Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel Portas, o publicista da Sociolingüística galega

viernes, 16 de junio de 2017
Testemuñas da Memoria
Manuel Portas, o publicista da Sociolingüística galega

De todos é sabido a miña afección á lectura. E quen di á lectura, é como dicir á literatura. O escritor Manuel Portas di que a literatura é para divertir, non para ser estudada. Pois menos mal, xa que desde que saín dos Milagres non é que a estudase moito. Pero si que me divertín con ela. E o que me sigo divertindo!
Manuel Portas, o publicista da Sociolingüística galega
Esta confesión da diversión realizouna o escritor hai xa sete meses cando presentou o seu libro “Lourenço, xograr” no café El Cercano da cidade das burgas. Estivo arroupado polo editor e poeta Carlos Lema e polo tamén escritor e crítico literario Xosé Manuel Eyré. Durante un longo período de tempo conversaron, destriparon e ensinaron case todo o relacionado coa novela histórica, principalmente coa novela histórica da literatura galega, que semella que é unha época moi pouco tratada.

Pero aí está “Lourenço, xograr”, novela de iniciación e formación, de aventuras e incluso política. Nela amósase a contribución da novela á divulgación da historia e literatura medieval galegas a través dun personaxe pouco coñecido, como é o xograr Lourenço, que constitúe a porta pola que se observan non só os conflitos políticos que determinaron o que hoxe é Galicia, senón que tamén as vidas entretecidas das distintas clases sociais da época. Na obra aprécianse perfectamente os cambios históricos que xorden tanto en Portugal como na nosa terra, e degraña, debulla as relacións sociais entre as clases. A proba é que o protagonista é un xograr que quere ser trobador, pero atópase co rexeitamento das clases nobres.

Con esta obra, Manuel Portas acadou a XXVII edición do Premio de Novela Manuel García Barros “pola creatividade dun libro que se somerxe na lírica medieval galega así como nos conflitos políticos que se desenvolveron na época en que transcorre a obra, sendo un bo testemuño histórico”.

O escritor Manuel Portas Fernández naceu en Barcelona no 1960, polo que hoxe conta con 56 anos de idade. Arousán por ascendencia paterna e compostelán por adopción, é profesor de lingua e literatura no instituto de educación secundaria Arcebispo Xelmírez I de Santiago, centro que dirixiu desde o ano 1987 ata 1996, e no que potenciou o carácter innovador da educación e a galeguización do centro. Porque Manuel Portas puido nacer en Barcelona, pero é galego de boa casta.

Colaborou en diferentes obras didácticas e en publicacións de carácter pedagóxico e educativo, así como en xornais e revistas do país. A súa dedicación á análise social e á promoción do idioma, levouno a desempeñar o papel de publicista da lingua en conferencias dentro e fóra de Galicia e a publicar “Lingua e sociedade na Galiza” (1990), unha das obras de referencia obrigada na sociolingüística galega.

Manuel Portas tamén participou en política e formou parte do goberno municipal do BNG de Santiago ó longo de dous mandatos. Ou sexa, que queredes que vos diga... é dos meus!, é dicir, un tanto máis ó seu favor. No ano 2010 deuse a coñecer como novelista con “Denso recendo a salgado”, á que lle seguiu, dous anos máis tarde, no 2013, “Faneca brava”, coa que conseguiu ser finalista do Premio Xerais de Novela. “Amor en alpargatas” é a súa cuarta novela. Todas elas publicadas por Xerais. A que analizamos ó principio, a que presentou o día 10 de marzo en Ourense, “Lourenço, xograr”, publicouna a editorial Galaxia.

Agora mesmo estamos xa á espera, polo menos este molgués que escribe, da súa seguinte creación, confiando en que chegue ás librarías canto antes mellor. Porque un queda co bico doce logo de ler os seus traballos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES