Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel María, o poeta do mundo rural

viernes, 28 de abril de 2017
Manuel Mara, o poeta do mundo rural Creo que xa comentei varias veces que a maioría dos escritores empezaron facendo versos. O mesmo nos aconteceu ós que presumimos de escritores, aínda que deixemos moito que desexar. A este molgués que escribe pasoulle tal cal; que primeiro deulle ó verso e, agora, anda coa prosa. Cando na década dos 80 cheguei a Madrid xa escribira algún que outro “libro” de versos, entendendo por libro uns 200 folios e sen publicar, claro está.

Así é que o meu amigo alaricano Gabi (o mellor, e único, que tiven na capital do Imperio) sabendo da miña afección poética e dos meus gustos de lectura e, por que non, nacionalistas, apareceu un día pola miña mesa da oficina (traballabamos na Intervención da Facenda, en toda a planta baixa e coas seccións mesturadas) para soltarme de súpeto se quería coñecer a Manuel María. Notóuseme o asombro, porque Gabi sorriu a máis non poder. A Manuel María! Sabía del. Lera cousas del. E tiña libros del. Imposible negarse! Non me neguei.

E o venres, 20 de maio de 1982 fun con Gabi ós estudios de Radio 3, de Radio Nacional de España, onde se emitía pola tarde un programa no que se falaría de Galicia con tres invitados: un historiador, un enxeñeiro-economista e o noso poeta. Pero antes de coñecelo, o meu amigo da Ziralla planeou co locutor de que eu, por medio do teléfono, tiña dúas preguntas para Manuel María. Aquilo xa me puxo coma un flan... un pipiolo falando pola radio; e aínda que fora desde un teléfono e desde outro cuarto dos estudios. Ó saber que se oiría a miña voz polas ondas... a verdade, non sei como me atrevín. A proba é que foi o propio Gabi o que me axudou a elaborar as preguntas: “Poderías dicirme a relación básica da literatura actual galega con aquela ambientación histórica que coñecemos como lírico galaico-portuguesa?” e “Poderías aludir un pouco a Rosalía de Castro como nai dos galegos?”. Nin naquel momento nin por suposto hoxe, sei o que me contestou o poeta da Terra Chá. Tremía coma un xunco. Pola emoción, pola apurada, polo nerviosismo e, por que non, pola vergonza.

Cando rematou o programa esperamos a Manuel María e foi alí cando os locutores nos presentaron fisicamente. Eu, todo covardiño e todo emocionado deille a man e el, moi amablemente, chocouma, deume o seu número de teléfono e o seu enderezo para que lle mandase o que quixese, en clara referencia ós meus “presuntos versos e libros”. Ata hoxe. Porque o molgués que escribe parvo creo que non é e sabía ben ata onde podían alcanzar as miñas poesías: ás típicas amizades que llas imprimías por aquilo de que escribías e punto, ou para que soubesen que estabas namorado. De todas formas, algo arrepentido si estou de non escribirlle, e non para mandarlle algo, senón polo mero feito do simple contacto. Lémbrese que naqueles anos aínda non existía o feisbuq.

Como dicía, xa lera cousas del antes de coñecelo, pero desde aquel encontro na radio, aínda lin máis e aínda merquei máis libros seus. Non obstante recoñezo que o seu poema “O carro” coñézollo máis por culpa da versión cantada de Fuxan Os Ventos que pola poesía que puiden ler nun libro.

Manuel María Fernández Teixeiro naceu o 6 de outubro de 1929 en Outeiro de Rei (Lugo) e morreu o 8 de setembro de 2004, á idade de 75 anos. As súas poesías destacaban polo seu carácter combativo e polo seu compromiso político, pero o leitmotiv delas era o mundo rural. Era fillo de labregos. Labregos seica moi acomodados, pero labregos. Coma un servidor (no de só labregos, que no de acomodados... nin migalla!). Marchou a Lugo a estudar bacharelato e xa con 20 anos participaba en conferencias e integrábase nos faladoiros de Luis Pimentel e Anxel Fole, entre outros.

En 1950 publicou o seu primeiro poemario e, pouco a pouco, participou na reorganización política (na clandestinidade, claro) dos partidos nacionalistas galegos. Pasou a vivir a Monforte de Lemos e en 1979 elixírono concelleiro desta vila polo BNG. Cando se retirou da política xa dedicou por completo a súa vida a escribir máis poesía, teatro e narrativa. A súa obra é tan extensa que é imposible nomeala nesta reportaxe, nin tan sequera os seus títulos máis esenciais. Por algo, este ano, o Día das Letras Galegas levaba o seu nome cosido ó 17 de maio. E con todo merecemento. Varios espazos culturais levan agora o seu nome, entre eles, a Casa da Cultura de Barbadás.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES