Testemuñas da memoria
Muxicas, o grupo que sinte o teatro
Nas primeiras reportaxes que escribín para estas Testemuñas da Memoria falaba das heroicidades de certas persoas ante cometidos que se saían un pouco do común: xente que arriscaba incluso a vida na posguerra, persoas que loitaban soas e sen axudas ante obstáculos ou atrancos que se lles poñía polo medio para que tropezasen unha e outra vez...
Pero tamén hai xente que, con axudas ou sen elas, están aí loitando contra os elementos máis diversos e adversos cos que alguén se pode atopar no camiño. Porque, deixándome de andrómenas: é unha auténtica heroicidade traballar, orientar, conducir, dirixir e aconsellar a un grupo de persoas cunha discapacidade visual grave, tan grave que algúns actores están cegos por completo. E hoxe en día, os adaís de todo isto son Melania Cruz (actriz) é Tito Asorey (director e actor) que fan de chantón, de guía, de puntal do Grupo de Teatro Muxicas de Ourense.
Como dixen, este grupo está formado na súa maioría por actores e actrices cegos ou practicamente cegos, polo que, ó momento, me fan pensar nesa heroicidade a partir dos seus ensaios e das súas representacións, nos seus bandazos, nos seus cabreos ó non atinar nas colocacións, nos disimulos que levarán a cabo para que non se lles note moito a discapacidade. Heroicidade porque resolven todo iso con sacrificio, traballo e, iso si, moita ilusión. E despois está o propio ser, a propia personalidade que, segundo confesión de Tito Asorey, dá gusto compartir eses momentos de ensaio, de traballo, de semente con ese grupo de xente que son fabulosos e que queren seguir e seguir, logo de tropezar e de engarrar, ata que acadan o froito que, unha pena, non ven, pero si senten. E isto é o máis importante.
Certo, hoxe os heroes son Melania Cruz e Tito Asorey, pero antes destes houbo tres heroínas máis encargadas de levar a bo porto a este taller de teatro da delegación da ONCE de Ourense, que empezou a funcionar no ano 1998 da man da actriz e directora teatral Sabela Gago, que tamén estaba, e aínda está, vinculada á compañía Sarabela Teatro, e que sempre realizou unha importantísima labor de pedagoxía teatral, destacando a Aula de Teatro Universitaria de Ourense.
Desde o momento da creación da compañía Teatro Muxicas, un pequeno pero moi fiel grupo de actores e actrices estiveron vinculados ano tras ano a esta experiencia. Sabela Gago cedeulle a encomenda a Matilde Vázquez durante catro anos, do 2001 ó 2004, onde o grupo puido continuar a súa formación e poñendo en escena varias montaxes. No 2005 é Mónica Sueiro (pedagoga teatral cunha ampla experiencia no teatro afeccionado) a que se encarga de guiar a eses actores que, aínda que non ven ben, si viven os seus soños e as súas realidades a través duns personaxes que lles serven de guía.
Rematado o período de Mónica Sueiro, é, no 2007, Tito Asorey o que se fai cargo da dirección do taller, axudado por Melania Cruz. Con estes a compañía logrou unha maior solidez e consolidación, tanto a nivel de número de integrantes como a nivel de alcance dunha liña estética propia. O nivel podo asegurar que é grande, moi grande. Polo menos así mo demostraron cando os vin actuar na Valenzá coa obra Arsénico por compaixón. Axiña pasas de pensar que a están representando uns actores con discapacidades visuais fortes. Grazas ó seu traballo, ó seu bo facer (e por que non, á súa dirección) empezas a ver a uns auténticos actores profesionais e, o que é mellor, que pouco a pouco, vaste esquecendo desa súa discapacidade. Aí está o seu valor, a súa importancia: facerche crer que son auténticos, que están aí por méritos propios, porque souberon choutar a barreira, o atranco que se lles puxo no camiño. Ante isto, non queda outra que metelos no recuncho ese dos heroes anónimos (a eles e á dirección) que, en silencio e á modiño, fanlle cambiar o pensamento ós demais mortais.
Así, da man para o pé, levan representadas as obras Círculo vicioso, de Antonio Martínez Ballesteros; A zapateira prodixiosa, de García Lorca; Baby Boom no paraíso, de Ana Istarú; A voda dos pequenos burgueses, de Bertolt Brecht; e A visita da vella dama, de Friedrich Dürrenmatt, entre outras. O que demostra que traballan e que saben moi ben o que fan. Eu, sinceramente, xa teño ganas de velos noutra.