Portugalizarse
							Santalla, Iago - miércoles, 24 de mayo de 2017
							  Parece que Portugal está de noraboa en moitos ámbitos que quizais desembocaron na ledicia colectiva pola vitoria en Eurovisión de Salvador Sobral coa canción Amar pelos dois. Trunfou a sinxeleza fronte a exuberancias absurdas, a humildade fronte a soberbia e sobre todo a orixinalidade tecida no propio idioma fronte aos coqueteos absurdos co inglés.
Portugal gañou sinxelamente e sen ruído. Salvador Sobral chegou cun ar poético, exhalando fado e saudades que conquistaron o corazón europeo co sabido resultado. 
Este non é o único trunfo polo que hai que felicitar aos irmáns portugueses: tamén están a ver como o seu pobo se recupera social e economicamente poñéndolle freo á austeridade. Esta recuperación tradúcese en leis inclusivas como a aprobación de unión de parellas do mesmo sexo, a redución da xornada laboral do funcionariado, a supresión do ensino concertado,  o freo de desafiuzamentos ou a creación dun imposto para as vivendas de luxo.
A querenza por un país que amo non me impide ver erros ou incertidumes alimentados en boa parte pola desconfianza exterior. A pesares disto, teño envexa dun executivo de consenso en  sintonía cun pobo ao que pertence, serve e respecta. Un pobo que o elixiu para curarlle unhas feridas que van camiño de cicatrizar.
Cando isto é recoñecido por medios de distintas tendencias (incluíndo as contrarias...)  algo de verdade haberá... 
Como dixo Siniestro Total: menos mal que nos queda Portugal!
							
							
Santalla, Iago
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora