Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 31 de mayo de 2017
Baixo un sol queimón

O Laretas sentou nun mazadoiro que había á esquerda no medio da Pitediña. A calor apertaba e Agapito Lorito Cremañón, para máis aquel, non levaba gorra. Aí, sentado, Agapito non lle podía facer honor ó seu alcume, porque non tiña con quen falar. Si, o significado do sobrenome é fácil. Non é que trate moito con el, pero as referencias que teño é que é un latriqueiro de moito coidado. Hai moitos veciños que ata foxen un chisco del. Ergueu do mazadoiro, colleu o sacho e botouno sobre o ombreiro dereito. Axiña torceu pola carreira dos Poulos. Xusto ó entrar nela, o reloxo da igrexa de Baños de Molgas daba as catro da tarde. Moi cedo para cavar as patacas que tiña no Poulo Pequeno (imaxino que terá un Poulo Longo ou Grande), pero O Laretas tamén tiña fama de cabezón, de testán. Así é que baixo un sol queimón, dobrou os cadrís e dispúxose a cavar os seis reguiños que tiña cheos de patacas. Entre os pés dos tubérculos tamén puxera algo de todo; desde verza branca ata fabas, pasando polo repolo e as xudías. O Laretas empezou a laretar só.
Pingas de Orballo
Un cero á esquerda

Chámome Saratoga Baby e son a quintaesencia da sexta emenda, é dicir, un cero á esquerda. Aínda que ó mellor son o bulebule do centeo ou o axóuxere do vento. Nacín de Dentes de Cabalo e de Laverca Sentada, meus pais arapahoes de cando os indios aínda non eran ianquis. Nacín no cabo dunha pradaría baixo a sombra dunha serra. A serra era moita serra; estaba chea de picos e nubes mestas. A miña escola estaba nas pegadas das rodas da dilixencia, onde aprendín que esas marcas ían case sempre en liña recta. O meu pai Dentes de Cabalo bisboume ó oído: pilla a metáfora. Eu, claro, non a pillei; tan só vía uns reguiños rectos. A miña nai, Laverca Sentada, sorríame a pasábame a man pola cariña. Canto amor había nese agarimo! Cando subía ó alto da serra, ó outro lado estaba o home branco, que seica xa eran palabras maiores. Claro que a Saratoga Baby ninguén o acovardaba. Mais, por se aquel, baixaba axiña para a pradaría para seguir sendo a quintaesencia da sexta emenda, ou o que é o mesmo, un cero á esquerda.

Veciñas de porta con porta

Quero pensar que as dúas mulleres que están a barallar no mazadoiro da burga son máis que amigas, porque unha delas dille á outra que o seu home, polas noites, nunca sabe cando chega á casa. Non o sabe el. Ela si. Raio de home!, remata. As dúas mulleres levan panos na Pingas de Orballocabeza e visten de negro; unha por viuvez e a outra, a do home, polos seus pais, que morreron hai máis de 20 anos. Por vida!, levarei loito por vida!, exclama cada vez que lle din: pero, muller... Certo que cando se lle vai o santo ó ceo, solta unhas gargalladas que xa os máis paveros quixeran para si. E coma se se puxeran de acordo, as dúas erguen a un tempo, pillan os caldeiros que tiñan ás súas beiras e baixan as escaleiras para enchelos de auga quente. Seguro que son para botarllos á calda dos renchos. Soben pola rúa da Igrexa e ante as portas das súas casas seguen latricando sobre o home da máis alta. Agora entendo esa confianza; son veciñas de porta con porta. Cando anoitece sobre Baños de Molgas lánzanse un "que descanses" e ss dous bultos negros entran nas casas.

Heroe de Papel

Quen me ía dicir que se dou un paso para adiante non podo dar dous para atrás. Non é plan de retroceder, de recuar. Xa o di aquel (quen sexa): retroceder nunca, renderse xamais. Eu nin retrocedo nin me rendo. E non son un valente. Claro que así levo labazadas a darlle cun sacho. Ás veces incluso era mellor levar un sopapo cun sacho (ó mellor o golpe da aixada é máis lene, vai ti saber) que, por exemplo, un simple reproche. É que hai recriminacións que mancan, non si? Pero aínda así hai que esquivar o atranco e seguir o camiño. Tamén podemos coller un atallo. O caso é chegar. Aínda que sexa baldado, pero chegar. Aínda que sexa con mazaduras, pero chegar. Sempre un paso cara adiante! Coma os heroes de papel! Si, porque os da realidade, algunha que outra vez, tamén retroceden. Por iso eu son un heroe de papel: retroceder nunca, renderse xamais. Non retrocedo, non me rindo, levo moquetadas, chego escarallado, pero aí estou. Aquí estou.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES