Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre lusco e fusco (12)

martes, 13 de junio de 2017
Teño aludido ás técnicas que utilizaban as ¿autoridades? para facer falar aos detidos, aquilo de “Hábilmente interrogado…, confesó”, pero quédame outra no tinteiro, a que empregou comigo o Médico de Serés; o que non sei é se chegou a patentala!

Víñame de casta a arquitectura: Meu tío de Pousadela, capataz dunha cuadrilla de canteiros, os “Canteiros de Luaces”, dominaba, e tamén ensinaba, o verbo dos “arxinas”, así que, en Pol, tres ou catro linguas: galego, castelán chapurreado, algo de latín, de tanto oírllelo aos cregos, e por engado, a fala dos canteiros, apresa dos de Pontevedra, dos que meu tío fora alumno preclaro. O que non puiden acadar nesa arte + ciencia, Deus deullo ao meu fillo, e tamén ao xenro, así que, ¡Deo gratias, Dómine! Nesta afección, mentres meus pais arrincaban chantos, aló no monte de Sarille, para cerramento das nosas fincas, o neno, anticipándose á burbulla inmobiliaria, facía casas, a barullo, ¡sen licencia!, co rebo daquelas pedreiras.

Tanto construín, tantas horas, tantos días á intemperie, que aquelas febres de promotor carrexáronme outras, as do pulmón! No retorno da canteira, en lugar de chantos volveron co neno no carro, tan afónico que nin fala deu. Despois, xa na casa, mentres miña nai me arroupaba con tódalas mantas de tódalas camas, nin sei cantas, meu pai deulle espora á nosa egua, coa dun veciño de ramal, para recoller ao Médico de Serés, así fose de noite, que noite era, e para min, con toda probabilidade, a última.

Isto, e tamén o que sigue, contáronmo días despois, cabe da lareira, da que non me deixaban separar máis que para ir á cama. ¡De resucitado, de escarmentados, non procedía engadir riscos!

Segundo chegou, don José seica lle pediu a meu avó a bota do viño, a mellor que tivese:



-O viño dareillo, un neto ou a bota enteira, desde que me cure este neto!

-Non tal, que ten que ser agora, ou non llo curo!

¿Quen lle discute a un Médico, e máxime daquela, que non había outro desde Castroverde a Lugo?

Colleu a bota e baleirouna polo vertedoiro, sen dicir palabra; a continuación, el mesmo, don José, agarrou o coitelo grande, o de matar os porcos, que sempre o tiñamos colgado dun cravo no alzadeiro da cociña. Seguíamos sen falar, nin eu nin o Médico. Co coitelo xa na man, rachou a bota en dúas, para a continuación quentarlle nas brasas a pez do interior. Nisto outro misterio, pois, dirixíndose a meu pai:

-Saque ese cinto, e se non ten outro átese cunha corda, que o preciso para min.

Quitouse os tirantes do seu pantalón substituíndoos polo cinto de meu pai, e a continuación, coas dúas follas da bota enriba dunha tixola, sen outra palabra, nin súa nin dos casa, asombrados daqueles preparativos, subiu ao cuarto onde me tiñan. Destapou aquel feixe de mantas e púxome as dúas follas do coiro, unha por diante e a outra nas costas, ¡de faixa! Eu non podía falar, pero seica din un berro atroz, coma se fose agonizar, ao sentir aquelas brasas no meu corpiño. Co cinto atoume os pelellos ao peito, ben apertados, coma quen cincha unha egua; obviamente para que non se me soltasen, nin os puidese quitar. Despois de todo isto seica se dirixiu aos presentes, e díxolles:

-Fodeuse o viño, pero vai ben empregado, que con isto a bronquite do neno, en dous días, ao carallo!

Así foi, pois ao segundo día seica falaba polos cóbados, en galego por suposto! ¡Outra forma de facer falar á xente, curándoa de paso, ou máis ben, resucitándoa! Don José, cando me manden subir, faga o favor de presentarse, vostede mesmo, para recoñecelo, e darlle as grazas, pois aquel día, coas febres, nin para a cara lle mirei! ¡Desculpe! Lamento non recordar o seu apelido, pero aquí ten o meu…, para que me busque nas listas de San Pedro!
-.-

A radio vella

Entre lusco e fusco (12)Pero a mellor das que levo tido foron aqueles parladoiros das nosas lareiras. ¡Afellas que si! Na miña, coma en todas, ten habido estridencias, falares máis altos e máis baixos, contos e referencias máis ou menos axeitadas, xente da boa, ou máis que boa, ¡boísima!, alternando con algún hipócrita, ¡que os houbo, e haberá, en todo tempo e lugar, mentres o mundo sexa mundo, séxase, ata o Xuízo Final, pois, o que é máis aló, será imposible resucitar contradicións!

Da xente de cerca non vou falar, nin para ben nin para mal, xa que se trata da intimidade persoal, pero teño lembranzas de moitos de lonxe que, con todo selo, estiveron cerca de min, da boa impresión que me causaron, e do moito que deles aprendín.

Segundo as radios captan ondas, curtas, medias e longas, así os nenos aprendíamos os falares e mailas novas, con tal de que fosen circulares, concéntricas, vividas e traídas por aquelas visitas inesquecibles, que tanto nos impresionaban. No meu caso concreto non tardei en percibir que ata na lingua había diversidade de formas para certas cousas, termos distintos, desde as ferramentas aos pensares, e iso que á miña lareira só acudían galegos da rodeada, que non eran de tan lonxe posto que dacabalo viñan e volvían. Claro que tamén ocuparon aquelas bancas da cociña uns cantos madrileños, da propia familia, pero tamén doutras, que eses viñan en tren, e máis ben no verán. ¿Falaban castelán? ¡Xunto da lareira castrapeaban!

Os de Pol pouco se diferenciaban dos do Val, pero os parentes da avoa materna xa tiñan outro estilo, traíanme aires e matices de Lexo, de Baralla, de Becerreá, de Oselle… ¡Galicia, unha, pero, variada!, que iso era o que pensaba eu, daquela! ¿Hoxe? ¡Hoxe, entre as viaxes e os mass media, somos máis iguais, máis…, ata diría que, amorfos!

Os nenos estabamos calados, case sempre, salvo que nos preguntasen. ¿Por un respecto esaxerado? ¡Si, e tamén, pero máis ben porque o cerebro infantil é esponxoso, sempre sedento de saberes e de entenderes, sexan ou non positivos, nocivos ou non!

Naqueles abanos parlamentarios, viñese ou non a conto, nunca faltou unha evocación das nais para os seus fillos de América; os pais, tradicionalmente machistas, máis ben oían e calaban, acaso para que non os tivésemos por débiles de carácter. Estas lembranzas foron exactas, análogas, entenrecedoras, en dous momentos diferentes: antes e despois da Guerra. ¿Naqueles tres anos…, esquecéronse dos emigrantes? ¡En certo modo, si, pois, nas poucas ocasións en que deles se lembraban era para envexalos con un, ¡Grazas a Deus que se foron a tempo…!

Agora, de presente, encarreirados polo XXI arriba, globalizados, trasladados os parladoiros da lareira á terraza do café da esquina, sen familia para máis inri, que por non haber nin matrimonios quedan, ou máis ben escasean, fálase do tempo e desa maxia dos políticos, desa cleptomanía xeneralizada, de quen coñece a quen para ver se…, un enchufiño, así sexa co salario mínimo! Cando paseo polas beiravías do meu barrio, a pregunta que máis me fago é: ¿Deus, por qué pasamos da emigración externa á interna, cos pais e / ou coas nais ausentes, separados, divorciados, e non só os fillos? Pero vou calar, vou facelo por amor ao próximo…, para non facervos chorar, se é que vos quedan bágoas, que igual as tedes…, globalizadas!
-.-

A arte de falar sen dicir nada

Entre lusco e fusco (12)
¡Existe, si, de verdade, que volo digo eu, e cadora máis, só que niso hai un erro, pois, máis que arte, compre chamarlle…, artimaña! ¿É que non saben, ou non queren dicir o que saben? Na miña experiencia, as máis das veces falan, falamos, por falar; quere dicirse, farfallan, farfallamos.

Farfalláns sempre os houbo; na aldea, menos, pero algún, tamén. A tal momento estoume lembrando do señor Xusto de Gandoy que, cando non podía, ou non quería, dicir verdades, era cando máis verídicos lle saían os pensamentos; ¡verídicos, convincentes para os seus oíntes! Para mostra: Tiña unha vaca, a Toura, que xa lle chamaba así porque daba menos leite que un touro. Con esta experiencia, nada máis venderlle a súa primeira cría, mantida, criada máis ben con caldeadas, antes de que secase de todo tívoa unha semana sen muxir, que así se lle puxo unha ubre de campionato. Xa na feira de Castroverde, un comprador tentou descubrir a verdade daquela oferta:

-Xusto, ti, que es de Montecubeiro, e por tanto verdadeiro, dime a verdade: ¿Esta vaca dá tanto leite como aparenta?

Xusto, facendo honor ao seu nome:

-¡Mira, ho, e míraa ben, que non sabes o que levas!

-Pero, dá, ou non dá?

-¡Mira, ho, se cho digo non o vas crer!

Así, dicíndollo, non llo dixo, e a vaca por boa foi comprada. ¿Comprada, ou vendida? Xusto non mentiu, nunca o facía, pois certo é que, se lle concreta a súa capacidade láctea, o outro non mercaría, e a vaca seguiría coméndolle ao Gandoy por riba do seu produto.

Do mesmo Xusto: Tiña unha neta guapísima, guapísima e boísima, pero sempre andaba co pescozo comido das pulgas. Cando lle preguntaban ao avó a causa daquel asañamento das Siphonapteras, respondía invariablemente: -Métense con ela pola súa docilidade, pero, como Deus a críe, ha dar qué sentir! ¿Qué era o que dicía, e non dicía? Quitáballes a culpa ás pulgas, á vez que lle asignaba á rapaza un carácter prometedor, forte, loitador. ¿Un contrasentido? ¡Non; contrario, non, de dobre intención si, pois á vez que disimulaba a súa miseria enxalzaba a sensibilidade e maila valía da moza!

Outro caso notable, entre os moitos que lembro, é o de Amaro, que andaba polas feiras con unha tenda de tecidos barateiros, anticipándose aos chinos en medio século, nas que vociferaba: -¡Amaro no vende; Amaro regala! ¿Que se regalaba? ¡Á súa maneira, si, pois en cada venda regalaba un alfineteiro, dicíndolle á paisana: -¡Aquí ten o meu regalo…, para que despois digan que Amaro non regala! Á miña avoa, que lle preguntou o por qué dos alfinetes, respondeulle: -En previsión, e non os perda, para cando teña que remendar esta saia! El ben sabía que eran tecidos baratos, propensos ás roturas inminentes.

Isto nas aldeas, pero, na capital? Nas urbes sempre tiveron, sempre tivemos, a palleta máis solta, máis aínda, e xa non digamos hoxe en día, que tanto sabemos mal sabido, mal oído e mal entendido, mal dixerido, pasando dunha sinatura á seguinte en menos dunha hora; entre a curtidade do curso e o tempo dedicado ao móbil, á tele, ao botellón, vacacións e latares, á fin de curso chégase antes que ao San Xoán, obrigándonos o profesor a saltar de folla en folla coa rapidez, coa soltura, dun saltón. A comida mal mastigada non trae máis que gases, saian pola boca ou polo ano; gases, verbas gasificadas, inconexas, soltas, presas tan só neses falares con aceleramento cerebral impropio da dixestión, da asimilación, do cultivo humano. Un cerebro, o noso, que nolo fixo Deus, a Verba Divina, á súa imaxe e semellanza: daquela, como El non ten présa, que é Eterno…, por qué nós si, que somos menos artistas, e non digamos científicos?

Non de fronte, senón en paralelo, están as farfalladas abreviadas, as curtas, das que non chegaría un libro para recoller, para amosar tan só as que coñecemos a maioría dos analfabetos. Algunhas:

De Madrid, al Cielo! Slogan creado e fomentado, divulgado, por aqueles xerifaltes que ascenderon á fortaleza madrileña, cortesá, desde os seus castelos periféricos. ¿Qué pretendían? Que os vasalos se sentisen atraídos pola Villa y Corte, pero sen perder a súa condición vasalar, barateira, tal que a de desprazarse para aleitarlles os fillos, con abandono dos propios, que lles quedaban a medio criar, encomendados a avoa, e como xa secara, por delegación, á vaca Marela!

Barcelona es bona si la bossa sona.- Invitación aos inmigrantes, para que acudisen a encherlles a bolsa…, a cambio de traballar barato, de renderlles …, para que soase a deles! ¡Explícase por si mesma!

Coruña, ciudad en la que nadie es forastero. ¡Tamén é certa, pois, nun conglomerado de forasteiros ninguén se pode chamar forasteiro! Vaian, por exemplo, á rúa Barcelona, e alí pregunten se son cataláns ou lugueses; ¡pregunten, pregunten! Cando os romanos levantaron o seu faro, ese que chaman de Hércules, foi precisamente para que acudisen os seus barcos, para repoboar a que entón era unha illa desértica, e aínda así quedou sitio, pois tras deles viñeron os suevos, e poboaron o ensanche, establecéndose, asentándose, no actual Suevos.

Lugo, a ben murada. Non foi Lugh, nin os de Lugh, os que cerraron de sobre si ese bosque, que foron os mangantes, para que nos lles roubasen o roubado! Daquela, foi ben murada? ¡Ao contrario, indebidamente murada, e para máis inri, pola xente do país, con pedra do país, concretamente de Labio (Lapido), a golpe de látego!

Parando cos localismos, vaiamos aos personalismos:

La calle es mía! ¡Vaia forma de advertirlles aos pisados que non laiasen, e menos na rúa, posto que non era deles senón do Centurión!

Spain ist different! Unha dobre verdade: Pois este país era dos poucos que seguían crendo, aceptando, a doutrina Tout pour le peuple, rien par le peuple! Por outra parte, outro dobre efecto: Que así se lles facía crer aos turistas potenciais que aquí atoparían…, o nunca visto, nunca visto ou desaparecido, e era verdade, en tantas cousas, en tantas antigallas demodé, que xa non se vían noutros países! Por parte, presumindo de turismo, escondíanse as miserias patrias, aquel torrente de divisas, salpicado de bágoas, que nos viña da nosa emigración, dos nosos ¿turistas? Forzosos! Con estes disfraces carnavalescos, os economistas, que non somos precisamente os economizadores, aforramos os nosos cálculos: ¿canto hai que importar, canto hai que gastar no país, para atender aos turistas, co cal, do que traen, descontado o que comen, o que usan, o que manchan, o que fornican, canto nos queda deles é pouco máis que este slogan! Minto: Que tamén nos quedaban os Paradores de Turismo…, para as prima noctis dos especuladores!

Puedo prometer y prometo… ¡Inocente, meu crédulo, que esperabas che deixasen cumprir o prometido, o merecido!

¿Chégavos? Se é así, cambio e corto, pois, do que non, esta noite non poderedes acudir ao botellón, que precisaredes as oito horas para ollar estes parágrafos espiñentos!
-.-

¡Xa que espertamos, levantémonos! ¿É que estamos en guerra? ¡Si, pero con nós, con nós mesmos, coa nosa preguiza histórica! Primeiro de nada, revista de armas: ¿Quén somos, de onde vimos, onde estamos, a onde queremos chegar, pois, sen metas distantes non hai competición! Ao de qué somos: Fidalgos, fillos d´algo, desde logo que non, que iso é un arcaísmo, así que, démolo por superado. ¡Somos o que queiramos ser, con axuda de Deus, e se tamén nolo permiten as circunstancias! ¿Resucitamos a Ortega y Gasset…, para que nos axude a europeizarnos? Chéganos co seu análise básico: Eu son eu, eu e maila miña circunstancia! Grazas, don José, que xa o tiñamos esquecido. Somos unha xeración que aspira ao título de Self-made, que o inventaron os ingleses, pero como tanto nos levan roubado, eles, piratas incluídos, con aplicarlles a Lei do Talión…!

Como queremos ser máis, máis do que somos, mellor do que somos, apliquémonos a auto análise: Trouxéronos ao mundo, criáronos…, agora tócanos a nós, a nós mesmos, perfeccionarnos! Non debe ser doado, xa que poucos o fan, poucos o fixeron, polo menos ao longo dos dous últimos séculos, que máis ben parece que estamos nunha degradación social, sociolóxica…

¿Por onde empezamos? ¡Pola aplicación escolar, pois é unha vergoña que, con tantos medios postos ao noso alcance, pais, avós, profesores, Estado…, e logo que esta xeración pode ir ás clases de continuo, que non teñen que garda-lo gando, cabras, ovellas, vacas, cochos…, teñamos o fracaso escolar que temos! ¡A tódolos niveis, pois abonda con ollar os concursos da Televisión para decatarnos de que, se pouco sabemos, menos razoamos! ¡Saber non é só memoria, que se precisa, senón, e tamén, ou máis ben, asimilar; para asimilar cómpre deglutir, rumiar, afondar no por qué das cousas!

¿Quén é o principal interesado nesta, na propia elaboración, neste Self-made referido? Por egoísmo, nós, nós mesmos; por agradecemento a aqueles que nos axudan, os de hoxe, pero tamén aos predecesores da nosa cultura; por apostolado, polo deber social de abrirlles camiño aos nosos sucesores!

¿Cómo facelo? ¡Sóbrannos medios, bibliotecas incluídas, que, con todo ser poucas, están medio desertas, a maior parte do día! Lembremos a filosofía grega: Oito horas para traballar, outro tanto para o lecer, e o resto, cama! ¡Xa; pero tamén dicían aqueles sabios da antigüidade que sen ocio non hai filosofía, pois o contrario é: negocio! Co tempo que lle dedicamos actualmente ao ocio, se nos parásemos a pensar, o parnaso quedaríanos curto: todos sabios, todos artistas, todos eficientes, un auténtico Renacemento; este, si!

Todo isto compórtao o ser, pero, onde queda o estar? ¡Ah, si, iso das miñas circunstancias, que tamén cómpre telo presente, conxugalo en todos os seus tempos! A anticultura está maiormente en estudar Historia a estilo papagaio: datas, nomes, casamentos, sucesións, guerras, fosen civís ou internacionais… ¡Todo iso é palla, palla de reencher as albardas! O que cómpre, o realmente interesante, é analizar as cousas polas súas causas, e de paso sopesar a transcendencia e maila permanencia das consecuencias de tales causas. Non hai causa inocua, por cativa que sexa, por intranscendente que nos pareza, pois todas serven para acender o lume, ou é que non se acende con un simple fósforo? Analizar, e de analizado poñer os antídotos posibles, aínda posibles, para deter o curso das epidemias. ¡Si, das epidemias, pois epidemia é, gravísima, aqueles vicios, aquelas fantasías, aquelas desviacións dos malos gobernantes, tantos que tivemos, así que vai sendo hora de coñecelos, de tratalos como é debido!

¡Compañeiro, camarada Self-made, cave ne cadas, como lle clamaban ao César; ten coidado, no caias, nos decaias, e nos momentos de decaemento, tira forzas da túa fraqueza, que non hai fraqueza, debilidade, que non admita un reconstituínte! E de paso, paz na terra, tanta como desexo para min mesmo, para min e para os meus! Por separado podemos desanimarnos, desintegrarnos; unidos, xuntos, venceremos!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES