Inmersos na divindade unha e diferente
Cabada Castro, Manuel - domingo, 21 de mayo de 2017
O tempo de Pascua que estamos a celebrar nestes domingos, despois da festa do domingo de Resurrección, está preto do seu remate. O próximo domingo é xa a festividade da Ascensión do Señor e, no seguinte, a vinda do Espírito Santo, o día de Pentecoste.
Por iso neste domingo vmos de atopar xa ideas e pensamentos que teñen abondo que ver tanto coa Ascensión do Señor como co don e agasallo infinito que Xesús nos vai facer: o Espírito Santo.
En canto cristiáns, é dicir, en canto crentes na palabra e na revelación que Xesús fai á humanidade de como é Deus, a Trindade deste noso Deus ocupa un lugar esencial. Sobre este misterio infinito, que é Deus, dános Xesús a entender de diversas maneiras que está constituído (por así dicilo) por algo ó que a reflexión cristiá veu chamar despois as tres persoas divinas. O único Deus noso é a persoa do Pai, a persoa do Fillo e a persoa do Espírito Santo. Algo así como sobre unha familia moi unida se podería dicir que as distintas figuras que a compoñen, o pai, a nai e mailos fillos ou fillas, a pesar de seren diferentes entre si, forman unha única realidade.
Non se trata de que os cristiáns queiramos complicar as cousas. O que pasa é que é Xesús mesmo, en primeiro lugar, quen veu comunicarnos e quere comunicarmos a grandeza infinita e incomprensíbel dese Deus Pai, que se converte con Xesús en Pai noso tamén. Se, segundo viamos no anterior domingo, Xesús podía dicir de si mesmo que quen o ve a el ve tamén a seu Pai, é xustamente porque a persoa de Xesús forma desde sempre unha unidade co seu Pai, aínda sendo diferente del.
Mais, en segundo lugar, nas Lecturas fálasenos ademais doutra persoa, en unidade co Pai e co Fillo, neste misterio grandioso do noso Deus. Xesús dinos que ós que o amamos a Él daranos outro Paracleto, para que, tal como se nos di, estea decote connosco: o Espírito da Verdade. O Paracleto é unha palabra grega que significa auxiliador ou dador de consolo. Este Espírito da Verdade ou dador de consolo é o que chamamos, de maneira máis habitual, o Espírito Santo.
O Espírito Santo convértese así para nós en presenza viva e actuante de Xesús en nós a través de tódolos tempos da historia humana. En nós e tamén en cantos veñan despois de nós. É dicir, en cantos historicamente non fomos testemuñas directas da vida, morte e resurrección de Xesús. Deste Espírito diranos Xesús que estará onda nós e en nós.
Un Xesús, que está dalgún xeito de despedida, déixanos neste don en certo modo a si mesmo ó nos dar e regalar o seu Espírito Santo. Non vos deixarei orfos, dinos Xesús.
Sen dúbida, é bo que a nosa fe cristiá nos dea receitas morais para tantas e tan diversas situacións e problemas cos que nos atopamos e atoparemos na vida. Mais coido que é case máis importante aínda que nos acostumemos a ver este fondo grandioso e marabilloso da nosa fe e que Xesús nos comunica.
Acostumarnos, pois, a darmos grazas a Deus (non o esquezamos: a Eucaristía significa acción de grazas), a darmos grazas a Deus, digo, pola súa grandeza, polo seu misterio. Un misterio de amor que Él nos quixo comunicar, manifestando así o aprecio que Él nos ten. Os segredos só se comunican a aqueles cos que se ten confianza. E Deus comunicounos a nós quen é El, como é El e cómo nos quere.
Deus quere facer do mundo, de toda a humanidade, de toda a creación, unha realidade unida, mais con persoas e grupos humanos e sociais que son e queren seguir sendo diferentes entre si. Unha realidade unitaria o máis semellante posíbel a esa unidade entre Pai, Fillo e Espírito Santo que quere, respecta e ama porén a mutua diferencia.
Pero hai algo máis aínda. Esta unidade da humanidade, que respecta e quere a diversidade e a diferenza no interior de si mesma, está chamada a se realizar plenamente no interior de Deus mesmo, por moi incrible que isto poida parecer.
Lembremos unha vez máis aquilo do apóstolo Paulo de que en Deus vivimos, nos movemos e existimos. Mais é Xesús mesmo quen nolo di e nolo promete tamén cando lles anuncia ós seus discípulos: Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós.
É dicir, os plans de Deus consisten en que todos esteamos e vivamos en Xesús e Él no Pai. Unidos, pois, a Deus, sendo nós ó mesmo tempo nós mesmos. Eses son os grandiosos e inimaxinábeis plans de Deus sobre nós.
Todo isto é o que teriamos que ir interiorizando e asumindo con alegría nas nosas vidas. Deste xeito poderemos converternos en luz e calor para toda persoa que se atope connosco e queira coñecer o segredo das nosas vidas, que no fondo consiste en sentírmonos felices porque Deus é o noso Pai e deste modo consideramos os demais como irmáns nosos.
Daremos así cumprimento tamén ó que nos pide o apóstolo Pedro na súa carta: estade sempre dispostos dinos Pedro- a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro.
Porque o que máis precisamos todos é sermos capaces de esperar. Porque sen esperanza non se pode vivir. E vivir é o que todos en definitiva máis desexamos. Pois ben, Xesús prométenos a vida. Porque el mesmo non é senón Vida: Eu son o camiño, a Verdade e a VIDA. Ou como se nos di hoxe no texto do evanxeo: Eu vivo e tamén vós habedes vivir.
Por iso esperamos e por iso somos capaces de esperar.

Cabada Castro, Manuel