Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Son os chaqueteiros uns 'mentis' da ciencia?

jueves, 15 de junio de 2017
A sociedade preséntasenos como un marco rico en “ofertas” dos máis variados fenómenos derivados da conduta do home e da muller, e non soe facérsenos fácil nin a “explicación” nin a “xustificación” dalgúns deles, porque nestes eventos somos xuíces e parte interesada. En todo caso, hai que agradecer e ponderar o empeño que os investigadores adoitan poñer para obxectivar todo o posible eses fenómenos e subsumilos nas esixencias epistemolóxicas da ciencia, é dicir, dotalos dalgunha explicación racional.

Observarán que poño entre comiñas os termos “explicación” e “xustificación”, porque quero diferencialos. Por “explicar” vamos entender o dar conta de algo con máis ou menos acerto científico, e facémolo RACIONALMENTE, e por “xustificar” entendemos dar razón abondo do que explicamos, e facémolo RAZOABLEMENTE. Un exemplo aclara mellor isto: A caída dunha persoa dunha fiestra dun andar EXPLÍCASE pola “Lei da Gravitación”; pero se foi unha caída casual ou deliberada non se pode “xustificar” por esa lei, hai que razoala con máis ou menos acerto. Debe xustificarse ante os interlocutores coas razóns que se consideren pertinentes en cada caso: posibilidade de suicidarse, empurrón intencionado, ou non, esvaecemento, etc., que non se explican pola la gravidade, xustifícanse (iustum facere) na situación razoablemente.

Tamén antes de incidir nos chaqueteiros, quixera expoñerlles algunhas cuestións de psicoloxía xeral e social, sobre as IDEOLOXÍAS POLÍTICAS. E para iso non queda outro recurso que acudir a investigación feita na Universidade de Grenoble Alpes, e a outros investigadores de Francia, EE.UU., España, Suiza, etc., estudosos desta temática. Pero, como teño que abreviar moito, constato na ampla información só que o pensamento conservador está vinculado ao cerebro arcaico, e o progresista, ao cerebro máis evolucionado. Incluso afirman que unha zona do cerebro arcaica (a amígdala cerebral) é máis voluminosa nos políticos conservadores, mentres que a parte máis evolucionada do cerebro (o córtex cingulado anterior) está máis desenrolado nos progresistas. Desta maneira – sosteñen os científicos – hai posibilidade de detectar a orientación política dunha persoa mediante a análise dos seus datos cerebrais.

Un destacado profesor de psicoloxía e neurociencia da citada Universidade, Martial Mermillod, afirma que poden detectarse, incluso, as actitudes autoritarias ou radicais nesa análise cerebral. Pois ben. Se isto é posible, cabe preguntarse ata onde está ideoloxicamente determinado o home, pola súa configuración cerebral, a encadrarse nunha ideoloxía conservadora ou progresista. E aquí é onde nos encontramos co problema dos CHAQUETEIROS, dos que “cambian de bando ou partido por conveniencia persoal” (RAE). Acaso non son un “mentís” para a ciencia?. Ata onde poden desvincularse do seu cerebro individual e introducir cambios e decisións na súa conduta, se está condicionada pola peculiaridade daquel?.

Como non podía ser menos, isto ocupa tamén aos investigadores, sobre todo nos casos extremos. Non ignoran que as circunstancias condicionan o comportamento humano, especialmente os procesos de submisión á autoridade, os de deshumanización, como o evidencian os mesmos comportamentos terroristas. E para estudalos, empregan unha metodoloxía utilizada na psicoloxía social, que designan co sintagma de PARADIGMA DO GRUPO MÍNIMO.

Constitúen grupos homoxéneos nalgún aspecto. Parece que bastan diferenzas mínimas entre os grupos, incluso triviais e arbitrais, como certas pinturas, color da roupa, admiración dun determinado deporte, etc., que unen ás persoas que teñen estas mesmas preferencias para sentir a tendencia de favorecerse mutuamente os do mesmo grupo, a expensas dos outros grupos. É o que chaman os psicólogos e neurólogos SESGO ENDOGRUPAL.

E nesta liña está tamén Henri Tajfel, psicólogo social británico, de Oxford, quen, con outros colegas, intenta entender as bases psicolóxicas dese comportamento dentro dos grupos, aínda que, principalmente, dedicouse o desenrolo do que denominou TEORÍA DA IDENTIDADE SOCIAL, na que se pensa que as persoas no paradigma do grupo mínimo tenden a premiar con máis puntos ao propio grupo, debido a que ese favoritismo intergrupal é a única forma de acadar unha distinción positiva: Sempre se observa o propio grupo máis positivamente e considérase diverso dos outros grupos por esas diferenzas positivas. De aquí que o negativo (a corrupción, por exemplo) no propio grupo se vexa menos relevante que nos outros grupos.

Penso, non obstante, e sempre, por suposto, respectando outras opinións, que o fenómeno dos chaqueteiros, non salva o “mentís” científico, pola inclusión egoísta noutro grupo, desenraizándose da ideoloxía esixida polo seu cerebro e, polo tanto, non ten posibilidade de EXPLICARSE. Mais tampouco de XUSTIFICARSE, se partimos de que non se pode entender os grupos sen unha certa solidariedade, posta de manifesto nos comportamentos intergrupais, e ao chaqueteiro, por definición, non compre atribuírlle ningún sentimento de coherencia nin no seu grupo nin no novo partido, sempre enervado polo propio interese.

O chaqueteiro adoita ser, iso si, un hábil e experto simulador, que nin encaixa na teoría do grupo mínimo nin na identidade social. Pero xa nos advirte M. Marmillod que “ninguén está protexido de bascular un día cara ao lado escuro e primitivo do seu cerebro”, onde asenta o egoísmo, en orixe, dos nosos antepasados prehistóricos. El preséntasenos, aínda que o disimule coa elegancia da evolución, como un bo exemplo de atavismo. Xustamente por isto, non hai que descartar os chaqueteiros que permanecen sempre no mesmo partido mentres se satisfagan os seus intereses persoais, porque non sacrifican a súa insolidariedade. Pero, cando son detectados, os partidos rexéitanos por incoherentes e infieis.

Seguramente algún lector, se é que os hai con suficiente paciencia, teña a ocorrencia de pensar se o mesmo AUTORITARISMO se pode entender como a expresión dun rigoroso cumprimento dos parámetros neurolóxicos de certas persoas. É dicir, unha extrema fidelidade as súas esixencias psicolóxicas. Parece que algúns observadores e investigadores políticos descubriron nos países occidentais un incremento dun AUTORITARISMO SOLAPADO no seo de certos partidos que ateigan á cidadanía co sintagma “rexeneración democrática”, ou outras expresións equivalentes de despiste. Digamos, pois, brevemente, que algúns sosteñen que “padecer pobreza na infancia propicia opcións políticas autoritarias incluso na idade adulta, independentemente do nivel educativo e socioeconómico”, porque o ambiente que rodea a un neno durante a infancia inflúe no seu comportamento na adultez. Boten por aí, ao noso arredor, unha repousada ollada!!.

Non obstante, permítanme pensar que isto non pode pasar por unha “explicación” derivada dunha aplicación da probabilidade que arroxan unhas enquisas, cando o que semellan buscar máis ben é unha “xustificación”, como o evidencia a frase inserida na enquisa: “Penso que ter ao fronte do país a un home forte que non teña que preocuparse do parlamento nin das eleccións é unha boa cousa”: Os que compartiron o contido da frase evidenciaron sentilo como bastante xustificación, subxectivamente, do autoritarismo; pero non o explican, todo o máis intentan dar razón dalgúns modais ditatoriais

E se ese autoritarismo fose un caso singular de chaqueteiros...?. Cando menos, penso que non carecemos de elementos de xuízo e materia para reflexionar, incluso a través da historia, porque convivir no propio grupo cun chaqueteiro, sen decatarse diso, é máis frecuente do que parece: Os ditadores, en principio, adoitan dar o camelo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES