Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sagrada diferenza

domingo, 11 de junio de 2017
Teriamos que converter a festividade da Trindade divina non en algo abstracto ou frío, teórico, especulativo, senón en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo moi transcendental para a nosa propia comprensión humana. Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos, si, de Deus como un e trino. Sabemos que é un en esencia e trino en persoas. Así nolo dixeron e así o temos aprendido. E, máis alá diso, semella que o tema non dá moito máis de si para non poucos dos crentes.

Pero si ten importancia e moita. O feito mesmo de que haxa unha festa especial dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade parece amosar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos a fe na Trindade de Deus en algo vivo e operativo.

En calquera caso, temos que partir de que Deus, o Deus infinito ou, mellor, superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E ségueo a ser aínda que Él se teña revelado ou manifestado a nós como Pai, Fillo e Espírito Santo. Esta unidade e diferenza en Deus segue a ser un misterio, por moi grande, fermosa, consoladora, que sexa esta revelación. Por iso falan con razón os teólogos do “misterio”, do grande misterio, da Santísima Trindade.

Pois ben, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se nos revela ou se nos indica neste misterio.

A liturxia da festividade apunta ó que quero dicir. Deus non é alguén que vive pechado na súa soidade, clausurado nunha fría e absoluta unidade interna.

Na primeira Lectura, do libro do Éxodo, revélase Deus, é dicir, maniféstase, a Moisés como “rico en amor”. Pois ben, como podería falarse de Deus como amor, “rico en amor”, se na súa “unidade” divina non houbese lugar ningún para unha interna diferenza de “persoas” que se amasen intimamente e de maneira absolutamente infinita? Se Deus fose iso, non tería en si mesmo a quen querer ou amar. Deus non sería en si mesmo senón egoísmo absoluto e infinito.

Como podería Paulo, en tal caso, ter animado ós de Corinto a que vivisen entre eles en “paz” e “acordo” (como se nos di) se no seo mesmo de Deus, no seu interior, non houbese lugar para iso? Se Deus non fose máis ca unha soa persoa, con quén, igual a si mesmo, podería semellante Deus exercer amor ou facer paz? Mais Paulo sabe, como el mesmo di aquí, que Deus é “o Deus do amor e da paz”. O Deus de Paulo é o único Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo, divinas persoas que se queren tanto, tan infinitamente, que por iso mesmo sendo “diferentes” forman entre eles unha fonda, unha inconcibíbel e infinitamente rica unidade.

Para máis abundancia, no Evanxeo, na gran boa nova comunicada por Deus Pai ó mundo, cóntanos Xoán a conversa que, sendo xa de noite, tivo Xesús con Nicodemo. A este importante fariseo preocupáballe e chamáballe moito a atención a persoa de Xesús e quería falar directamente con el sobre Deus e sobre a propia salvación.

Pois ben, Xesús ábreselle plenamente ó seu interlocutor e dille a Nicodemo: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito”. É dicir, Xesús revélalle a Nicodemo, e revélanos tamén a nós, que o Pai non vive só, senón que ten un Fillo, que o mesmo que agora está a falar co preocupado e temeroso Nicodemo. Un Fillo que, que por ser o unixénito de Deus Pai, está en perfecta unión de amor co Pai e participa plenamente da divindade do Pai. E este mesmo Fillo unixénito, xunto co seu Pai, mándanos aínda a nós, tal como festexabamos no domingo anterior, o Espírito Santo, como presenza viva e amorosa do Pai e do Fillo a tódalas xeracións humanas mentres o mundo sexa mundo.

Deus é polo tanto unha misteriosa e incomprensíbel comunidade de amor. Un Deus, tal como adoitamos dicir, trino e un. No que hai unidade e tamén diferenza. Diferenza para poder amar a alguén que non se identifique sen máis con un mesmo, para que o amor de Deus, no interior de si mesmo, non quede reducido así a un simple e inevitábel egoísmo. E tamén unidade, porque o mutuo amor é tan grande que, aínda sendo diferentes, é ou son ó tempo unha única realidade, un só Deus. Algo semellante ó que ocorre nunha familia na que todos se queren tanto que forman unha unidade, sendo a pesar de todo cada un diferente dos demais.

Pero isto que é Deus en si mesmo éo tamén en relación connosco. Esta Trindade divina de amor, que caracteriza o interior de Deus, estase a realizar tamén entre nós, neste mundo, ata chegar á súa plenitude máis alá deste mundo. Por iso é moi importante o que lle di Xesús a Nicodemo, despois de lle falar do grande amor que o Pai lle ten ó mundo. Pois Xesús engade aínda, na súa conversa con Nicodemo, o seguinte: “Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo”.

Bastantes de nós fomos probabelmente iniciados na nosa fe cristiá cun certo exceso de temor, de prevencións ou de medos máis ou menos declarados. Seguramente tamén Nicodemo, como bo fariseo, tiña unha formación relixiosa abondo rigorista, que o incitaba a cumprir cunha multitude de preceptos e normas rituais, típicas do xudaísmo.

Mais resulta que Xesús lle di agora a Nicodemo que Deus non actúa no mundo en Xesús coma un xuíz, senón coma un salvador. Isto consolaría moito seguramente a Nicodemo e o liberaría de moitas angustias.

Por que Xesús non actúa coma un xuíz? Pois simplemente porque Deus non é en si mesmo senón unha Trindade de amor. O Pai non xulga o Fillo nin o Espírito Santo. Ningún dos tres xulga a calquera dos outros dous. Os tres quérense simplemente. Ámanse. Nada máis e nada menos.

Que bela e grandiosa sería a humanidade, se esa Trindade de amor se instalase cada vez máis no mundo! Se houbese moitos fomentadores de paz e de amor, entón non precisariamos de tantos xuíces como aínda hai no mundo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES