Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Cornelia', na praia da Lanzada hai 2000 anos

jueves, 08 de junio de 2017
A parte que segue presenta unha costa dereita por un tempo; logo penetra un pouco, e despois avanza gradualmente para volver a penetrar, delongándose dende alì en liña recta ata o Promontorio que chamamos Céltico.
Os célticos ocupan toda a costa.

Chorografía, III, 9.


O parágrafo que antecede é darredor do ano 45. Responsable do mesmo foi o xeógrafo romano Pomponio Mela, nado en Tingentera, localidade cuxa denominación foi mudada polos árabes, uns setecentos anos máis tarde, pola de Tarifa, no Estreito de Xibraltar. Nel, Mela describe a costa do noroeste penínsular, dende o áctual río Douro, seguindo polas Mariñas de Oia, e as Rías Baixas, ata o Promontorio Céltico, hoxe o Cabo Fisterra, accidente que arredor de medio século antes, tanto Marco Vipsanio Agrippa coma Strabón de Amasia, denominaran Nerio, en atención ao pobo deste nome situado nas súas inmediacións. Cara ao ano 75, sen embargo, Caio Plinio, que residiu algún tempo na Gallaecia, sabía que o seu nome correcto era o de Promontorio Céltico.
     
En tan breve e precisa información xeográfica están incluídos os tres quilómetros da praia da Lanzada, un área ininterrumpidamente habitada dende o século VIII a.C. ata o IV d.C., e intensamente excavada durante as últimas décadas, nas que se conseguiron achados tanto pùnicos coma galaicos e romanos, que demostran que en tal período, especialmente na Idade do Ferro –do IV a.C., ao 1 d.C.-, foi un centro de intercambio comercial con negociacións e exportacións tanto a media como a longa distancia. Un período no que, segundo a arqueoloxía, e antes de que os romanos a invadiran, Galicia contou cunha arte e unha arquitectura bastante avanzadas, así  coma con cidades relativamente extensas.
        
Expostas estas circunstancias, pasamos a lembrar que hai catro numeros ocupáramosnos do encontro polos arqueólogos da Deputación de Pontevedra, en Noalla (Sanxenxo), no xacemento da Lanzada, de restos moi ben conservados dunha muller adulta de mediados do século I, o tempo aproximado no que Pomponio Mela elaborou a descricción coa que aquí comezamos. A ela sumárase, un día despois, a aparición, a escasísima distancia, dos despoxos, en precario estado de conservación, dun neno, seguido, moi pouco máis tarde, polos doutro bebé de menos dun ano, neste caso sí en excelentes condicións.
       
Sabemos que a romanización de Galicia non foi todo o intensa que se chegou a afirmar. Máis, cara ao final do Imperio, todo canto era romano, e mesmo a fala latina, convertéronse en fundamentais na nosa cultura e na nosa sociedade mestizas. Digamos tamén que o territorio que ocupaban os galaicos fora gradualmente ocupado polos invasores. Cara ao ano 137 a.C. o procosul Decimo Xunio Bruto, -por esta razón alcuñado O Galaico-, apoderouse da parte situada entre os ríos Douro e o Miño. No 60 a.C. Xulio César someteu, polo menos nominalmente, as nosas comarcas marítimas ata o norte do país, e entre os anos 25 ao 19 a.C., Octavio César Augusto someteu este por completo. Non temos suficientes datos para afirmar, ou negar, que no tempo no que vivíu esta muller recén descuberta na Lanzada, o mestizaxe entre galaicos e romanos tivese avanzado ata o extremo de que os primeiros utilizasen xa a onomástica latina. Polo tanto tampouco sería imposible que esta dona se chamase Navia -a nosa deusa das augas no seu tempo-, ou Coventina, deusa entón da abundancia e da fertilidade. Os seus descubridores, sen embargo, e tendo seguramente razóns para facelo, preferiron investila co nome do papa San Cornelio, morto no ano 253, o 16 de setembro, o día, precisamente, no que apareceron os restos desta nosa antepasada, que, segundo o comentario de Pomponio Mela, tiña bastantes posibilidades de pertencer a aqueles célticos que ocupaban toda a costa, ata o actual Fisterra. Chamala, pois, “Cornelia”, pode ser tanto un acerto, coma unha decisión demasiado apurada.
Bernárdez Vilar, Xoan
Bernárdez Vilar, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES