Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Repítese a nefasta partitura... ?

viernes, 30 de junio de 2017
Non, non lles vou traer aquí a estas liñas unha temática musical, porque nin tan sequera toco nada de oído. Iso si. Os anos permitíronme oír “moita música”, e enténdano coloquialmente. Só intento ofrecerlles unha argallada metafórica. O rigor está nos analistas. Eu non o son. Pero permítanme esta forma de facelos hoxe partícipes da miña opinión, que, por suposto, non teñen que compartir,

Estes días, algúns acontecementos políticos trouxeron a miña remisa imaxinación a posibilidade de que o director de calquera agrupación musical ofrecera con entusiasmo aos profesores integrantes da mesma a execución dunha partitura que xa evidenciara ser un fracaso público, e, non obstante, que ninguén deles fixera o máis pequeno xesto de sorpresa, e non digamos desaprobación, incluso os que acudiran sen instrumentos, porque sospeitaban que non ían ter papeis.

Pero permítanme cambiar de modo e tempo para aproximarme a un evento real. O director, con indescritible afervoamento (“vexan...”, repetía; non “oigan...”, xa que el escoita pouco), reiterou a súa autoría da partitura, e deu conta aos executantes da virtualidade dalgunha das partes, xustificada como branco sobre negro en comparación doutras alleas, con excepción daquelas das que, segundo din os entendidos, hai un plaxio mal feito. Mais eu que non estou entre estes, espero escoitar as harmonías e desharmonías no sucesivo, que para iso aínda me queda un pouco de oído.

Non coñezo ao director da metáfora persoalmente; pero como España está necesitada dun máis dotado, lévome fixado abondo na súa evolución intelectual, e non logro corrixir as primeiras impresións: Será, penso, bo músico, aínda que non sei que instrumentos toca, porque ignoro a cal se lle podería sacar o son dunha máquina de coser; pero competencia para introducir as necesarias harmonías non podo recoñecerlla, fiándome só da intuición, porque neste mester gáñolle en incultura musical: El concorda co coro de Podemos, mentres eu discordo coa forma e dubido do fondo. Por iso espero, como xa apuntei noutro artigo, que falen os feitos e teñan a adecuada hermenéutica.

O caso é que un cambio na orquestra monclovita tampouco viña mal, porque a que temos é demasiado cadenciosa e impacienta aos oíntes: á mocidade, cansada do habitual, parece que non lle chistan moito as mesmas cantilenas, salvo algunhas excepcións dos fans.

Supoño que o lector non ten dificultades para extrapolar este relato ao contexto político, no que brevemente quero resaltar que o señor Secretario do PSOE, D. Pedro Sánchez, coa súa churrusqueira definición de España como “nación de nacións (de nacións..., etc.)”, está seguindo a política que os partidos dos gobernos centrais durante catro décadas aplicaron en Cataluña, como explica Fernando Pérez-Borbujo, págs. 264, 265, en ESPAÑA VISTA POR SUS INTELECTUALES, na cita que lles ofrezo a continuación, traducida ao galego:

“Trías mesmo (D. Eugenio), na década dos mediados dos noventa, nunha serie de artigos recollidos no seu PENSAR EN PÚBLICO (cita os artigos), iniciou a súa peculiar cruzada contra o ´pujolismo` como forma abertamente manipuladora, corrupta e totalitaria, sinistra de nacionalismo. Ese ´pujolismo`, próximo ao franquismo, operou en perfecta conivencia cos partidos dos gobernos centrais, cuxo deixamento de todas as súas funcións en Cataluña, así como o absoluto abandono das súas competencias e atribucións, baixo a carauta dun goberno autonómico, PROPICIOU A SITUACIÓN ACTUAL” . (Maiúsculas, miñas).

(...). “ O paradoxo é que a dita situación levouse a cabo de mutuo acordo, en conivencia e de forma pactada, de modo que os que agora son inimigos foron en todo momento cómplices”.

Élles, certamente, un herdo hipotecado que as nosas xeracións deixan, irresponsablemente, ás do relevo. Deberían, pois, recoñecelo así e abrir ás relacións inter–xeracionais vías de comunicación, non limitándose a aproveitar todas as ocasións para aplicar críticas, unhas veces, e musgar as orellas, outras, como argumentos de camuflaxe. Pois, como cada santo ten o seu día, os relevos son inevitables e necesarios, e o mal que se fixo tamén se herda. Xa, pero... isto tampouco xustifica os despropósitos dos herdeiros.

Acaso non está o Sr. Sánchez, ao seu estilo amazocado, repetindo a nefasta partitura dos presidentes democráticos do Estado Español, so pretexto dunha aguda solución ao problema catalán?. Proponse, se non esvara na escalinata da Moncloa, corrixir os erros cunhas palabras sen contidos definidos, enredándose no murmurio da propia somnífera oratoria?. Polo menos, parece que pensa pretendelo, aínda que é unha argucia dialéctica presentada como intelixente na súa atropelada concepción dunha realidade tan complexa, que el espera resolver cun plaxio dun proxecto histórico descontextualizado, como se estivera fornecido coas capacidades dun Azaña e a súa eloxiable formación na Historia de España.

Menos mal (menos ben?!) que para CORREXIR, CAMBIAR E PROGRESAR, (os seus cebos electorais) imaxínase acudir á Moncloa acompañado do bordelo podemita, en rechamante procesión, eludindo os votos dos cidadáns, que fuxiron das súas arrogantes e inoportunas decisións: Estraña incoación do tan cacarexado cambio progresista, despois de perder a secretaria. Pero complementen tamén isto os lectores con outras cuestións pendentes de saídas fundamentadas, ás que competentes e experimentados analistas están espallando en diversos e suxestivos artigos, e situaranse na perspectiva adecuada.

Velaí como desde ela tamén se contempla como indiscutible que España actualmente non conta con líderes políticos de altura (algo tan estendido que pido desculpas pola molesta reiteración!!), e o cambio xeracional pode sorprender aos cidadás cunha estraña impermeabilidade inter–xeracional, debido a cerrazón dalgúns, abocados ao relevo, e a manifesta incompetencia dos que se consideran chamados a comezar a asumir – con escasa e ruda educación, rufianesca inmoderación de modais e lixeira ponderación das consecuencias – as responsabilidades dunha futura gobernación, presentando ousadamente partituras fracasadas, con escaso sosego e irreflexiva selección de opcións descontextualizadas nas dinámicas dun mundo globalizado, en vez dun compromiso firme co logro dunhas estruturas sociais intelixentes, cribles e humanizadas, mediante as que se erradique o sufrimento inxusto, a violencia (¡que non hai que promover nas rúas, por mera afección exhibicionista, so pretexto dun exercicio democrático!), a pobreza e a solapada exclusión social.

Sería, pois, necesario que as novas xeracións corrixiran o estado de desesperanza que reina nas distintas sociedades actuais no mundo; pero sen esquecer que así como a razón non pode florecer, como di Bloch, sen esperanza, esta non pode falar sen razón, e a súa linguaxe apropiada non parece que sexa a que todos os días, aquí en España, desde as palestras da política, se está ofrecendo ao cidadán, esquecéndose de que, se non hai verdades absolutas, tampouco as esperanzas poden acadar solucións de alcance absoluto, e imponse, polo tanto, a prudente actuación contextualizada: As promesas sen fundamento son o froito dos radicalismos, modos extremados de tratar os asuntos os ilusos, que máis que prudentes gobernantes do posible non poden evitar presentarse como aberrantes dunha infundada esperanza.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES