Hai tempo que sigo con atención as entregas dunha das revistas máis interesantes en Galicia no eido das Humanidades: Murguía. Revista Galega de Historia. Nacida no 2003 e estreitamente vinculada ao

Instituto Galego de Historia, esta cabeceira dirixida polo profesor Uxío-Breogán Diéguez tense convertido nun referente no campo historiográfico e a ela debemos importantes achegas na pescuda do pasado do país.
Desta volta quero significar a aparición do seu trixésimo terceiro número, unha publicación plural polos seus contidos, que incorpora destacadas investigacións, entrevistas, lembranzas, panorámicas e mesmo comentarios bibliográficos.
No eido do ensaístico a revista ábrese cun traballo do propio director, quen recupera un documento inédito da Dereita Galeguista a propósito da data de convocatoria do Estatuto de Autonomía de Galicia no 36, comunicado que asinaran sinalados intelectuais de entón como Banet Fontenla ou Filgueira Valverde.
Alén desta significativa exhumación, o volume conta tamén cun detallado seguimento da participación e saída do activista celanovés Pepe Velo no DRIL (Directorio Revolucionario de Liberación) levado a cabo por Xurxo Martiz Rodríguez; unha rememoración da intentona republicana de Crecente (Pontevedra) de 1905 que estuda Perfecto Ramos Rodríguez; unha revisión do papel esencial de Antón Alonso Ríos no agrarismo tomiñés dos tempos da II República que escribe Natalia Jorge Pereira; unha acaída síntese da historia da prensa e a edición de libros na emigración galega da Arxentina e Cuba da que se encarga Prudencio Viveiro Mogo, co-coordinador e secretario da revista; un apuntamento verbo de Carlos López García Picos e o seu labor musical na nosa emigración que rubrica Ángel Arcay Barral e unha evocación da amizade que uniu a Xosé Estévez con Manuel María e os episodios vitais compartidos que describe o primeiro.
No apartado dedicado á entrevista os responsables da publicación tiveron o acerto de conversar con Manuel Gago, xornalista e profesor da USC, amais de director do portal dixital do Consello da Cultura Galega e estimable activista e divulgador. As declaracións deste ao director e ao secretario da revista iluminan ángulos que moito fan pensar sobre o valor do noso patrimonio material e inmaterial e a súa proxección, ofrecendo preciosas pistas para a súa mellora.
A lembranza do caderno céntrase na figura de Antón Losada Diéguez, de quen se traza un breve pero substancioso perfil e se transcribe un artigo de xorne declaradamente nacionalista publicado en A Nosa Terra en 1922.
Unha panorámica descritiva dos fondos galegos da Biblioteca Universitaria de Santiago trazada por Pedro Incio, algúns comentarios a libros dos últimos meses que analizan Viveiro Mogo, Gustavo Herbella e Xosé Manuel Malheiro, xunto a dous breves apuntamentos sobre sitios web (www.onosopatrimonio.blogspot.com e penafurada.net) son as achegas coas que se pecha este número de Murguía, coma outras veces ben coidada na súa edición material e ilustrada con diversas fotografías.
Os interesados no noso pasado, mais tamén aqueles que queiran estar informados das raiceiras onde afinca o presente e cales poden ser os referentes nos que espellarnos para o futuro teñen en Murguía unha publicación de lectura proveitosa, que non defraudará os máis versados e abrirá espazos de saber a aqueles que procuren referentes sólidos a través dos cales profundar no coñecemento desta terra nosa, da que tanto cómpre seguir (re)descubrindo.