Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A invisible torre dos Andrade

sábado, 19 de mayo de 2007
Anos cincuenta: para un neno da Porta de Cima a torre dos Andrade era invisible. Estaba alí ergueita, na parte alta da praza, lembrando vellas grorias, coroando a coroa do castro, gardando a memoria do que nunca volvería ser.
Cando eu era pequeño, non vía a torre do Castelo. Agás as choias, ninguén vivía entre as pedras castelás. E as pedras mortas son invisibles para os pequenos. E para os maiores. Non mirabamos tan arriba.
A mirada infantil dirixíase ó reloxio da igrexa, gobernador da vida por marcar horas e traballos; cara a casa Goldeiros, o Carrefour daqueles tempos, ou asomábase ó balcón das Pedreiras, un mundo de liberdade para os rapaces. Non cara á torre, que estaba alí, desde sempre, para sempre, invisible para nós.

As pedras falaban
E sen embargo, as pedras falaban por boca das xentes que contaban historias imposibles. Había vilalbeses que dicían que tiñan subido ó alto do muro de pedra. Ninguén o cría porque non había en Vilalba escaleira tan alta. Nin xente tan ousada.
As mesmas xentes contaban miragres das pedras mortas. Dicían que desde o máis fondo da torre había un pasadizo que ía ata a Pena de Miguel, para levar os cabalos a beber ó río e para escapar en caso de ataque inimigo.
Dicíase, só palabras, que os muros tiñan un grosor inimaxinable. Que un carro de vacas podía voltear no seu ancho. Era daquela medida usual eso de voltear un carro. Esaxerar sempre estaba ben cando se trataba de crear lendas.
E algunha mensaxe nos daban tamén as vellas pedras, sobre o seu papel, sobre a súa presencia. Cando, por primeira vez, escoitei falar dos propietarios da torre quedei atónito. Algo se rebelou dentro de min, porque entendía que algo así –aínda invisible- non podía ser de ninguén en particular senón de todos.

O espírito da torre
Posiblemente era o espírito da torre o que me influía, porque a torre non remataba en sí. Prolongábase en todo o que había arredor de nós. A torre era o que quedaba do antigo castelo, e as pedras do castelo serviran para facer as casas do casco antigo. Nós, os da Porta de Cima, viviamos en anacos de pedra da propia torre. Seguro que as pedras da miña casa me arrouparon e imbuiron en min a querencia secular polo espírito da torre.
Hoxe é imposible que a torre sexa invisible porque está viva. As pedras vivas son visibles en todo momento, e hogano os rapaces vilalbeses van a cotío ó castelo. Tamén agora se mira máis alto. Somente existe un problema: que confundamos a Torre cun Parador de Turismo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania