Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre lusco e fusco (4)

martes, 18 de abril de 2017
¡Nin dentro, nin fóra!

¡Xa estamos na Gloria! Levounos vinte séculos, pero, por fin, nesta España dos meus amores xa non hai pecados nin pecadores. ¿De onde tiro esta conclusión? Véxoo cos meus propios ollos…, con só contemplar os confesionarios das nosas igrexas! Como non hai enfermos, xa non vén Entre lusco e fusco (4)o Médico: ¡Todos sans, todos salvos!

No franquismo era habitual ler na prensa esta referencia: Habilmente interrogado…, confesó! Agora, polo XXI arriba, non se confesa, nin nos xulgados nin na igrexa: ¡Todos inocentes! Cústame crelo, así que me inclino a pensar que tanto nos endeusamos que nin de Deus precisamos. A Deus demos en consideralo un Primus inter pares; ¡nin máis nin menos!

No franquismo só Franco entraba e saía baixo palio; hoxe en día, baixo o palio da impunidade desfila boa parte da clase política; cansámonos de ser mandados polo clero, e agora sómolo por eses nomes que saen das urnas; ¡en listas cerradas, para máis privilexio! ¿Que era o paganismo, unha manchea de deuses? ¡Pois evolucionamos, que agora “paganos” somos os contribuíntes! ¿Anarquía? ¡Non; por Deus, non, pero un só Deus, iso si; unha Trindade, e punto!

Os poderes, son revogables? ¡Eran, pois agora volven a esixilos; si, a esixilos; de catro en catro anos, e así sucesivamente, ad infinitum! ¡Claro, os nosos apoderados son infinitos, son deuses!
-.-

La Sagrada Familia, de Goya

Templos da Sagrada Familia. Xa sei, xa coñezo, xa visitei, ese monumento monumental de Barcelona… ¿De Barcelona? Enteiramente, non, xa que moitas das súas pedras foron talladas, e levadas, de aquí, de Parga, así que algo, unha boa parte, nosa é, pero hoxe, meus nenos, vouvos falar doutro templo, igualmente dedicado á Sagrada Familia, que se non o está debera estalo, indefinidamente, solemnemente: ¡As reunións familiares!

Despois da Misa, nada tan sacro coma o culto familiar; sacro, pero un tanto en crise hoxe en día; tanto, que me ten abraiado, así que vou dedicarlle este grauíño de area xa que non podo poñerlle pedras grandes, perennes, tal que esas de Parga. ¡Benditas reunións familiares…, cando non expulsamos delas a Xesús, a María e a Xosé!

Deben celebrarse periodicamente, para que non se arrefríe a relación parental; de non ser tódolos sábados, sábados ou domingos, qué menos que unha vez ao mes! Coma nos tempos bíblicos, a mesa debe presidila o Patriarca, acompañado da Avoa, e ambos rodeados dos netos, pois os fillos ocuparán a outra cabeceira. A primeira parte do ritual debe ser acender unha vela, por uns minutos, en sinal de evocación, de chamamento, polos falecidos dos alí presentes, facéndolles notar que seguimos na súa lembranza, agradecidos pola doutrina que nos ensinaron. Seguidamente, a Avoa, ¡que non hai avoa que non sexa santa!, bendicirá a mesa; máis ou menos así: Bendícenos, Señor, e bendí estes dons que, dados pola túa bondade, imos tomar; que o Rei da Gloria non faga partícipes da Mesa Celestial. Amén!

¿Qué; unha familia así, é, ou non é, familia? ¡Se non é sacra, vai camiño de selo, quere selo!

Cando, por razóns de traballo, ou doutras circunstancias, que non por desafectos, a familia está escangallada, aos que dela queden quédalles a fórmula sacramental de facer o mesmo, pero rememorando os ausentes, pedíndolle a Deus que nos arrexunte de novo; se non pode ser na terra, no Ceo si, indefectiblemente!

¿Qué é un Estado? ¡Unha integración de familias! Daquela, se as familias se distancian, o Estado aborta, estoupa!

Nota: Esta lección aprendina, repaseina ben repasada, na miña emigración, nas miñas ausencias do lar paterno. ¡Acredito nela, como din os irmáns de Portugal!
-.-
Entre lusco e fusco (4)
¡Subir a Lugo, unha epopea!

Tomo prestada esta foto pois dos coches de Trigo non as teño, e logo que, aínda que un dos seus herdeiros se casou con unha prima miña, do Zapateiro de Fonteo, xa non sei onde viven para pedírllela. Para o caso dá igual, pois aquel problema foi xeral; o que máis me importa é deixar constancia da forza que colleran as nosas mulleres, e non precisamente facendo ximnasia, ou si, pois tal era, por máis que recibise outro nome: Coa escaseza de varóns, tanto durante a guerra como na post, as mulleres de miña bisbarra igual araban que calcetaban. ¡Con iso e con todo, mirade que ten estatuas e rúas o meu Lugo, pero aínda non lles puxeron monumentos ás mulleres monumentais da ¿nosa?, da nosa guerra, non, da deles, da de catro caciques temerosos de perder o mando, e co mando o machismo daquela imperante!

Eu coñecía á Carme do Antón Grande de Vilarín, e non só de ir á Misa a San Cibrao, que case ocupaba a porta da igrexa cando entraba ou saía, así que, de par dela, só os anxos! Chamábanlle o Grande a seu pai, pero a filla non necesitaba dun ADN para evidenciar a súa procedencia. Seica casou, pero daquela eu estaba en África, e ninguén me mandou a dicir con quen; ¡seguro que foi con un fillo de Hércules, pois os outros…! Mirade que tiña forza o Sidro do Campo, pero a súa veciña, aquela Carme…, monumental! Vilarín non é un lugar excesivamente abeirado, e ata debe favorecer as crianzas xa que tanto medran e tan fortes saen. O espectáculo que vou referir non o vin, pero contóunolo, precisamente sentado na banca da nosa lareira, José da Caseta:

-Mirade que vin mulleres rexas alí na fronte, que, ao avanzar nós, os seus homes abandonaban as casarías, quedándose elas, elas e mailos nenos…

Interrompeuno meu avó:

-Pois iso…, ata sería perigoso, co mullereiros que son os mouros…

Non dixo máis nada, pero eu, que xa oíra falar de violacións, adiviñei a parte omitida.

-¡Non o sabe ben, que non había Sarxento que os frease! Pero a de hoxe témola na parroquia…

O avó, entremeténdose de segundas:

-Non fai falta que digas o nome, ou si, pois Carme soa ben!

-¡O de Carme é pouco, pois unha rapaza así merecía dous o tres nomes! O caso foi que estando eu trenzando xestas, aí arriba, no vedro da Poza do Barro, para facer a sebe que nos correspondeu, e non sei cómo, levantei a cabeza, que ata fixen viseira coa man, pois estaba rompendo o sol, pero algo debín oír para que me chamase a atención. ¡Vaia se me chamou: A Carme de Vilarín, que baixaba polo atallo, cunha vaca, e atopouse co camiño cerrado coa sebe do vedro! Tíñao fácil, dar a volta polo Escouredo, ou seguir polo camiño que vai á Graña. Tiven claro que quería baixar aquí a Bergland, coa vaca deshonesta. Nisto, que a pouco se me saen os ollos: Carme meteuse debaixo da vaca, por entre as patas dianteiras, e upando nela, arriba, púxolle os pezuños enriba da sebe! A vaca, miña pobre, qué lle quedaba senón obedecela, así que se foi para adiante, de fociños, e caeu espatarrada do outro lado da sebe! Despois saltou a Carme, simplemente con apoiar unha man nunha das estacas, e ¡zas!, caeu enriba da vaca!

Meu avó, co pícaro que era:

-¡Pobre vaca, qué desilusión se levaría ao verse coa Carme enriba, cando ao que viña era ao touro, aí, á Casa Grande!

Con isto visto e oído, xa non me sorprendín cando, na mesma banca, meses despois, se presentou o Manuel da Nogueira, que era cesteiro, levándonos unha cesta de talas:

A madriña:

-¡Ai, ho, que es ben oportuno, pois ata tiñamos poucas, e logo vén o tempo de recoller as mazas! Xa nos dirás canto é?

-Nada, señora, que llela traio en penitencia polos meus pecados… ¡Roubeilles un carballiño, aí adiante, no chousiño, para cestos, e esta quedoume sen vender nas feiras do San Froilán, así que me dixen: Foi cousa de Deus, que me manda restituír!

-¿Así que vés do San Froilán? ¿Non irías coas cestas ao lombo?

-¡Pouco menos, pois ao lombo leveinas ata Luaces, en catro viaxes, e alí collín a Liña de Trigo, para Lugo! Por certo, voulles xurar que é verdade o que logo direi, pois como teño sona de ladrón e de mentireiro, igual non me cren!

Os cesteiros sempre tiveron sona de ladróns, de ladróns de árbores, e despois mentían dicindo que traían as talas de aló lonxe, da Marronda, así que oímos e calamos, esperando aquela novidade, aquela promesa:

-Cando empeza a Costa de Teixeiro, precisamente naquel descansiño onde está facendo unha casa ese cura do harmonio, ía tan cargada a Liña que nos mandaron apear…, para empuxar; eramos todos homes, menos a Carme; ela mirou para o señor Avelino, para o chofer, e díxolle: -Estes vaidosos que se poñan polos lados, para enderezar o coche, por se lle forzo a dirección, que por atrás, axudándolle ao gasóxeno, chego eu, de sobra!

Miña madriña:

-¿E chegou, co longa e co súpeta que é a costa de Teixeiro?

-¡Se a vise…! Arriba, onde comeza a baixada, parou o coche para que volvésemos a subir, e aquela, o señor Avelino, díxolle á Carme:

-Se nos fose porque che teño medo, que igual me estrangulas con unha aperta das túas, dábache un bico…, de agradecemento!

-¿Deullo? –Preguntou o padriño. E Manuel:

-Non, non chegaron a bicarse, que ela aceptaba, pero o señor Avelino tívolle medo!

¡Canto sinto non chegar a coñecerlle o seu Obelix, que moi grande e moi famoso debeu ser para atreverse a casar con aquela Carme de Vilarín! Din que a muller e maila sardiña, canto máis pequeniña, pero…, iso…, segundo os casos!
-.-


¿Somos trinitarios? Aínda que noutro plano, noutra magnitude, e salvadas, por suposto, as infinitas distancias, algo si, algo diso temos: corpo, alma, e…, conciencia! ¿Témola todos, iso, a conciencia? ¡Pois óese dicir de algún desalmado que non, que non teñen conciencia! En vista diso, analicemos:

Corpo é ese cacho de materia que tende ao repouso, á preguiza, e non obstante, por contraditorio que pareza, está dominado pola inercia: cánsase cando fai o ben, e séntese estimulado cando fai o mal. Tal parece que non pode coa alma, que se cansa de obedecela, de acatala, de servila.

A alma, que a temos albergada no corpo, recuperará aquelas potencias do Paraíso cando se vexa liberada, cando o corpo se canse de sostela. De momento, e tamén resulta enigmático, é, está, escrava do corpo. ¿Manda o corpo na alma? ¡De momento, todo parece indicar que si, que non lle queda outra escapatoria: está sendo mangoneada pola materia!

Pero hai, temos, outro elemento, que vén a ser un lazo, unha atume: do corpo para coa alma; e da alma para o corpo. ¿Asunto complexo, non si? Complexo, pero certo, que aí está, e aínda que se diga “ese Tal non ten conciencia”, ¡témola todos; todos, pero non todos a teñen, ou a temos, educada!

¿Educar a conciencia? ¡É algo parecido a unha árbore: Se lle poñemos esteos, medrará dereita; mais, se a pisamos, se a deitamos, se a forzamos, se tiramos dela para o chan, ¡pobriña!, vaille ser difícil o enderezo, acabará sendo rastreira, o que se di unha repanda!

Unha conciencia educada, formada, asesoraranos, ben asesorados, ao longo da vida; ¡non teremos mellor amigo! Daquela, ¿cómo se educa, cómo se forma? ¡Meu neno, como todo o demais: desde a infancia! ¿Mestres? ¡Bos pais, bos libros, bos amigos, películas decentes…; e tamén as nosas orellas, e coas orellas os ollos, orientando os sentidos corporais na dirección correcta, na do amor ao próximo, que é nada menos que un Mandamento dos de Deus, así que, con esa procedencia, non pode ser cousa mala!

Nesta relación, nesta comunicación, o de salvar a alma, o de purificala, o de conducila na dirección correcta, aínda que diso non nos decatemos, ou pouco, depende rotundamente da dirección que lle deamos, que lle imprimamos, á nosa conciencia: As mans son do corpo, pero o volante do noso vehículo é, chamámoslle, conciencia! ¿Verdade que é un pracer conducir calquera tipo de vehículo, desde a burra ao avión? ¡Pois non che digo nada conducir a nosa alma, en liña recta ou coas menos curvas posibles, desde a terra ao Ceo, que é o traxecto que nos encomendou, fai disto XX séculos, o noso Redentor! ¡Xa veredes cómo nos aplauden os anxos, e cos anxos a nosa xente, os nosos amigos, os nosos parentes, cando nos vexan chegar, vitoriosos, á final do traxecto, do noso traxecto vital! ¡Iso vai ser gloria pura, inmarcescible! ¡Seino desde a lareira!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES