Arredor da bandeira azul...
Fernández, Suso - jueves, 18 de mayo de 2017
A nova deixounos abraiado. A Praia da Rapadoira, perde a bandeira azul que viña ostentando dende había tres décadas; xoia dos areais mariñáns, sempre moi coidada; a de mais tradición en atencións e servizos; a primeira distinguida co galardón que acaba de perder; aureola que tanto colaborou ó prestixio co que conta, e da que sempre os focegos sentimos fachenda, e non sen razón ;acabamos de recibir o pao que nos temíamos e no que algúns tanto levamos insistido; hoxe lamentamos que de nada servira.
O 22/9/ 91 escribimos: Ninguén dubida da necesidade da actuación (a dotación de depuradora); pero a evidencia obriga a ser cautos e reflesivos e non permitir que tal feito deixe posibles secuelas para a vida cidadá e para a incidencia no turismo. O porto forma un todo urbán co resto da vila, da que a beiramar é o meirande valor, que dende hai décadas vense masacrando por sucesivas e infaustas actuacións dentro da ría.
Hai que adoptar actitudes racionais e aplicar o sentidiño, evitando, no posible, riscos de imprevisibles consecuencias. Non destruamos o patrimonio mais valioso; que ninguén poida pronunciar aquelas verbas do pintor Laxeiro: qué pobo mais fermoso, pro
¡qué carallo de xente
!
O feito que vivimos, tráenos á memoria outros momentos e outras persoas. Déstas imos lembrar dúas que, cumprindo a humilde función de gardapraias, para este cronista foron, en tempos de tódalas carencias, auténticos heroes que salvaron vidas e dedicaron tódolos esforzos á defensa do areal que situaron na cresta do prestixo entre cantos se espallan por un longo percorrido do noso litoral.
Do vello Castiñeira: O Ignacio Chacártegui era un dos barcos de cabotaxe que, na primeira metade do século pasado, entraban no porto con carga xeral e saían con travesas para minas de Asturias. Un día de febreiro de 1929, o barco esperaba, fóra da barra a subida da marea para entrar. O capitán mandou a tres homes nun bote a terra; o mar estaba alporizado e a embarcación envorcou.
Dous nadaron a terra e un desapareceu. Dada a alerta , saíron varias lanchas no seu auxilio. Na proa da chamada Peidiño ia Castiñeira, atento ó seu arredor. Cando albiscou ó desaparecido, o bravo mariñeiro atou unha corda á cintura, lanzouse ó rescate, malia a ondada reinante, e sacou á superficie ó mariñeiro Xosé Ponte que, a pesar do esforzo de Castiñeira, finou pouco despois.
En 1946 encargouse da vixiancia da praia. As obrigas do cometido eran: de 8 a 21 horas, vixiar que os bañistas non se metesen en zonas perigosas, nen cometesen actos inmorais, e acudir coa urxencia requerida ó salvamento dos que se atopasen en perigro. Tamén vixiar que na praia non se tirasen cabezas de peixe nen outros obxetos, denunciando ós infractores; cobraba de xornal 12 pesetas diarias. A bordo da lancha de remos Marita, nas súas expertas mans estaba a seguridade dos bañistas, para o que contaba cuns salvavidas na beiramar (coa lenda: Respétame, puedo salvarte la vida), uns corchos e unha corda ó seu carón.
Chegoulle a Castiñeira o recoñecemento dunha vida dedicada ó mar, en forma de homenaxe e a medalla de mérito ó traballo. Finou no ano 1958, ós 78 de idade.
Pero, sen dúbida, o persoeiro histórico da Rapadoira foi Lisardo Rivas, O Xico.
Nado en Foz era, pódese decir, fillo do mar: a infancia, vivida en anos de grandes fames, foi mecida polos vaivéns das lanchas na ribeira; o graznido das gaivotas e o marmulo das olas que morrían na area, enmarcaron a sonoridade das vivencias infantís: o sol, o vento e as choivas curtiron a pel, producindo unha simbiosis entre home e o medio natural.
Ano de 1960. Foz gaña o 1ºpremio do concurso Cuidado y embellecimiento de los pueblos que cada ano patrocinaba o Gobernador Civil. Daquela as rúas lucían unha esmerada limpeza e as flores, espalladas pola vila, daban a imaxe de coidado xardín urbano; a tal punto que o enxeño popular aplicara ó alcalde, Xosé Mª Beltrán, o apelativo de Pepe dos Tarros: unha louvanza colectiva ó labor que, neste eido, facía o concello.
Editábase en Foz a revista A RAPADOIRA; o nº de setembro insería breve conversa con Xermán López Cao, focego de ampla cultura, que levaba anos emigrado en Liberia. Preguntado qué fora o que á volta mais o sorprenderá, dixo: Atopar o pobo regado de flores en macetas ó alcance dos rapaces,sen que unha sexa molestada, nen tampouco os xardíns, que é incrible que brotaran en tan pouco tempo, coa protección de todos; o que pon de relevo o civismo e a cultura dos focenses.
O Xico, que entregou a vida ó coidado do que sen dúbida é a mais valiosa xoia dos nosos atractivos, finou o 31 de xaneiro de 1993, ós 62 anos; ó enterro asistíu unha moitedume; o cadaleito saíu da Casa do Concello, cuberto pola 1ª bandeira azul concedida á Rapadoira, en xusta homenaxe a quen fora o meirande valedor dela.Hoxe non a temos.¿Cantos anos tardará en volver
? Coidemos con esmero as condicións da chegada
e quede, para sempre, aprendida a lección.
(Suso Fernández é Cronista oficial de Foz)

Fernández, Suso