Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Foz: Fútbol feminino hai 45 anos

martes, 13 de junio de 2017
Foi o 13 de xuño de 1971 cando por primeira vez se celebrou en Foz un encontro de fútbol entre dous equipos con senllas alineacións formadas por mulleres. Equipos que, atendendo ás ocupacións da maioría delas, bautizáronse cos nomes de “Racing da Agulla, S.D.” e “Sporting do Mostrador, C. de F.”; conxuntos improvisados para enfrontalos en noble lide e destinar a recadación pro-festas de San Lourenzo, que eran tempos nos que se precisaba activar a imaxinación para ir sumando pesetas, aínda que fose a poucos… ; os dispendios das institucións, en concepto de “subvenciós” a tales fins, tardarían en chegar…

O Estadio Martínez Otero rexistrara un cheo en encontro tan novidoso, no que fixera o saque de honor o popular “rulero”, Pedro Tapia, ex xogador ó que da nosa adolescencia lembrábamos como un gardamenta excepcional, de físico estilizado e felina axilidade, moi difícil de batir; fisonomía que co tempo experimentara unha notable metamorfose que o fixo, con todo merecemento, partícipe naquel “ concurso de gordos” que, a pesar de resultar moi exitoso; incluso o transmitira íntegro, en diferido, TVE, en horario de mais audiencia, pola cadea única, en branco e negro, e non coñeceu outras edicións.

O partido, a piques estivera de frustrase. Certa persoa, finada hai anos, cuxo nome omitimos, en actitude difícilmente entendible, fixera campaña en contra do mesmo, facéndo ver a algúns pais das xogadoras (hai que retroceder medio século, para comprendelo) o “escándalo” e a “deshonra” que para as súas fillas ía significar aparecer no campo vestidas de tal guisa….

Este cronista era o presidente da Comisión, e promotor de tal encontro, e alguén advirtiuno do que estaba a pasar; e de que, chegado o momento, ían faltar á cita catro ou cinco mozas, ás que os pais prohibían participar.

Dous días antes visitámolos nos seus fogares e confesamos que resultou doado convencelos do erro: garantimos que as rapazas, uniformadas de futbolistas, ían mais “tapadas” (esa era naqueles tempos a cuestión) , e polo tanto mais “decorosas”, “castas” e “decentes” que o facían a cotío pola rúa. Confiaron en nós e resultou unha xornada apoteósica, ofrecendo o estadio un ambiente festivo e unha concurrencia só comparable coas que foron contadas ocasións na súa historia.

A maior satisfacción nosa fora a felicitación e a gratitude que nos transmitiron aqueles pais, a piques de caer nunha engañifa da que endexamais coñecimos a intencionalidade.

O “Sporting do Mostrador”, con Milucho de Simón de adestrador, alineaba: Maruja Fernández( do “banqueiro”), Susa Martinez (de Fito), Lupe Marful (de Cosme), Mª Luisa Maldonado,Loli Alonso (da Tata), Mari Echevarría, Iselda García, Dulce Mª Martinez e Loli de Simón. Pola súa banda as da” Agulla”, adestradas por Arturo da Peala, formaban: Marita da Pecherena, Mª Carmen Fraga,Mª Carmen García (Xexé), Clara Ruiz (da Sanchona), Azucena do Ollomouro e Ana Mª de Adela.

Gañaran 1-0 as primeiras e recollera o trofeo en liza Lupe de Cosme, capitana do “Sporting do Mostrador,” de mans deste cronista, presidente da Comisión de festas, que á sazón tiña 33 anos … e abofé que non coxeaba.

Fora árbitro da contenda Tito da Fábrica que na ocasión vestía de muller, para entoar coa posta en escea. Fora unha xornada deportiva chea de humor e ledicia; a súa lembranza durara por anos.

(Suso Fernández é Cronista oficial de Foz)
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES