O capón de Vilalba
Xiz, Xulio - martes, 27 de junio de 2017
Non é usual falar do capon fóra do Nadal, pero hai ocasións en que a actualidade o esixe, polo que supón de potenciación de cara ao futuro dun elemento económico-racial como o capón é para a tradición, a cultura e especialmente para a economía vilalbesa.
Moitos productos tradicionais atoparon problemas para ser encaixados nas normativas relacionadas coa saúde e co comercio, e así os queixos do país deberon ser controlados e regulados para poder comercializados. E o maior problema foi para a augardente tradicional, a que se facía por augardenteiros e poteiros, por afeccionados e profesionais, mesmo por especialistas itinerantes que ían facendo a augardente polas casas dos pequenos colleitadores de viño, tendo todos na lucense vila de Portomarín a súa capital espiritual (de espirituosa). A augardente de sempre non é viable; hai que industrializala.
Pois o capón de Vilalba parece que vai superando barreiras e acaba de entrar en Europa, se así se pode dicir da aparición no Diario Oficial da Unión Europea da solicitude da Indicación Xeográfica Protexida Capón de Vilalba. Non é aínda algo definitivo, pero é un paso de xigante no camiño necesario para que o tema do capón medre en todos os aspectos. Fai anos que comezaron os estudos, trámites e xestións para obter para o capón ese necesario aval da Indicación Xeográfica Protexida, e a publicación efectuada, polo de agora provisional, será definitiva se no prazo de dous meses non hai alegacións en contra.
Esta indicación vai supoñer que se poderá ampliar a oito concellos a zona de produción vilalbesa, que aumentarán os productores, que se fortalecerá a produción, que se establecerá un regulamento oficial do producto que poderá chegar máis lonxe, máis intensamente, con todas as da Lei, e con recoñecemento das instituciòns europeas.
É un paso máis, case definitivo, que supón un triunfo para os encargados da regulación e potenciación do capón vilalbés, e que se de por si non supón un inmediato beneficio concreto, si que é o instrumento esencial para poder entrar nunha dimensión diferente en canto a ámbito e valor para o producto. Un triunfo para Vilalba e para o seu producto nadaleiro máis representativo.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora