Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rozadela, un lugar deshabitado

miércoles, 31 de mayo de 2017
Rozadela, un lugar deshabitado Rozadela, lugar da parroquia chantadesa de Merlán, hai dous meses que ficou deshabitado. A vellez do Bautista e da Leonor, obrigounos a recluírse na capital do concello. A norma habitual de centos de entidades do rural galego que fican deshabitados. Rozadela é o primeiro lugar dos 21 que ten a freguesía de Merlán, en proclamar desfeita e soidade nesas casas esborralladas que testemuñaban o ruinoso proceso. Este foi un lugar moi íntimo para a miña nenez, dado que nel vivía a miña avó e o meu tío Luís e seus fillos, aos que visitaba asiduamente e tiña entrada de veciñanza na casa do Xulio do Ralleiro, o vello que me contaba cousas do meu avó na guerra de Cuba e por el souben que o meu devanceiro desertou do exército español e pasouse ao exército mambís de liberación nacional cubano. Coñecín a vella Ánxela de Rozadela, da que decían que era medio meiga. Tamén, a Felisa do Moreno, unha curandeira e menciñeira que levantaba a paletilla e expulsaba meigallos e tangaraños. Unha muller das grandes en facer favores. Na casa do Monterroso sempre había unha cunca de caldo disposta á caridade dos esmoleiros. A do Ricardo, aquel artesán oficioso que lle daba a tódolos arranxos que facía con pedra e madeira. Seis casas habitadas con moita xente a rebentar dentro delas.

De Podente a Rozadela hai pouco treito de camiño, así que acostumo a pasear, pararme no Lugar e falar coa Leonor e o Bautista e lembrar o xenial daqueles brinquedos cos meus curmáns na eira do común. Un lugar ben acomodado ao longo do camiño, e ollando cara o sol en volta do mediodía, albiscando o monte Faro e guarnecido dos ventos do norte polo monte da Liboreia. Un lugar ben ergueito e antigo con pertenza ao patrimonio foral das monxas bieitas do priorado de Santa María de Pesqueiras, e con terras pertencentes ao mosteiro cisterciense de Oseira, tal como reza nos documentos diplomáticos desta, orde no século XIII. Lugar patrimonial do Pazo do Piñeiro, durante varios séculos. No século XVIII os veciños pagaban foros á casa fidalga do Carraltravesa de Sabadelle, dos mais tarde carlistas del Valle Varela. E sendo os veciños Rozadela, un lugar deshabitadodonos deste territorio irredento, fixeron historia, construíndo casa, aparellos de labranza, deron berros coa xugada que abría regos e proclamando terra enxoita; cantaron e danzaron en festas de gardar, lamentaron aos veciños perdidos na emigración e choraron ao son dun de profundis clamavi ad te Domine. Domine exaudi vocem meam, ao irmán defunto que cambiaba de lugar.

Continuarei os meus paseos a Rozadela nun ir de saudade, polo convivio que tiven con todos eses veciños, repletos de xenerosidade e acollemento. Só me resta sentarme nun deses muros e dialogar co silencio e retrotraerme nesas imaxes dun tempo de plenitude que me trouxo a miña nenez. Dar uns pasos e contemplar esas fiestras derrubadas da casa, onde os meus moraron; contemplar o corredor caído, a casa desteitada onde a miña avó acariñaba o corpo dos seus netos. Agora, pode que o silencio solemnice a perfección do que aínda nos asiste en todo o que se atina na lembranza. Nese ir existencial do que nos conmove nesa decadencia presencial de veciños. Fai mais de 30 anos que escribín este poema, non sei se premonitorio:

Soleado lugar de Rozadela
tes no prado unha fonte
e no souto unha fontenla.
E tiñas vides nas muras
onde cantaban as lúas.


Volverei! Volverei sempre a Rozadela, e nunca lle direi un inmerecido R.I.P. De seguro, alguén volverá a repoboar este lugar, encantador e silandeiro.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES