Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As fundacións son centros de inversión

lunes, 19 de junio de 2017
A manipulación da verdade sempre dá prebendas aos listos e deixa desconcertados aos tontos, que non chegan ou non chegamos máis aló da carcasa exterior da verdade ou envoltoiro da esencia vestida de mentira.

Isto, segue sendo a cultura da corrupción. Facenda non somos todos, somos tan só algúns que por pobreza non temos a neoliberal posibilidade de creación de organismos defraudadores legalizados, como poden ser as Fundacións: grandes procesadoras das cloacas, deturpadoras da verdade, limpadoras da defraudación, pelotazos das empresas, engano soterrado e vestido con sotanas de “sen ánimo de lucro”, pero que son escondedoiro de euros que non camiñan pola senda da utilidade pública disfrazados de bos samaritanos.

A doazón sempre foi un instrumento de recadación para Facenda, só para os pobres que pagabamos unha porcentaxe, por exemplo, cando se lle daba algo a un fillo, pero resulta que os multimillonarios doán a través dunha Fundación, mais non doan, invirten para pagar menos, por iso, isto non é doar, é investir ben sen que a xente se dé conta, e por riba, póñennos a debatir sobre a bondade ou maldade de tal acto de deferencia e de bondade filantrópica encuberta pola simpleza dos cidadáns non duchos na trastenda e nos currunchos do labirinto facendístico da defraudación perante a economía do vinteún século, tamén escuro, coma os outros.

E se aforran para pagar só un dez ou un quince por cento, a denominación non é “doazón”, senón “inversión” polo viciado da linguaxe que nos abraza e nos apreixa cunha grea de eufemismos que tamén tratan de controlar, viciar, agochar e terxiversar a realidade, xa que doar é dar sen entregar nada a cambio, é cómpre por tanto o agradecemento, mais se se doa a través dunha Fundación, rebáixanse os impostos e non regalamos nada senón que utilizamos a dádiva para tal fin, e o donativo convértese nun mecanismo “ad hoc” de “defraudación” destes prebostes filántropos que chegaron a ricos non sendo irmanciñas da caridade.

Demolamos as fundacións que só son armas dos multimillonarios para que paguen os pobres o que eles evaden ou non pagan; é dicir, que aínda despois de defraudar dunha forma legalizada e darlles as grazas por esa deferencia, altruísmo ou consideración, e para máis “inri” temos que repoñer nós o furado que eles provocaron por non pagar.

Tan espoliadoras son as Fundacións coma os defraudadores recoñecidos polo fisco; a única diferenza é que a primeira fíxose legal para que os multimillonarios defrauden, e os outros teñen que pagar cunha multa.

Sería dunha gran dignidade que os señores políticos de turno calcularan as cantidades que se deixan de pagar a Facenda froito destas fundacións, e canto temos que aportar os camiñantes da paganía de sempre para tapar a fochanca financieira, e tal cantidade se nos devolva explicándonos as razóns.

Hai colectivos como o dos pensionistas que pagan dúas veces polo mesmo diñeiro; a primeira é cando se lles retivo para ter dereito á pensión, e a segunda é cando se paga a pensión pola que xa se retivo e agora vólvese a reter, chegando ás veces a un corenta por cento ou máis, e esta xente fundacional paga do cinco ao dez por cento. Menuda mofa, broma, burla, chanza, escarnio ou pulla o desta sociedade e o destes políticos que non se enteran ou mellor dito, enterar entéranse, pero . . .

De aí que para o saneamento das institucións pecuniarias e para a xustiza social, hai que eliminar as Fundacións e crear outro sistema que non permita que nos rouben e aínda por encima haxa que consideralos como protectores, valedores, mantedores ou Médicis dun novo Renacemento que non chega.
O seu sempre afectísimo.

Xosé Otero Canto.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES