
O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia ante a nova catástrofe acontecida no litoral galego a consecuencia do verquido de fuelóleo do Prestige, desexa manifestar o seguinte:
Existe aínda a eventualidade de que o barco solte o fuel que conserva nos seus tanques, cos consecuentes efectos negativos sobre os recursos pesqueiros e marisqueiros, e mesmo sobre o medio natural mariño nos seus variados e valiosos ecosistemas. Referímonos ós fenómenos de emulsificación, aglomeración, absorción, afundimento dos compoñentes máis pesados, biodegradación e transferencia á cadea alimentaria.
Na costa o que debe facerse canto antes é a recollida por medios mecánicos de todo o fuel posible e en ningún caso usar dispersantes, que agravarían o problema da contaminación ó engadir máis productos químicos ó medio.
Resulta agora estéril a controversia suscitada pola solución de trasladar o barco, co mal estado do mar e danado, aínda que parece, xa que logo, que non foi a máis adecuada.
Amosamos a nosa total solidariedade e apoio ás confrarías de pescadores, mariscadores e acuicultores das zonas afectadas ata o de agora e no futuro, e mesmo ós traballadores que dependen indirectamente da pesca, que de novo ven como o seu medio de vida é destruído. Queremos eloxiar o traballo dos voluntarios, moitos deles biólogos e estudiantes de Bioloxía, dos membros da Armada, de toda a xente que amosou a súa vontade de axuda do resto de España e doutros países nas tarefas de recollida de fuel e aves.
Tamén o noso profundo disgusto polo feito de que dez anos despois do anterior desastre non exista unha infraestructura que permita actuar con rapidez e que os medios materiais existentes sexan tan escasos para atallar canto antes os efectos perniciosos do verquido. En trinta e dous anos foron cinco os desastres ecolóxicos por derrame de hidrocarburos en Galicia. Dende que o Polycommander en 1970 encallase na ría de Vigo ata o Prestige, hoxe, semella que nada temos aprendido. O Estado está obrigado a atallar de maneira contundente este problema cíclico e case que predecible.
Tódolos estamentos, dende os autonómicos ós europeos, deben ser conscientes de que o medio mariño galego é complexo, dunha capacidade comparable a calquer outro ecosistema mariño do mundo en termos de productividade e moi sensible a alteracións de calquer índole, debido precisamente a ese carácter. A súa biodiversidade, hoxe en día en parte protexida e tamén moi ameazada, debe ser prioridade absoluta fronte a formas de explotación irrazoables e salvaxes. Non debe expoñerse nunca máis a ameazas que responden ó interese duns poucos que só actúan no seu beneficio propio.
Solicitamos á Administración Autonómica que realice as xestións necesarias para reclamar o alonxamento do paso de buques con mercancías perigosas das costas de Galicia. Reclamamos asimesmo o cumprimento dos máis estrictos niveis de seguridade nos buques que utilicen os corredores marítimos en toda a Unión Europea. Ademais, os portos de Galicia deben dotarse de embarcacións e medios capaces de solventar, de forma rápida e contundente, situacións como a que nos toca vivir.
Finalmente solicitamos que se axilicen os procedementos para compensar economicamente ós afectados, que se faga un seguimento das áreas litorais afectadas e que se impulse con urxencia a recuperación ecolóxica e económica das mesmas.