulo de vértices ben basculados para os que se procuraron voces e subxéneros idóneos e complementarios. Deste xeito, na obra desembarcan, dándose o relevo uns a outros, os treitos diarísticos, videográficos, testemuñais, de entrevista xornalística, poéticos e mesmo parateatrais, o que fala ás claras da complexidade na transmisión da historia que, xustamente pola súa delicada fondura, precisa tamén de fórmulas comunicativas que consigan reflectir ese magma imparable que é a vida no límite.

Doutra banda, a novela achega unha interesante reflexión sobre a metarrealidade (unha das protagonistas precisa gravarse en vídeo para poder comprobar que o que lle acontece non é un pesadelo senón a vida mesma e reflexionar así sobre a súa particular catástrofe) e, antes nada, un convite a repensar a violencia, as violencias que nos asedian: a violencia económica, a estrutural, a xenérica e mesmo a da linguaxe.

909Todo este doloroso e orfo mundo precisa ser contado cunha estilística acorde, polo que unha das sensacións máis punxentes da lectura da obra provén da súa estrutura verbal e retórica: períodos curtos, cortados a cantil, fraseo lostregante, sincopado, con predominio de substantivos e verbos e dicción moitas veces apositiva, paratáctica e directa, recursos todos que percuten no lector creando unha sensación de provisionalidade, de desamparo e vulnerabilidade que canxan, perfectamente, coa implacabilidade da feroz crise que asola os personaxes que, malia todo, procuran vías de luz e esperanza a través das cales sobrevivir ao tsunami da desesperación.

Esta radiografía en extremo escura da desfeita persoal e colectiva ofrece outras escollas que merecen comentario; poño por caso, a centralidade da muller no relato, o papel do sexo, a presenza dos movementos de política alternativa xurdidos nos últimos anos ou, en fin, as túrbidas relacións familiares, as dificultades para estudar dos máis novos ou mesmo a soidade e illamento carcerarios.

Quen lea A candidata comprenderá pronto que a importancia dada á muller e aos mundos de soidade e abandono que xa aparecían noutras obras teatrais, ensaísticas e mesmo poéticas de Miguel Sande (velaí Elas que, din; Se algún día esta muller morta; Cuba, doce e soturna ou A vida fóra) se leva aquí ata o abismo do desposuimento máximo, ofrecendo un retrato fosco e mancador dun capitalismo cruel que golpea os máis febles inclementemente. Unha novela a flor de pel, na que, malia o negror da crise, a vida se abre paso e nos lembra que o amor, a capacidade de superación e a os lazos solidarios son as luces no avesío, o mellor antídoto fronte á ruína.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES