Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A muralla de Lugo, de novo caixa de sorpresas

viernes, 11 de mayo de 2007
A muralla de Lugo, de novo caixa de sorpresas A muralla de Lugo, de novo caixa de sorpresas O corpo de garda da Porta Miñá, un dos mellor conservados do imperio romano

As últimas actuacións arqueolóxicas e de posta en valor da nosa muralla, baixo o patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte, tiveron por escenario a contorna de Porta Miñá e, concretamente, dos cubos 20 e 21, que se corresponden cos inmediatos á devandita porta, en dirección á do Bispo Odoario. En ambos casos, os resultados foron satisfactorios, e ata sorprendentes. Por outra banda, e desde o punto de vista de posta en valor, é de destacar a recuperación de antigos accesos á muralla, coñecidos unicamente a través da documentación.

Este caso é, en concreto, o que afecta ao cubo 20. Apenas quedaban rastro das primitivas escaleiras de acceso de época romana. Con todo, o acceso atopábase garantido por unha rampla asociada á casa encostada inmediata, que debeu construírse, xunto con esta, en torno a finais do século XVII, prolongándose a súa utilización probablemente durante un século, ata que unha nova reforma da contorna implicou a ocultación desta rampla e a súa substitución por un novo acceso, en forma de escaleira abacelada, alzada tamén no núcleo da muralla. Finalmente, unha postrema reforma veu colmatar esta escaleira, dando ao adarve a fisionomía actual de paseo continuo no correspondente sector.

Ambos accesos atopábanse ocultos tralo correspondente segmento de muro intradós, que, no momento de proceder ás obras, daba a un abandonado xardín situado cara á cidade.
A limpeza deste, contemplada no programa de obras, implicou o achado dunha primitiva praciña lousada con pezas de granito, que constitúe unha das escasas mostras de pavimentación urbana que se conservan na nosa capital. Os elementos citados, rampla, escaleira e praza, foron revalorizados, mediante as correspondentes obras de saneamento e recuperación, de tal xeito que, desde este momento, a muralla conta cun novo acceso que permite a comunicación directa do casco urbano histórico coa muralla. Recuperación, polo demais, que serve tamén para comprender mellor o sistema de interrelación tradicional entre a cidade medieval e moderna coa cerca amurallada, por canto a devandita barriada, dispoñería así de dous accesos situados nos seus extremos, un pola parte da catedral e o outro, ao que nos referimos, no remate do casco histórico na súa conexión coa zona de hortas que se estendía polos flancos N. e L. do recinto amurallado.

A segunda actuación concretouse, durante os meses finais do ano pasado, no saneamento e posta en valor do cubo 21, que corresponde coa torre de flanqueo esquerda, vista desde fóra, de Porta Miñá.

Se os resultados obtidos na primeira fase dos traballos, descritos anteriormente, resultaron certamente interesantes, os obtidos nesta ocasión poden cualificarse, sen ningún xénero de dúbidas, como espectaculares, demostrando unha vez máis que a muralla romana de Lugo, grazas ao seu excelente estado de conservación, constitúe unha caixa de sorpresas, como anteriormente o fora o descubrimento das escaleiras e demostrar, de novo, que o título de Patrimonio da Humanidade outorgado á nosa muralla resulta certamente apropiado. Nesta ocasión, os traballos depararon o descubrimento de parte do sistema defensivo da citada porta, máis complexo do que cabía imaxinar pola cantidade de elementos construtivos que deberon intervir no control deste paso. Estes descubrimentos concrétanse nun corpo de garda e unha garita que, polas pegadas deixadas, deberon ser certamente espectaculares e que, en calquera caso, definen unha das defensas de entradas de recintos amurallados mellor conservadas do imperio romano.

O corpo de garda consiste nunha estancia de planta rectangular de 10 m. de longo por 2 de ancho, ocupando practicamente todo o diámetro do cubo pola parte do adarve. A altura conservada é de dous metros embutidos no núcleo construtivo da muralla, aínda que se descoñece a súa altura orixinal e o tipo de cuberta que a protexía.

Un complexo sistema de pasos permite a comunicación entre esta estancia e outros elementos da muralla, como reforzo do seu sistema defensivo. Unha ampla escaleira, de dous metros de anchura e oito chanzos, permite acceder ao adarve. Outra, de iguais características, ábrese no muro interior, abrindo esta cámara cara á cidade. Finalmente, un terceiro paso, de tres metros de anchura, facilitaría o paso ao piso superior da garita, desde onde se obtería un mellor control defensivo da porta.
Nun primeiro momento, está cámara debeu de constituír unha estancia única. Con todo, co paso do tempo, algunhas reformas estruturais, e quizais un aproveitamento defensivo, posiblemente en época medieval, modificaron a súa estrutura inicial, compartimentándoa e alterando os elementos orixinais.

Do recheo interior recuperáronse materiais de ambas épocas. Romano é un importante conxunto de época baixoimperial, non moi distante do momento de construción da muralla, congregados en torno ao que parecía un fogar. Unha vintena de moedas, un conxunto de vidros, cerámicas e unha serie elementos de bronce e ferro son algúns destes materiais. Da medieval poden citarse diversos fragmentos de cerámicas pertencentes a olas e xerras de ruda elaboración.

Da garita, destinada ao control directo da porta pola parte interior, consérvase a 1,50 m de altura, destacando por estar levantada con grandes sillares de granito, moi ben labrados, de 90 cm. de longo por 45 de altura, respondendo perfectamente ao tipo de sillares coñecido por opus quadratum. A estrutura atópase rechea cun núcleo de pezas de lousa e sillares reaproveitados, entre os que destacan un decorado con relevos. Isto unido á ausencia de porta fai pensar que a planta baixa desta garita podería ser cega, sen entradas. Por outra banda, algúns indicios permiten reconstruír esta garita en altura, superpoñéndose a esta planta baixa unha estancia superior comunicada co corpo de garda.

En definitiva, o control da porta, defendida ao exterior por unha reixa de ferro, unha porta de madeira ao interior e por unha cámara superior, atoparíase reforzado por un corpo de garda, instalado na propia muralla. Desde aquí controlaríase tanto o paso da porta como as zonas do arredor, tanto ao interior como ao exterior. A garita dispoñería dun control máis limitado, cinguido á parte interior dunha porta. Control de suma importancia se os posibles asaltantes puidesen franquear a reixa exterior e a porta interior.

Certamente a sorpresa foi grata. Pero podería engadirse que tamén foi unha sorpresa incompleta xa que a actuación se limitou tan só a un dos cubos de flanqueo. Para o mes de xullo, e igualmente financiado pola Consellería de Cultura, está previsto actuar no cubo oposto, o que permitirá poñer ao descuberto o sistema defensivo na súa totalidade. Confiemos en que, de novo, a nosa muralla se mostre xenerosa, deparándonos importantes achados que, mediante a correspondente revalorización poidan ser dados a coñecer á comunidade científica e sexan postos en valor para o xeneral goce.
Alcorta Irastorza, Enrique
Alcorta Irastorza, Enrique


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES