Seitureiros da Galiza que vén
Cabada Castro, Manuel - miércoles, 03 de mayo de 2017
Soñando e bailando vou ao agarradiño coa vella noiva miña, a gadaña.
Fíxose ela miña e eu fíxenme dela pra xuntos executarmos en acorde louzanía ritmos valentes na campía.
Da rexa póla do carballo é ela filla e mais do tempero da forxa.
Nas cinguidas idas e vindas escintila o seu gume, ben cravuñado na zafra, ós pés do verde abondoso da pradaría.
Brazadas do tenro e tremente herbal vanse paseniñamente deitando no chan mol, ó axustado e esforzado paso da inconsútil parella que avanta, formada por nós os dous.
Nin o refulxente astro solar enriba nin a irmá suor na fronte son quen de deter a laboura compacta e rítmica do noso esforzado segar.
Tris... tras!, ir... e vir!, adiante... e volta de novo!, comezar e recomezar no estreito e pendular impulso do axustado avantar!...
Infinda semella a tarefa, mais os soños non son menos.
Colgado da faldriqueira levo o meu corazón, rebulindo e latexando no oco corno vacún.
É, si, enxebre e lixeira a nobre ferramenta, mais é forte e resoluta a teima de liberarmos Galiza de medos antigos e de nefandas historias padecidas.
Ante o lóstrego da gadaña, asubiantes foxen cóbregas escuras sen seren agora quen de malferir os calcaños.
Veleno antigo teñen elas e saben ben o mal que fan.
Mais a liberdade é inviolábel e alenta a frescura do noso pulo ancestral, sempre novo.
Vibrantes e afoutos pairan moi lonxe antigos aturuxos no ar. Portan eles consigo a balbucinte, enxebre e ferida voz de xeracións perdidas.
Non son eles laios rendidos, senón aguilloada comunal cara á loita renovada. Son a lideira nosa de sermos, de non perdermos canto de noso temos por térmolo nós mesmos herdado.
Por térmolo recibido como sagrado galano desde a noite dos tempos idos. Lingua, si, a nosa. Terra, si, a nosa. Mar, si, o noso. Nubes e ceos, os nosos. Xentes, si, as nosas e cantas queiran compartir connosco o herdado e comunal xeito de vivirmos e morrermos.
Non queremos ser birollos, fendidos no medio e medio, nesa mesma cerna nosa, estraños a unha terra transmutada e descomposta por alleos intereses.
Pleno dereito temos a iso fronte a cantos nos ceiban solermiños asubíos pra nos facermos coma eles.
Queremos ser o que somos na terra nosa, como tamén vós quereredes ser o que sodes na vosa!
Traballa, pois, arreo, cravuñada gadaña miña, limpando a seara nosa!
Ós roibéns do horizonte final chegará o sol, señor do día, pouco antes de os morcegos empezaren a executar a súa silente danza nocturna. Á fin chega el sempre.
E cando albisque eu a destemida, a da gadaña, formulareille sen medos, si, os meus respectos. Non sen antes lle pregar, porén, que teña a ben ofrecerlle a noiva gadaña miña, sen mando agora xa e sen mans que a sosteñan, a quen a poida unha vez máis cravuñar e dela se namorar..

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora