Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 12 de abril de 2017
Canto custa decidir!

Ás veces custa unha barbaridade tomar decisións. Se dis que é boi, tes medo de que sexa vaca. Se dis que vas, ó momento xa pensas que é mellor quedarse quieto. Se acordas algo, quédache a conciencia dálle que dálle por se o acordo debería ser outro. Canto custa decidir! Cando por un casual o fas... e mira que se era da outra maneira. Estás nun lugar e decides desprazarte a outro porque hai máis sombra, por exemplo. Ó pouco a maldita sombra xa te fai arrefriar. Se confundes o touciño coa velocidade tes que chegar á conclusión de que es parvo. Emporiso, mentres non chegas a esa conclusión, a esa dedución, o teu pensamento Pingas de Orballovai e vén por todos os recantos da indecisión. Se chamas polo gato e aparece o can. Se dis a ollo que de aquí a alá hai 20 metros e resulta que son outros 20 máis, definitivamente es parvo. Así de simple e así de sinxelo. Canto custa tomar unha decisión ou quedar coa conciencia tranquila! En efecto, se tes conciencia non es tan parvo.

Momentos para todo

Cómpre o tempo. De facer cousas antes de ver a típica película noitébrega. É que ata agora estiven lendo para poder rematar co libro "Todo canto fomos", do escritor morañés Xosé Monteagudo. Foron 523 páxinas que me gustaron moito. A verdade é que non me esperaba atoparme cun libro así. A novela percorre máis dun século da historia galega cuns acontecementos que enganchan. E xa teño sobre a mesa "A festa do Chivo", do premio Nobel Mario Vargas Llosa que me deixou o meu compañeiro. Non empezo xa a lelo polo dito: porque me cómpre o tempo para escribir este relatiño e así poder ver a película da tele. Canto me gusta ler e ver cine! E iso que son futboleiro, moi futboleiro. Polo que sigo insistindo que o fútbol non ten por que amoucar á cultura, non ten por que apaiolar, idiotizar o intelecto ou o raciocinio. Se organizamos ben o tempo, temos ocasións, momentos para todo; para comungar de cando en vez coa "masa" e para darlle estopa ás palabras cultas e ás imaxes gratificantes.

Que gozada o recordalos!

Logo de ler un cacho pola estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres, opto por subir, andando, pola "Calle" ata o barrio da Igrexa. Pero xusto ó chegar á entrada da vila lémbrome daquelas noites nas que chegaba do monte cantando. Sempre cantando. Antes de chegar á altura da Pitediña cantaba, que carallo, por medo, para correr o medo. A ver!, sempre me gustou dar a nota chegando de noite pecha; había veces que tiña que botarme a correr para ver onde ía a primeira vaca, pois desde a cola da fila que armaban (si, só eran tres vacas, pero non ían todas ó Pingas de Orballomesmo paso) non alcanzaba a ver o principio. Logo da Pitediña xa cantaba para, por que non, presumir un pouco. "Aí vén o Chito. Mira que lle gusta vir tarde do monte". E, ó mesmo tempo, para dar a coñecer as cancións de Camilo Sesto, Víctor Manuel e Juan Pardo, os grandes daquela época para este molgués. Estamos a falar dos anos 70. Tempos que foron e que xa non volverán, pero que gozada o recordalos!

Contemplan a vida pasar

Sei de dous lagartos que contemplan a vida pasar. Desde o alto dunha casopa perdida entre os outeiros da soidade. Un deles outea, esculca os confíns do monte mentres o outro segue os seus movementos. Móvense por entre as tellas derruídas, por entyre as paredes esborraladas e de cando en vez deixan que as súas barrigas temperen as ansiedades dun soño. Pero non sempre a calma é total nas horas nas que máis sol vai. Ás veces oen ruídos e ven movementos que non saben se son dun reloxo que anda ou dun tempo que morre sinxelo e en silencio. Eles mesmos procuran non arrastrar os rabos para non facer ruído polas tellas. Nun chiscar de ollos, o máis pequeno chouta de tal maneira que mesmo semella que participa nas olimpiadas dunha tarde pachorrenta e aborrecida. A acción pon ó outro frenético e foxe coma can con vincha ó rabo ata o outro recanto da chabola. Ó unísono erguen os pescozos, asexan e, pouco a pouco, acougan, sosegan para contemplar a vida pasar.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES