Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O idioma como ser emocional

miércoles, 17 de mayo de 2017
Na festa das Letras Galegas, que este ano se dedican a Carlos Casares, compre reflexionar sobre o que para un mesmo significa o idioma. Para empezar este artigo lembro unhas verbas de Alonso Montero cando dixo que o día nacional dos países normalmente deriva dunha conquista, dunha guerra, dun acto heroico no que xeralmente hai danos colaterais etc... En cambio, nós decidimos celebrar a palabra, que representa a sinxeleza máis imprescindible da vida.

Celebramos, pois, a palabra propia, a auténtica, a que transita dende a voz dos antergos ata chegar a nosa propia voz e facerse un xeito imprescindible de identidade. Lembro unha cita de Mini na que dicía que aquí as árbores zoan dunha maneira distinta e que un carballo se cabrea cando lle chama “roble” igual que unha anduriña lle doe que lle chamen “golondrina”. Esta reflexión levoume a pensar que hai certos obxectos que necesito nomear en galego.

Para min un muíño nunca será un molino, termo que dalgún xeito asocio ao Quixote por outra parte hai palabras que teñen moi difícil tradución porque aluden a conceptos propios do ser galego e a súa idiosincrasia. Como exemplo podemos poñer a diferenza entre leira e finca: unha leira nunca poderá ser comparada co concepto latifundista que existe noutras partes da península.

Mirando o concepto na RAE un dáse conta de que é moi difícil de definir sen ter presente o xeito de organización de Galicia.

O galego quizais naceu como un xeito de nomear cousas que non tiñan nome de seu porque na xestación doutros idiomas, simplemente, non estaban. Todo isto xenera un apego a unha terra que necesitou ser nomeada dunha maneira distinta porque era en si diferente. A partir de aquí, agroma toda unha cultura labrega, mariñeira e incluso obreira que ten como centro un idioma e unha forma propia de enfrontarse á realidade. Entón, o apego polo idioma empeza a xestar conceptos de uso diario que se fan imprescindibles.

Aquí, o galego empeza a ser o idioma non só do traballo cotiá senón tamén das emocións nacidas nese entorno e traducidas en creacións que conforman a cultura popular. Podemos falar, por exemplo, do cocho, un animal imprescindible que, ano tras ano, nos convoca a mesas de festa. Poñamos como exemplo a cachola, tamén chamada cachucha pero en ningún caso dicimos que imos comer a cabeza. É máis, os termos cachola ou cachucha son asociados inmediatamente ao porco.

Dalgún xeito hai un idioma que se mama e que o feito de utilizalo sitúanos na propia casa. Isto, por suposto, non é exclusivo do galego senón que pasa con todos os idiomas. En todo caso, vén a poñer de manifesto o feito de que ningún idioma é prescindible e que cando se loita pola extinción dun determinado idioma estase propugnando a castración emocional dos seus falantes, aos que se lles prohibe contar a súa historia en primeira persoa e no seu propio idioma.

Por todo isto, loitamos polo galego, porque o galego é o noso xeito de ser e estar no mundo e a nosa existencia vai ligada a súa historia e a súa cultura. O galego é a nosa palabra limpa e pura, sen ela simplemente tomaríamos unha feitura que xamais sería a propia. Como dixo Manuel María “esquecer o idioma é ser mudo e morrer”.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES