Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que falen os feitos...!

viernes, 02 de junio de 2017
Se nestes nosos tempos non entendemos as linguaxes habituais, nin as especiais como as mímicas e xestuais das persoas con aspiracións a desempeñar funcións públicas, emitir opinións acerca do bo ou malo que encerran as mensaxes máis ou menos explícitas parece que é perder o tempo, e entón só queda un recurso, a linguaxe dos feitos, deixar que os feitos falen, aínda que isto tamén comporte algún risco: Que a paixón dirixa os comportamentos, non interpretar os feitos adecuadamente, ou que a súa irreversibilidade sexa a única e incontestable mensaxe, coas irremediables, extemporáneas e conseguintes lamentacións. En Trump teñen un bo exemplo: transmite máis cos xestos que coas palabras.

Contar coa opinión de ilustres pensadores acerca de temas concretos equivale a dispoñer dun gran espectro de solucións para os problemas que debemos resolver; pero isto, no meu modesto entender, redúcese á mera erudición. Hai que saber optar de acordo coas esixencias contextuais entre as ofertas que nos ofrece un espectrograma de opinións autorizadas. Isto chámase competencia, é dicir, “pericia, aptitude ou idoneidade para facer algo ou intervir nun asunto determinado” (RAE).

Permítanme albergar dúbidas sobre a presentación como disxuntivos dos termos PERICIA, APTITUDE e IIDONEIDADE pola RAE, porque penso que hai algunha matización semántica diferencial entre eles. En todo caso, eu tomareinos aquí como conxuntivos e complementarios, considerando a COMPETENCIA como integrada pola práctica, a experiencia e unha habilidade adecuada para o desempeño e exercicio encamiñado a acadar os obxectivos que se encomenden, con vontade dispositiva, e xeradora da responsabilidade correspondente. É que non superamos aínda os hábitos da selección exclusivamente por as valoracións do grao de erudición, en vez de complementalas cunha boa dose de competencia, acostumados a reducila a unha formalidade de escasa relevancia práctica, con excepción do campo da medicina.

Pois ben; se transportamos todo isto ao ámbito da política, ten especial aplicación na elección democrática das persoas que nos van a representar aos cidadáns nas distintas institucións, o que me leva a formular estas dúas preguntas que considero fundamentais:

Cantos electores, a hora de elixir, teñen un coñecemento aceptable, para optar por un candidato/a, de todo o relativo a súa competencia, e ocasional e exclusivamente a súa erudición?.

- Cantos están libres das influenzas da paixón ideolóxica e dunha serie de actitudes viciadas polo descoñecemento da realidade, que avesamente se lles ofrece polos/as candidatos/as aspirantes, a miúdo mediocres e ostensosos/as narcisistas?.

A maioría destes electores dan a sensación de non entender máis linguaxe que a dos feitos, porque só teñen capacidade de comprensión para o que desexan que se lles diga; mais tampouco non son raros os casos nos que a mesma interpretación dos feitos devén arbitraria, para seguir “tendo razóns” que avalen os seus sentimentos pasionais, frecuentemente produto das desavinzas locais.

Velaquí por que os líderes populistas son tan afeccionados a acudir aos métodos asemblearios para avalar as súas persoais decisións, pois teñen aseguradas sempre por anticipado as respostas, e, o mesmo tempo, o que nos queren presentar como auténtica democracia é un simulacro da mesma por unha forma raposeira de utilizala, conseguindo cambiar as libres decisións opcionais dos votantes polas adhesións vinculadas, de incipiente matiz ditatorial. Lembran a Praza de Oriente?!. Os que a frecuentan e repiten..., non!. E son moitos máis dos que supoñemos, por iso en España estas prácticas recursivas empezan a tomar conformacións verdadeiramente orquestrais.

Pero existen outras prácticas que poñen en perigo as democracias, ademais dos populismos. Poderíamos citar a instrumentación que solapadamente empregan as elites dos partidos para seleccionar os candidatos a representantes, sobre todo cando, con reservada intencionalidade, e con escaso sentido político, simulan facelo cun sentido “meritocrático”, aínda que o criterio verdadeiramente decisivo non é outro máis que a fidelidade a elite do partido, convertido en maquinaria condicionante dos gustos, opinións e preferencias dos militantes, en vez de canalizalas en función do ben común dos cidadáns.

Por iso eu, consecuente co que deixo escrito, tamén me pregunto o seguinte: Se esas elites foron elixidas sen tomar boa nota das súas competencias, ¿que autoridade posúen para aplicar criterios “meritocráticos”, se precisamente o que evitan é incorporar capacidades de competencia superiores as súas?. Así manteñen a disciplina interna sen importarlles enervar a liberdade de xuízo dos representantes seleccionados como candidatos. E isto póñeno ben en evidencia as “purgas” levadas a cabo arteiramente polos NOVOS xefes, que, aínda que din que van rexenerar o sistema democrático a través da rexeneración do partido, empezan xa por empezoñar un e outro.

É unha maneira de afastar da política a competencia, aplicándoa a aqueles que contan con experiencia e demostraron posuír habilidades, aptitudes e idoneidades para ela. Aquí en España, ata foron rebautizados cunha nobre, pero sarcástica, designación, BARÓNS, coa arrogancia e egolatría que aureola a esa erudición incompetente e inexperta ( a veces, xa evidenciada como mediocridade), que baba incontinentes faíscas doutrinais, agarrada aos atrís dos estrados da política.

E das mensaxes dos que non entenden, ou non desexan entender, as linguaxes habituais, recibidas a través da linguaxe dos feitos, deberíamos estar ben advertidos, porque tamén inclúen o “menú do día” que os políticos de cada clase e compromiso nos van ofertando aos cidadáns para sacarnos das mans a “carta das eleccións libres”. E se non ...!, reparemos no que sentimos votando listas cerradas de candidatos (“menús da ocasión”). Non deberíamos, polo tanto, aceptar sen crítica as promesas que esvaecen os feitos que se prevén irrealizables nas nosas circunstancias: Federalismos doutros tempos plaxiados, gobernos dun progreso discutible, salarios e pensións insostibles, rexeneracións en mans de dubidosos rexeneradores, etc. E sumemos a isto que o diferente necesario, que é eloxiable, non é o diferente teatral do énfase das presentacións gregarias co xefe en cabeza, nin tampouco a inmersión nun ambiente de bicos e laicas bendicións, rituais ben coñecidos, que non son medida do aprecio nin selo de humildade, senón de cebo.

Por suposto, os feitos tamén falan e transmítennos mensaxes transcendentais, que non deberíamos esquecer; pero hai que asumilos criticamente, e non con asentimento previamente conformado por sofisticadas e improcedentes xustificacións a posteriori, que non son outra cousa que as argucias articuladas coas impertinentes razóns dos desaxustes coas promesas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES