Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Bla, bla…, bla'

sábado, 03 de junio de 2017
Mentres os taxistas de toda España nos transmiten a súa impotencia disfrazada de xenreira ó ver que as tecnoloxías da comunicación están abrindo novas vías de negocio tan anchas coma a Meseta e que, por máis que se queiran regular, acabarán formando parte da nosa economía. Mentres o líder mesiánico de Podemos pretende ocultar (gustaríame a min coñecer algunha enquisa que relacionase o perfil de votante de cada partido co perfil de usuario de transporte público) a súa hipocrisía disfrazándose de político solidario coas causas perdidas. E mentres a Xunta de Galicia, coa súa casuística particular, trata de reordenar o transporte público galego, disfrazándose agora de administración liberal para ocultar as razóns proteccionistas que dexeneraron na morte lenta da comunicación rural, ó fío de todo este escenario mudante e conflictivo, permítame, benquerido lector, que lle conte unha pequena anécdota familiar.

Os que viaxan con certa asiduidade polo corredor do Cantábrico -é dicir, Asturias, Cantabria ou o País Vasco- saben que pretender realizar unha viaxe en transporte público dende Galicia constitúe unha verdadeira odisea, cando non un maratón por estradas de segunda e de terceira que lle acaba afectando a un ás costelas.

Velaí polo que unha miña cuñada que reside en Torrelavega e que non quería conducir soa, propuxo viaxar utilizando os mesmos métodos que dende que andan sos polo mundo utilizan os seus fillos, que xa superan con creces, nos dous casos, as dúas décadas.

Descargou, entón, a aplicación "Bla bla car" e procurou algún vehículo que nos días que lle conviñera realizase o mesmo traxecto, tanto na ida coma na volta, a Torrelavega. Ó final, atopou un mozo que viaxaba cun can, pero que tiña como remate de itinerario Verín, polo que, igual que podería ter ido a Lavacolla ou Peinador, acabei indo recollela a carón da casa do Concello da vila de Monterrei, lugar ó que loxicamente a volvín levar para o regreso.

Non lembro canto pagou, pero teño idea de que a viaxe lle saíu a prezo. Como, por fortuna, tamén lle saíu a prezo a experiencia vital, porque o mozo seica era -coma ela- de conversa fácil e o can de tranquila compañía.

Tampouco sei, loxicamente, se o mozo estaba dado de alta na seguridade social, se tributou pola viaxe realizada ou se, en caso de percance, tiña o seguro ó día. O que si sei é que nos tempos de revolución postindustrial polos que actualmente nos vemos transprotados, ou nos adaptamos ós cambios ou cando nos decatemos o tren xa veu media ducia de veces de volta.

Por iso que, por máis que eu sexa o primeiro en estar de acordo con que os que realicen algunha actividade económica -malia que sexa colaborativa- deban contribuír á causa colectiva, tamén son dos que penso que tratar de poñerlle portas ó campo ven a ser algo así como encher de "bla, bla…, bla" os folios de tal discurso.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES