Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rubén Riós, un rapaz incombustible

viernes, 30 de junio de 2017
Rubn Ris, un rapaz incombustible Empecei a coñecer a Rubén Riós nas noticias que asomaban nos xornais sobre as películas de Ignacio Vilar, e aínda que ó principio non o vía como actor protagonista por aquilo da súa xuventude e do que eu pensaba falta de experiencia, axiña me dei cun canto no peito cando o vin en “Vilamor”. E foi aí, ó presentar o filme na Valenzá, cando xa o coñecín persoalmente co típico saúdo da miña presentación para escribir, máis tarde, a crítica do filme. Ata que volveu presentar, outra vez na Valenzá, o seu proxecto “Vida” e “Máis ca vida”. Aí xa me deixou tan apaiolado, tan apampado co seu traballo que non me quedou outra que volver a presentarme para unha futura reportaxe nesta miña sección. Esta reportaxe.

Sabía que me sobraban os datos que me cuspira o San Guguel para falar de Rubén Riós, pero por outra banda tamén tiña ganas de quedar con el, de falar con el e escapar un chisco desa vida que pode descubrir ou consultar calquera. Así é que hai uns días quedei con el no Liceo ourensán. Durante unha hora xusta. E que hora! Intensa, exhaustiva, emocionante e sincera.

Meu Deus!, se eu saín do Liceo coa cabeza fervendo, non quero pensar como está a del. Porque é un home, un rapaz ó que os miolos non lle acougan. Ten a súa cabeciña chea de ideas! De boas ideas! De ideas que, para máis aquel, lévaas a cabo. Que xa é dicir. Non me estou referindo só á sétima arte, senón ó amor que lle tributa ó medio rural, ó mundo infantil, e a ese carácter solidario, fraternal que foi o que máis me engaiolou e conmoveu durante a conversa do Liceo...

Aínda que xa mo demostrara con “Vida” e “Máis ca vida”, curtametraxe e documental cun forte marcado carácter social e cultural, protagonizado por persoas con capacidades especiais e tamén con grandes actores do panorama galego como Luis Iglesia, Cristina Castaño e o máis coñecido Javier Gutiérrez, entre outros.

Rubén Riós chámase en realidade Rubén Rodríguez Rodríguez. O de Riós xa intuídes de onde vén... de que naceu nese concello da nosa provincia en 1980. Alí creceu e estudou ó mesmo tempo que lle botaba unha man ós pais no ultramarinos que tiñan. No ano 2000 ingresa na Escola Municipal de Teatro de Vigo, onde durante tres anos estuda arte dramática. Axiña empeza a traballar en programas e series da TVG. Catro anos máis tarde entra na mítica serie “Libro de familia”, que foi onde se deu a coñecer. A partir de aí chegaron as rodaxes con Ignacio Vilar: “Pradolongo” e “Vilamor”.

No 2007 sae da súa cabeza o Festival das Artes Escénicas de Riós, que tres anos máis tarde, co falecemento do actor Abelardo Gabriel, pasa a chamarse Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel, como homenaxe ó seu íntimo amigo e practicamente mestre. Recordo que cando naceu ese festival engurrei un chisco o fociño porque me dicía que un festival desas categorías en Riós... non sei, non sei. Alégrome errar nos desconfiados e suspicaces pensamentos; porque hoxe en día o festival segue. E con éxito.

Como auxe está collendo a súa faceta no sector agroalimentario, máis en concreto, sobre o castiñeiro, ese produto tan noso e tan milenario. Como di el: Se Cannes teñen as palmas e Nova York o paseo da fama, por que Riós non pode ter un evento nos soutos dos castiñeiros? Se Rubén Riós di isto é porque se pode. Porque el pode. Vaia se pode! É incombustible!

Non teño espazo para falar de todos os seus proxectos, de todos os seus traballos por facer, de todos os seus premios, que os tivo e os que aínda lle caerán. Só me queda recomendar que se algún día o podedes escoitar, non deixedes de facelo. Labia, locuacidade ten a Deus dar e veredes que dos seus xestos, dos seus ademáns e do brillo dos seus ollos saen bosquexos ou esbozos que axiña se farán realidade. Á parte de convencerte, cumpre. Ánimo, rapaz, e tira para adiante! Es incrible!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES