Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se sorriron ou non...

martes, 06 de junio de 2017
Escribo dende o tren, creo que por terras segovianas, por onde o Alvia supera con creces os envexables 200 Km/h. Fágoo, xa de regreso de Madrid, despois de ter vivido unha xornada, por moitos motivos (podo asegurarlle, benquerido lector, que ningún deles por ego), certamente emocionante. Pero, sobre todo, por ter escoitado no Congreso dos Deputados conceptos positivos como "diversidade" fronte "diferencia" ou "iberismo" fronte "reinos de Taifas", e de ter observado manexar con destreza simbolismos alicerzados na convivencia e non aforismos representativos de liortas internas. Así como, de ter visto ós nosos representantes políticos dárense a man ó remataren a ponencia e non andaren a paus, coma no famoso cadro de Goya.

"Un día -dicía o poeta- tiven un soño que máis ben foi un cantar, pero ás veces os soños veñen á realidá..."

Son palabras de Celso Emilio Ferreiro que hoxe toco coas mans, porque igual que lle aconteceu ó meu ilustre veciño, despois de moito cavilar sobre o que temos feito mal dende que comezamos a confeccionar o traxe da transición para o que (a nosa riqueza lingüística e cultural) debería ser tomado coma un riquísimo patrimonio colectivo, ten ido dexenerando cara un motivo de controversia, e cheguei á conclusión -sinxela, pero profunda- de que o peor que como sociedade nos ten acontecido é térmonos confundido ó interiorizar que diversidade (o que nos enriquece) é sinónimo de diferencia (o que nos afasta).

Entón, dixen para min: "Isto é tan así que, por máis que existen días no ano para exaltar dende o canto dos paxaros na primavera ata o reuma que nos proe os ósos nos días de néboa, nunca se nos ocorreu dedicarlle -aínda que sexa un só día ó ano e celebrarmos o noso orgullo por elo- unha xornada ó inmenso patrimonio colectivo que son as linguas que hoxe falamos porque foron esculpidas a pico e maza por centos de xeracións que nos precederon na vella Iberia". "E por qué non o propoñemos" -continuei-, consciente de que o camiño ía ser longo e nalgúns casos sinuoso. Pero fixémolo e finalmente (¡gracias, Ana!) chegou o día no que a frauta soou a música de dulzaina nun espazo onde nos últimos tempos só se escoitan acordes de trompetería de campaña, cando non estrondos de batería ou desafinados zambombazos entre os que sentan en cadeiras enfrontadas nun estrado que debería soar no seu conxunto coma unha orquestra.

Foron, como lle digo, intres emotivos porque, aínda que soe pretensioso, eu lembrei momentos nos que Curros Enríquez, como cronista parlamentario e xornalista de prestixio no Madrid de finais do XIX, predicaba no deserto, ó querer dar a coñecer aquí a literatura portuguesa, para el, a mellor de Europa. Como tamén escoitei a Castelao pronunciar pola calada aquilo de se somos pobo é por causa do idioma. Intuín os seus ecos entre aquelas mesmas paredes e quixen velos sorrir dende alá onde estiveran. Se sorriron ou non, sábeno eles. Eu quixen pensar que si, vendo por tras dos seus sorrisos unha longa santa compaña, ó xeito das que eles mesmos invocaron, un no “Alba de Groria” e o outro no “Divino Sainete”.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES