Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Una lección de vida

sábado, 10 de junio de 2017
A primeira vez que caeu doente -unha parvovirose, creo-, non tiña moito máis dos dous meses de vida. O meu amigo Manolo, que sabe de cans o que está e o que non está escrito porque ademais de veterinario é un namorado desta especie, cando lle fixen saber que me daba pena, díxome que un can era unha lección de vida... E que había ter tempo, máis veces, para comprobalo.

Van alá para once anos daquela calorosa tarde de estío na que lle puxo unha inxección que, cos efectos secundarios, provocoulle a dilatación das pupilas e fíxoo andar durante vinte e catro horas zopando por aquí e por acolá con bancos, paredes e cadeiras do patio da casa, pero que, como era de agardar, serviulle de santo remedio.

Nantronte pola noite, serodio xa, fidel, silente e folgazán, como tiña sido sempre, pero agora sen forzas mínimas para erguer a testa e soster, fronte a miña, unha mirada especialmente tenra e lastimosa que agoiraba unha pronta despedida, con dous pequenos regos lacrimais que esvaraban viscosamente sobre as súas fazulas e cos que semellaba quererse queixar da inxusti- za de ter que marchar, como di Alberto Cortez na súa fermosa canción: "...bebeu de súpeto tódalas estrelas, quedou durmido e xa non espertou".

Once anos -velaí a vida- que median entre estas dúas estampas. A do ser nacente que o resiste todo, incluso a cegueira momentánea fronte ó devezo de vivir. E a da senilidade decadente e resignada, consciente de ter cumprido o ciclo e que, por máis que amole, sabe que nada se pode facer fronte ó inexorable absoluto cuántico de que chega un día e hai que partir.

Once anos -velaí a vida- ó longo dos que só nos fixo regalías envoltas-ó seu xeito-en papel de celofán canino. Regalías que debuxaba no aire co muñón do rabo -que lle cortaran denantes de entrar na familia- cada vez que nos recibía ó abrir a cancela da entrada. Regalías que esparexía polo patio da casa cando, sen ton nin son, se puña a xogar co primeiro trapo que roubaba. Regalías, en fin, que sabían a lambetadas de afecto sincero cando pousaba as súas poderosas queixadas sobre as nosas pernas para que lle devolveramos coa man a calor que el con só a súa miradas nos transmitía... Regalías, sen máis, porque para iso foi para o que xeneticamente fora programado por tódolos seus devanceiros.

Bautizámolo, un día, con auga do pozo da casa e puxémoslle Pachín, coma aquel entrañable esmolan- te da nosa infancia que baixaba de Gontán co saco á vila para consumir tódalas colillas de picadura que atopaba pola rúa e, de paso meternos medo ás crianzas.

Puxémoslle Pachín e, coma nun brillante exorcismo, de súpeto o Pachín deixou de ser, ante nós, o "metemedos" da infancia para transformarse -ata nantronte pola noite- nunha fermosa regalía. Ou, como me dixo o meu amigo Manolo, nunha inesquecible lección de vida.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES