O fogar dos poetas dos ríos
Blanco Torrado, Alfonso - viernes, 02 de junio de 2017
Abrindo camiños dende sempre, os ríos foron configurando e vertebrando as nosas comarcas, non só irrigando de vida as paisaxes como as veas que transmiten o sangue á Nai Terra, tamén creando irmandade entre poboacións e veciñanzas porque os ríos endexamais separan, pola contra crean pontes e asimilan e soldan con vencellos comúns as raíces e as entrañas que definen a singularidade e as diferencias das súas ribeiras. Os ríos foron os que orientaron aos camiñantes nas súas primeiras andaduras, quenes seguindo o seu curso fai miles de anos sabían que non se ían perder, que acadarían a meta, emporiso Xermolos quere converter a Casa de Díaz Castro no Fogar dos poetas dos ríos, seguros de que así tamén van cumprir cos obxetivos e van celebrar o ramo desta obra.
Xermolos quere afondar na importancia dos ríos coma convite para coñecer e gustar a Terra Chá. Temos a fortuna de ser o berce do Pai Miño que nos seus primeiros pasos xa reflicte as caracteristicas que definen a nosa xeografía: o Pedregal de Irimia, a 700 m., na Serra de Meira unha mostra impactante das cordas e cordais que remarcan a Chaira e o outro trazo singular: as lagoas, os boedos, veigas, coma os olleiros da Lagoa de Fonmiñá na Pastoriza, onde o Miño fáise mozo, fervendo en regatos que loitan a borbollóns para fecundar a terra coa súa auga nutritiva, a que non só rexenera a nosa paisaxe, tamén enfeitiza as nosas agras literarias e artisticas, emporiso Xermolos e a Irmandade Manuel María fan a festa da Afirmación e a Dignidade no Pedregal ao comezo do outono, a estación preferida das e dos poetas, simbolizada na pedra das Mans de Irimia do artista local Manuel Pardo, lembrando a obra do escritor meirego Avelino Díaz, días despois da Memoria da Chaira Enteira ao pé dun Miño xa adulto na Carballeira de Santa Isabel celebrando ao patriarca Manuel María... O pai dos ríos segue abrollando arte no seu curso, así na Ponte de Outeiro na voz de Crecente Vega ou Pepe Otero. Mais é o Rañego e o Magdalena que nos transmiten a obra de Chao Rego, María Xosé Lamas, Agustín Fernández Paz..., o noso colega máis solicitado, compartindo o seu Paseo dos Soños, dedicado a celebrar a poetas da pedra coma Valdi. E esta fala fáise camiño no San Alberte, cantado polo Díaz Castro que vai de Parga a Pastoriza, coma o río que vai e ven..., o Trimaz de Chao Ledo, o Azúmara de Iglesia Alvariño, e aínda que sexa na ficción o Gil de Margarita Ledo Andión.

Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora