
A festa do San Cidre lémbranos a vella e rica Galiza rural, a piques de perder a súa identidade e de morrer afogada pola esta aloucada sociedade urbanizada e globalizada. O imparable abandono do rural agrava a desfeita, medrando a soidade e a pobreza.
Esta semana celebran festa na provincia de Lugo as freguesías de Sexosmil (Meira), San Xoán de Lóuzara (Samos) e Viduedo (Triacastela).Tamén fan festa/feira os labregos/as de Sarria, Paradela, Castro do Rei e o barrio urbano da Piringalla en Lugo/cidade.
O Movemento Rural Cristián celebrouna, onte, na Zona de Mesía (A Coruña). Co lema coidando a Terra para a vida, centos de labregos/as denunciaron o abandono do noso agro que está a perder seis empregados por día (96.162 entre 1995 e 2006), os abusos nos prezos dos intermediarios (subiron o 2000% na carne de polo, o 377% na do porco e o 165% nas patacas) e o feito de que 15.000 gandeiros se enfronten á inevitable crise. Dos 54.490 inscritos na agraria, o 92% son por conta propia. A baixada de prezos chega cando a produción sube. Hai 230 cooperativas bloqueadas por falla de industrialización.
Con este panorama é difícil celebrar, con fe e ledicia, a festa do Patrón. Pero aínda lles quedan folgos a estes milleiros de labregos/as para compartir sementes autóctonas e cantar: San Cidre, santiño amigo -patrón da xente labrega- ti que soubeches xuntar -o culto coa fe e a terra- axúdanos a confiar - no Deus que cura e libera (M.Regal) Só lles queda a lembranza e moitas arrobas de esperanza. ¡Que boa falla lles fan!