Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Blues retranqueiro pola N-120

viernes, 02 de junio de 2017
Testemuñas da Memoria
Blues retranqueiro pola N-120

Por sorte ou por desgraza (no meu caso, e por esta vez, creo que por desgraza) hai xa moitos anos, máis de trinta, conseguín gravar nunha Blues retranqueiro pola N-120casete un tema musical de Los Latinos, que era unha versión da famosa “Balada de Bonnie and Clyde”. Tan axiña como a escoitei, o pensamento que se me veu á cabeza foi “de xulgado de garda”, “isto é pasarse da raia”. Como se pode gravar un espantallo coma ese? Pois gravouse e, claro, rechían os dentes, perdón, zumban os oídos ó escoitalo. Que para que a escoito? Pois para lembrar que algúns deberían ir de cabeza ó cárcere, e moito máis aqueles que atentan desa maneira contra a arte musical.

Todo isto vén ó caso porque hai pouco máis dun mes conseguín ver a actuación de Blues do País, un dúo que se dedica a transformar temas clásicos do blues e do soul en cancións, con referencias galegas e, no seu caso, con moita retranca. Veña xa! E isto non é de xulgado de garda? Como se pode versionar en plan retranqueiro a deusas e deuses do Olimpo musical como Etta James, Bobby Rush, Nina Simone, Nancy Sinatra, o inmenso James Brown, Muddy Waters, Led Zeppelin, Otis Redding, B. B. King, Bob Dylan e algún que outro máis? Efectivamente, podía ser de xulgado de garda, pero Bieitta James e Pepe King fano ben. E moi ben!. Con moita alegría, con xeito, con máis desenvoltura e con todo o cariño do mundo cara esas iconas musicais. Fano tan ben que aí están xa na rúa dous discos seus. E só levan dous anos xuntos!

O primeiro disco que gravaron foi “Bateas do Mississippi” e nel escoitamos o famoso “Sittin´ on the dock of the bay” como “Sentadiña no pantalán”... moi mal hase dar a troita eiquí / Eu só vexo iates de Madrí / que cante! Non che hai sentidiño / ningún ( Ai, Ouréns, meu Ourén! Tamén asoma Janis Joplin co seu “Mercedes Benz”, que Blues do País titulou, faltaría máis, co famoso “Chimpín”. Toda unha declaración de intencións. A ver se iso é retranca ou non é retranca. “Bon Dios, non terás de sobra un chimpín / Aquí todos teñen un Ebro 3000 / Anque esfole os riles, fan ben máis ca min / Bon Dios, que che costa mercarme un chimpín”. Así canción tras tema e retranca tras sorna, tras raposería. Pepe King pon os instrumentos e Bieitta James a voz, a preciosa e marabillosa voz que ten.

Segundo os ianquis teñen a famosa Ruta-66, Blues do País pensou que nós non podiamos ser menos e lanzaron ó mercado a non menos famosa “Ruta 120”, ou o que é o mesmo, a que nós coñecemos como a de Monforte a Vigo ou viceversa. Nesta, en vez de asomar Bobby Rush con “Garbage man”, asoma Blues do País co seu “Camión de lixo”... haberá alguén nesta terra / que estea pior ca min? / A muller deixoume por un prea: / o que leva o lixo co camión por aquí.. En vez de asomar Nina Simone co seu “See Line Woman” aparecen as famosas Marías de Santiago baixo a voz de Bieitta James. Nancy Sinatra puña as botas para camiñar pola Ruta 66 e Bieitta, que carallo!, pon os zocos para andar pola ruta 120. A ver cales son mellores! Nin punto de comparación!

Bieitta James, na realidade, chámase Iseo Agilda e naceu o 25 de abril de 1983. Ela mesmo me aforrou as contas: 33 aniños. Que seica foi nunha clínica de Betanzos, pero tan axiña como lle deron a alta (a ela e á súa nai) marcharon para Oza dos Ríos a pasar a nenez, porque axiña colleron camiño de Ourense, da que, a súa nai, seica se namorou. E claro, cando alguén se namora de algo, adoita non deixalo. Os estudos, chamémoslle pequenos, levounos a cabo polo barrio das Lagoas e os grandes, máis en concreto Filosofía, fíxoos en Santiago. Sempre lle gustou cantar e usa as cancións, a música como terapia “para manterme en min pase o que pase”. Entrou en contacto, para empezar, co grupo Sacha na Horta, do que Brais, é dicir, Pepe King era o seu fundador. Co tempo, coas inquedanzas dun e doutro e a pesar dos atrancos formaron o dúo Blues do País. O dos atrancos vén porque viven lonxe entre eles e para gravar e compoñer xúntanse onde poden e como poden, aínda que quen leva as de ganar seica é o guasap. Que somos hoxe sen o guasap?

Brais das Hortas é o nome de Pepe King e naceu en Camos, no concello de Nigrán. É polifacético de raio; compón, arranxa, grava, mestura, masteriza e tocando instrumentos é o conto de nunca acabar: guitarras acústicas, clásicas e eléctricas, batería, darbouka, kalimba, frautas, acordeón, etc. Empezou na música no verán de 1996 tocando a guitarra e pasou por diversos grupos locais do Val Miñor. A verdade é que non teño espazo para nomear todos os grupos e bandas nos que participou. Logo, para máis aquel, a partir do 2006 combina a súa actividade musical coa de narrador oral contando contos por institutos e por onde lle cadra. O dito, un tipo polifacético e versátil.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES