Antes de cousa ninguna quero dicirlles que foi unha mágoa a perda polo camiño informático do último parágrafo do meu anterior artigo titulado A Asociación de Acordeóns de Cedeira. Non quero deixar de achegala aquí agora ó comezo deste de hoxe. Vai: Por hoxe deixámolo aquí (outro día, máis; aínda non queda aí a cousa), non sen antes pedirlles agarimosamente lle boten unha curiosa, talvez, e identificativa ollada ás fotos de ilustración achegadas, nas que aparecen individualizados os alumnos da 1ª quenda dos alumnos de Xavier Díaz Carrasco, Sara Pérez (2º Grao Conservatorio Superior de Oviedo), Lorena Muiño (rematando estudos de acordeón no Conservatorio Profesional da Coruña), Sandra Novais (1º curso de Grao Superior Conservatorio da Coruña), Pablo Bermúdez (amplía seus estudios de acordeón no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela) e Arancha Bouza (1º premio infantil en Arrasate no 2002) e que, os catro últimos, xunto con Bea Leonardo, Bea García e Vicente Bermúdez, formando o grupo Galician Voyage, acadaron o 1º posto no Festival de Castelfidardo- Italia en 2015 na categoría Músicas do Mundo Desta quenlla compre nomear tamén a Pablo Sabio, Esteban Blanco, Enrique Graña e destacar a Adrián Pérez coa súa intervención en Washingon en 2005 e en Filandia 2006 e a Andrés Penabad, que xa vai polo 2º disco. Todos, xa dende o principio, alumnos de Xavier, xaora.
E non deixen de botarlle tamén a ollada á foto de grupo (tamén do artigo anterior), na que aparecen os nenos músicos actuáis en roupa de rúa, entre os que se atopan xa 2 primeiros premios internacionais (Castelfidardo-Italia e Alcobaça-Portugal), e 3 primeiros nacionais (Arrasate- España). Ate aquí o paragrafo que desaparecera.
Xa que logo, despois de ter feito parada e paseo inesquecible e obligado na praia de Area Longo, subimos agora da man deles á Punta Robaleira, a que multiplica por dous, con batuta de altura e indicación segura, a rada desta Vila de Cedeira a cadanseu lado. Doble enseada logo de terra e ceo, de angueira e acougo, de agro e pesca, de traballo e lecer, de inverno e agosto, de tempo que fuxe e tempo que ven e virá. De pasado e de futuro xa presente. De música e acordeón, que foi, que é e que vai ser aquí sempre en Cedeira.
Ollen vostedes en flash-back, dende arriba quero dicir, e xa vemos o que remata de ser, e vai ser moito máis, polo acordeón dos vales e altos da capelada que xurde todo acordado un día do ano 2002 da Asociación Robaleira, (misterios da homonimia!): de Cedeira a Caltelfidado (Italia), de Cedeira a Alcobaça (Portugal), a Washington de EE.UU, levando acá e acolá Galicia en aire de fol e arias só posible desde este nordés cantábrico de aquí e dos seus acordionistas, que a eses lugares acudiron, bos e xenerosos, tocando sen parar exitosamente, desde aquela data até hoxe mesmo. E voltaron sempre: a seguir a voar, rubindo aquí, achegando aquí -Sempre en Galiza- canto se acadou lonxe da terriña: a conquista e o botín de amigos, de admiradores, de Mestres e xurados tamén conquistados polos acordionistas infantís, xuvenís, juniors da Asocición de Acordeóns de Cedeira xa laureada, como se ten dito.
Leo, léolles, saiban vostedes. Pero antes dígolles e resumo: 1ª Semana do Acordeón de Cedeira, a celebrarse do 31 de outubro até o 5 de novembro, organizada pola Asoc. de Acordeóns da vila. E leo logo:
Martes 31 de outubro: O acordeón na taberna. Mércores 1 de novembro:O acordeón na rúa, miniconcertos e cursiño de inciación á organoloxía do acordeón. Xoves 2 de novembro: Clase maxistral: O acordeón do século XXI. Venres 3 de novembro: "Encontro de ensinantes do acordeón de Galicia, foro de debate. Sábado 4 de novembro: 3º Cer tame de Acordeón Vila de Cedeira. Modalidades: Varieté e Músicas do Mundo.1ª Mostra-Festival do Acordeón de Galicia. Concerto en vivodos grupos participantes no Festival Músicas do Mundo. Domingo 5 novembro: Gala de clausura.
E xa ven entones vostedes: tódolos belidos monstruos do curro da acreditada altura musical desta vila e zona, os dos vales e cumes de Arrasate- Mondragón, en Cedeira ó conxuro máxico do xenio, a arte e o labor cotiáns da ACC, de Xavier Díaz Carrasco, o mestre, de Cuxa, o armador do barco, de Tiano, de Verónica e Vicente, xeneradores da idea deste certame. E daquela hanse ver alí -aquí!-, tamén, reis do panteón fisarmónico de Alcobaça, vivos e apalpados na vila
e mestres internacionais de Castelfidardo de Italia (¡como lembro o meu vello e pequeno Paolo Soprani!), e quizais algún nórdico ou do Leste europeo: todos ensinando, amosando, exhibicionando e rexoubando nas plateas e nas rúas de Cedeira de Galicia
codo con codo, arcordeón con acordeón, mestres con mestres, intérprete con intérpete, xente con xente: en Cedeira, noso museo vivo do acordeón no mencer e solpor do noso Fisterre restallante e final.
Sí, eu hei ir alá, ¡miña nai!, se non morro. De vivo. Á 1ª Semana do Acordeón Vila de Cedeira. Vai merecer a pena. E moitas grazas, amigos da Asociación de Acordeóns de Cedeira. Dios volo paguiño. E que a autoridade competente, económica por suposto, volo permita. E se non, que Deus e o pobo llo demande. Iso tamén. Pero non será o caso. Diolo queira o éxito. Gracias, amigos. E iremos alá. Claro que si.