Xermolos da Terra Chá
Editorial - lunes, 30 de abril de 2007
De cando en cando, hai boas novas no eido da cultura. Unha delas, coñecida recentemente é a de que a Asociación cultural Xermolos de Guitiriz da Terra Chá ven de obter o Premio de Iniciativas Culturais dos Premios da Crítica-Galicia, fallados en Mondariz.
O premio concédese pola defensa da cultura galega durante tres décadas con encontros, publicacións, certames, feiras, festivais, obradoiros e colaboracións con outras institucións culturais.
Premiar a Xermolos é premiar a Alfonso Blanco Torrado, crego das terras de Bergantiños que afincou na Terra Chá para facer a súa particular revolución cultural. E leva trinta anos facendo cultura e apostolado, atendendo á mocidade e sufrindo incomprensións, e facendo patria chairega e galega.
Alfonso Blanco é tamén o creador da Fundación Manuel María da Terra Chá (foi gran amigo do Manuel), e memoria viva de Díaz Castro, o gran poeta chairego do que é biógrafo.
Moi novo, Alfonso foi enviado polo seu formador xunto a Monseñor Arauxo, en Mondoñedo. Cando rematou aquel tempo, o Bispo pediulle ó formador: Mándame outro Alfonso.
Se en Galicia tivéramos máis Alfonsos doce, trinta, cen- Galicia sería moi diferente. Darío Xohán Cabana ollou esa Galicia, pedindo para Alfonso: Galicia ceibe, e ti seu arcebispo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora